Antía Yáñez: “A ficción non é a realidade, pero si confire realidade”

Entrevista a Antía Yáñez en Praza:
“(…) – Praza (P): [Non penses nun elefante rosa] É unha historia de amizade entre unha muller, Aurora, na trintena, e un neno, Brais, de 10 anos. Como xorden estes dous personaxes?
– Antía Yáñez (AY): O que quería era falar dunha muller que tiña un Transtorno Obsesivo Compulsivo (TOC). Ademais, a min gústame que haxa personaxes infantís nos libros para adultos e personaxes adultas nos libros infantís e xuvenís. Porque os adultos esquecémonos de como eramos de de pequenos e pensamos que non podemos aprender nada dos nenos, o cal non é verdade. Quería, neste caso, que houbese un neno que tivese un papel protagonista, que non adoita pasar na literatura para adultos. Este personaxe sérveme de catalizador para a figura de Aurora. Porque ela non está tan ben como pensa e porque el, o neno, é o único que lle di as cousas como son, axudándolle a facerse preguntas que non se atrevía a facerse a si mesma.
– P: Como te documentaches sobre o TOC? No libro está moi reflectido como funciona, a partir do pensamento intrusivo que asalta a Aurora constantemente.
– AY: Eu teño TOC e, como lle pasa a Aurora, a min tamén me custou moito contar o que era, porque é un gran descoñecido. Agora si que se está falando bastante de ansiedade, pero custa explicalo. Si que tiña claro que o pensamento intrusivo, que aparece en calquera momento, ía aparecer no texto, e por iso as cursivas. É algo que non é fácil de explicar. Pensamentos que sempre están aí, que ás veces falan máis alto e outras máis baixo, pero que nunca se van. Pero é que ademais eu nunca o vira explicado na ficción. E por iso quixen que estivese.
– P: Na literatura galega o tema da saúde mental está a tratarse bastante ultimamente.
– AY: Eu empecei con este libro antes da pandemia, antes de que un deputado falase no Congreso de saúde mental, por exemplo. Eu procuro escribir do que me interesa a min. Así foi en Senlleiras: eu tiña preguntas sobre a violencia machista e decidín escribir este libro. Desta vez quería tratar o tema do TOC desde a ficción, que me permite achegarme dunha forma máis amable e amena. O que acontece co tema da saúde mental tamén é que, se antes se falaba cero, agora igual se fala un 20%, entón parece que é moito. Pero penso que era inevitable que acabase aparecendo, porque a sociedade ten cada vez máis problemas de saúde mental. Eu collín e deixei este libro moitas veces, pois a pandemia non me fixo moi ben. E ao final coincidiu que o acabei cando se empezou a falar máis na literatura sobre saúde mental. (…)”

Tito Pérez: “Trato de contar historias da nosa sociedade, de aquí, con argumentos de aquí”

Entrevista de Ubaldo Cerqueiro a Tito Pérez en Xornal da Coruña:
“(…) – Xornal da Coruña (XC): Dende cando escrebes?
– Tito Pérez (TP): De pequeno, con 14 anos, cos trobadores Martín Codax, comecei a escribir poemas de amor á típica rapaza que pasaba de ti… Despois xa na carreira empecei a escribir relatos, xa nalgún dos primeiros gañei un premio, e a partir de aí funme animando, a escribir, presentarme…
Eu escribía sobre todo relatos, e algo de poesía. Publiquei o primeiro libro de relatos, despois o segundo, e agora a miña primeira novela.
Por agora, publicando gaño poucos cartos, pero cos premios algo se fai.
– XC: Como nace Latexar de barrio. Vivencias e conflitos na sociedade real dun barrio? Levaba tempo fraguándose na túa cabeza?
– TP: Escribino a raíz dos primeiros 20 relatos realistas. Todo están ambientados na nosa sociedade. Non é que sexan nas rúas de Coruña. Hai algún por exemplo, que se dan nunha casa, con problemáticas de aquí.
O caso é que un dos 20 relatos do primeiro libro chámase “Latexar de Barrio”, e é un percorrido dende a praza de España ata casa dos meus pais. O protagonista chámase Curros (sabes que Curros está enterrado no cemiterio) e va contando o que ve.
Intento describir a sociedade galega e os seus conflitos, no caso de ser lido, que a sociedade reflexione para mellorarse. Intento non caer no panfleto, pero ten unha intención clara. Eu non xulgo, describo -o que fan, e que cada un saque as súas conclusións.
A novela O grupo vai sobre o bulling, por exemplo, cunha intención clarísima, das cousas reais e frecuentes. (…)”

María Canosa: “Sempre me chamou a atención o que a sociedade intenta converter en uniforme”

Entrevista de Laura Veiga a María Canosa en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como foi saber que gañara o Premio Carlos Mosteiro?
– María Canosa (MC): Chamáronme cando eu comezaba a actuar nunha obra, polo que non atendín o teléfono en dúas horas. Foi moi especial porque estaba alí a miña familia, a da casa e a do teatro, polo que en canto me puxen en contacto co xurado e me comunicaron que fora a gañadora puidemos celebralo no momento. Penso que foi mellor así, igual se tivese collido o teléfono antes de comezar teríamos que ter agardado para que eu puidese actuar.
Un premio sempre axuda a que sigas, porque o oficio da escrita non sempre é sinxelo e fai moita ilusión que se recoñeza que, cando menos, o que estou facendo está ben. Penso que é especialmente importante con esta obra, non só por tratar un tema delicado, senón tamén porque eu buscaba transmitir unha historia realista, que non se dulcificase en exceso.
Aínda que eu en parte escribo porque me gusta, por outra parte tamén penso que teño que facelo e síntome cunha certa responsabilidade de contarlle á rapazada historias que se teñen que contar, que mostran as arestas da realidade. Que o xurado destacara precisamente o realismo faime moita ilusión. Ás veces unha intenta transmitir algo, mais non sabe se a persoa que le a historia está entendendo xustamente iso.
– ND: Como xurdiu a historia de Teño un volcán dentro?
– MC: Eu teño dúas nenas e cando es nai observas as crianzas dunha maneira moito máis minuciosa, tanto as túas como o comportamento que teñen as da súa contorna. Sempre me chamou a atención os comportamentos das persoas e o que a sociedade etiqueta e intenta converter en uniforme. É algo que sempre levei bastante mal, precisamente porque eu mesma tamén me sentín diferente en moitas ocasións en diferentes aspectos e etapas da miña vida.
Intentando protexer as miñas rapazas e explicarlles desde moi novas que a diversidade sempre suma e que temos que aprender dela e entendela como algo positivo, esta era unha historia que tiña ganas de escribir. Ao final é a historia dun rapaz que ten unha diferenza con respecto a outras persoas e quería explorar como se sentiría el e como o farían sentir as persoas da súa contorna.
De feito, cando estou en grupos con moita diversidade, preocúpame moito máis como me comporto eu que como se comportan as persoas que teñen estas diversidades. O que ocorre é que ás veces tardas en informarte, en recoller textos e valoracións de persoas entendidas no tema, entón é algo que eu precisaba repousar para sentirme preparada para contar esta historia. (…)”