“Nestes tempos convulsos para o noso país, que mellor que reivindicarmos a ousadía de Rosalía”

Artigo en Sermos Galiza:
“A Casa da Matanza, en Padrón, acolle este domingo a partir das oito do serán a conmemoración dos 127 anos do pasamento da poeta silenciada. Música, versos e discursos ao redor da súa figura farán parte do acto organizado pola fundación que leva o seu nome. Falamos con quen a preside, Anxo Angueira.
“É inmortal, segue a falarlle ao pobo galego xeración tras xeración, e aínda hoxe di cousas novas”. Quen fala é Anxo Angueira, un rosaliano por convencemento e de paixón que leva mes e medio á fronte da fundación que leva o nome da poeta silenciada. Se ben lembra que “a súa figura e o seu discurso pasaron por distintas épocas”, recoñece o profesor a beatificación oficial que se fixo de Rosalía, desposuíndoa do perfil arisco, espiñento. E reméxese en contra. “A sacrilización ou canonización da autora impediu ver o perfil máis activo, mais este discurso foi mudando”, incorporando a lectura social, política, feminista e estética. “Os redutos onde fica a idea da Rosalía nai e santiña son xa moi escasos”. (…)

Programa do acto na Casa da Matanza. 15 de xullo, 20:00 horas:
A palabra de Rosalía. Declamación de Ana Blanco.
– Xesús Alonso Montero.
– Xosé Ramón Barreiro Fernández.
Poetas con Rosalía: Xavier Rodríguez Baixeras, Marica Campo, Cándido Duro, Mario Regueira, Lorena Souto e Dores Tembrás. Presenta Dolores Vilavedra.
– Actuación de Najla Shami, que interpretará pezas musicais con letra de Rosalía de Castro.
– Peche do acto: o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira Viturro.

Crónica posterior no mesmo medio, Sermos Galiza.

Alba de Gloria no Pico Sacro 2012, o sábado 21 de xullo

“Diante do desleixo e desprezo cara a nosa cultura, a Federación de Asociacións Culturais GALIZA CULTURA vai celebrar o vindeiro sábado 21 de xullo unha lectura pública do ALBA DE GLORIA de Castelao desde o cumio do Pico Sacro, espazo simbólico no que a terra se fai espírito e que a cultura do noso pobo recubriu de significados ao longo dos séculos. Rememoramos á xeración do Seminario de Estudos Galegos que reparou neste lugar emblemático, visitou e estudou, amosando unha actitude intelectual de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que agora se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo. (…) O acto consistirá na subida ao Pico Sacro ás 12:00 h. desde a capela de San Sebastián na que se fará unha recepción dos asistentes cunha intervención de benvida da escritora Marta Dacosta. No cumio do Pico izarase a bandeira galega e farase lectura ao Alba de Gloria, coa intervención de Mª Pilar García Negro como presidenta da Galiza Cultura. Farase unha visita guiada ao redor do Pico comentando a súa historia, valor natural e paisaxístico. E as 13:30 h. terá lugar un xantar de confraternidade no pé do Pico, no Restaurante “Vía da Prata”, logo do cal se celebrará unha actuación musical do grupo A Quenlla, con recital poético e intervencións de representantes das diferentes asociacións culturais na defensa da nosa cultura.”
Máis información e inscricións nesta ligazón.

Cardiff, Gales: X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), do 12 ao 14 de setembro

“A Universidade de Cardiff, en Gales, acollerá do 12 ao 14 de setembro o X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) baixo o título Galiza alén do Arco Atlántico. Unha visión multidisciplinar dos estudos galegos. Participarán ao redor de 125 relatores, tanto galegos como tamén expertos doutros países que centran as súas investigacións en Galicia. Aproveitando o marco da capital galesa de Caerdydd (Cardiff, no seu nome en inglés), este X Congreso busca servir de plataforma desde a que contribuír a desenvolver unhas liñas de diálogo tematicamente transversais e interdisciplinarias sobre Galiza no contexto do Arco Atlántico, mais tamén facéndose extensíbeis a outros ámbitos periféricos e de minorías, e ao marco global en xeral.
– 1) Formulario de matrícula e información sobre prazos e prezos de inscrición:
Descarga aquí o formulario de matrícula no X Congreso da AIEG, que debedes enviar tesoureriaaieg@gmail.com. Nese documento xa atoparás toda a información sobre os distintos prazos e prezos de matrícula. Lembra que se queres facerte socia/o, podes descargar o formulario de Alta da web da AIEG e seguir as instrucións que se indican en: http://estudosgalegos.org/asociate.php
– 2) Programa provisional:
Descarga aquí a versión máis actualizada do programa do congreso (6 de xullo 2012), con información sobre a estruturación en bloques de sesións paralelas de relatorio, conferencias plenarias, actividades musicais, cea do congreso, e celebración da asemblea trianual da AIEG. Nuns días faremos pública a información sobre as sesións paralelas (relatorios e paneis). Xa está dispoñíbel o programa do Obradoiro de Estudos Rosalianos que se desenvolverá os días xoves 13 e venres 14 de setembro. Está prevista a participación, entre outras persoas, de Carlos Callón, Carlos Caetano Biscaínho, Laura Tato, Carme Fernández Pérez Sanjulián, Francisco Salinas, Luís Martínez-Risco, María Xesús Nogueira, María Liñeira, Carmen Mejía Ruiz, Olivia Rodríguez, Chus Pato, Aurora Marco, Anxo Angueira, Marga Romero, Kathleen March, María Xesús Lama, María do Cebreiro, María Reimóndez, Eva Moreda e Helena González Fernández.
– 3) Lugar de celebración do Congreso. O principal lugar do congreso é a Cardiff Business School, Cardiff University. Consulta aquí o mapa do campus universitario “Cathays Park Campus” da Cardiff Univerity/Prifysgol Caerdydd – http://www.cardiff.ac.uk/locations/maps/index.html.”

Aid rapea a Rosalía

“Na Feira do Libro de Vigo presentouse o día 3 o disco-libro de Aid, Rapoemas, un traballo sorprendente na que a voz máis coñecida do rap galego canta poemas de Rosalía, Curros ou Manuel Antonio. Poemas, escritos algúns no século XIX, que volven aos ritmos actuais e urbanos do rap a través desta singular iniciativa que pode achegar á xente máis nova outra forma de ver a nosa historia literaria. De todos os poemas escollidos, Aid, nome artístico de Aida Alonso Iglesias, foi en Rosalía onde atopou a materia máis acaída para o rap. “Os seus poemas teñen un ritmo marcado, os versos saen moi libres e adáptanse con facilidade á música” sinala Aid que, se pode escoller un deles queda, sen ningunha dúbida coa forza e a enerxía de A xustiza pola man. Tamén responde á filosofía rapeira o A emigración de Manuel Antonio que, ao seu ver, “está moi no día, moi aplicábel ao momento que vivimos, cando hai moita xente marchando de novo do país”. (…) “Nese sentido o traballo pode ser positivo, facer que a xente que se achega ao rap mire con outros ollos aos poetas e a xente que le poesía galega vexa doutra maneira o mundo do rap, co que tamén hai prexuizos”. (…)” Vía Sermos Galiza.

Ponteceso: convocatoria para participar en recital de poesía contra a mina de Corcoesto

Estase organizando un recital de poesía contra a contaminante mina de Corcoesto (Cabana de Bergantiños) que se baralla para o día 11 de Agosto. Contaremos coa presenza musical do amigo Serxio Moreira ao piano e buscamos un ou varios pintores que se animen a facer un cadro en directo.
De momento a nómina de autores é a seguinte: Paco Souto, Xosé Lois Cabanas, Miguel Mato e Óscar de Souto. Así que velaí, se podedes e queredes participar no recital, quedades convidados.
Será en Ponteceso, probabelmente na casa dos veciños do Couto. Podes comunicar o teu interese en participar no correo electrónico: pacosouto@hotmail.com. Sería fantástico que fixerades un poema ad hoc.

Cangas: presentación de Dramatículas, de Afonso Becerra de Becerreá

O xoves 5 de xullo, na Capela do Hospital de Cangas, dentro da 29 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, realizaranse dous microespectáculos a partir dunha das Dramatículas, de Afonso Becerra de Becerreá (publicadas en Laiovento). Un da actriz e performer María Roja, que conta coa colaboración no espazo sonoro de Berio Molina, e outro da actriz Paula Pier, con dirección e dramaturxia de Diana Mera.

Sarria: entrega do XII Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño e Roteiro literario a Lóuzara, o 7 e 8 de xullo

O sábado 7 de xullo, a partir das 20:30 horas, na Casa da Cultura de Sarria, terá lugar a entrega do XII Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, organizado pola Asociación Cultural Ergueitos. No acto, xunto á autora premiada este ano, Cristina Ferreiro, participan Estevo Creus, Antía Otero, Francisco X. Fernández Naval e Xerardo Quintiá, coa colaboración da bailarina Amparo Novas e o músico Iván Ouro.
O domingo 8 de xullo terá lugar unha nova edición do Roteiro literario a Lóuzara, con saída ás 11:30 horas. Para inscribirse nel e ter máis información pódese contactar con María Casar (teléfono 678601550 e correo mariacasar@hotmail.com) ou con Xerardo Alvaredo (teléfono 677429225 e correo gerardoalvaredo@gmail.com).