Arquivo da categoría: Narrativa
Bueu: encontro de Nadal con Ledicia Costas e El Hematocrítico
Juan Tallón: “A esencia da xuventude é pensar que nada vai poder contigo”
Entrevista a Juan Tallón no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Un grupo de estudantes fan unha festa na súa casa en Lyon, cando de súpeto, o edificio salta polos aires. É o comezo de Rewind, unha novela que trata de rebovinar o acontecido esa noite, desde diferentes ángulos. Unha exploración dos personaxes e dos feitos, despois dese suceso. Foi un éxito en castelán e agora Rewind está en galego editada por Kalandraka, nunha tradución feita polo propio autor con algún pequeno cambio. A entrevista pode verse aquí.”
Compostela: presentación do libro ilustrado Saínza. A punkiereteira, de María Canosa e Cristian F. Caruncho
Boiro: Antón Riveiro Coello asina exemplares de Días de intemperie
María Solar: “Ás veces, non estamos preparados para o que pasa no mundo”
Desde Faro de Vigo:
“A presentadora e escritora María Solar está a presentar o seu último libro ata o de agora, A culpa, Premio Xerais de Novela, por toda Galicia e tamén recalou no Club FARO en Vigo. Alí falou principalmente das dúas protagonistas do libro, dúas mulleres “fortes”, destacou, que deixan Galicia coa súa adolescencia para emigrar a América unidas sempre ambas as dúas por un segredo e tamén pola culpa. Sobre a historia destes dous personaxes pero tamén tendo en conta a realidade, Solar sinalou: “Ás veces, non estamos preparados para o que pasa no mundo”.
Presentada polos tamén escritores Fran Alonso (este, ademais, editor de Xerais) e Eva Mejuto, a autora compostelá explicou que as dúas protagonistas, Mira e Marcela, “buscan construír unha vida” que dá un xiro cun acto “moi grave” aínda que con elas tamén hai “gravidade” en como o sistema as trata.
Porén o arranque da novela sitúanos nunha vila galega, na vida dunha muller nova, Amanda, que traballa nun banco e que un día descobre que a vella descoidada pero millonaria que os visitaba cada seis meses para ter á raia as súas contas fina para declarala a ela herdeira universal.
A partir de aí, xorden interrogantes na cabeza da rapaza: por que lle deixara a ela o diñeiro se a muller tiña familia (unhas sobriñas), quen era e quen fora esa vella, como realmente amasara unha cantidade desorbitada de cartos…
Recoñeceu Solar que consultou cunha avogada de Vigo para dar verosimilitude ao relato cando sinala que en España podes herdar “e non sabelo”.
Ao coñecer a rapaza que é herdeira, o libro dá un chimpo cara atrás cara o ano 2004 e Bos Aires para seguir o seu percorrido no que se presenta un thriller psicolóxico. A propia María Solar advertía onte que esta é unha “novela que ten varios xéneros dentro” , incluído o de diario, para Eva Mejuto destapar que inclúe anacos dun diario cuxos parágrafos son chave para coñecer e comprender os detalles da historia que a presentadora do programa Zig Zag da TVG tardou cinco anos en escribir e en lograr a documentación necesaria. (…)”
Carballo: presentación de Querida Paula, de Xosé Antonio Andrade
Ledicia Costas: “Quería tratar o tema da ludomanía dende unha perspectiva ampla”
Entrevista a Ledicia Costas no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“”Oxalá a vida funcionase así, cunha bandada de paxaros que aparecen cando necesitas reconstruírte e volver a empezar”, son palabras de Nana, unha das personaxes que poboa a nova novela de Ledicia Costas: A lebre mecánica. Con esta obra, coa que gañou, por terceira vez o Premio Lazarillo. A entrevista pode verse aquí.”
Rocío Leira: “Creo que a literatura debe ter tamén unha función social”
Entrevista a Rocío Leira en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): Ti es matemática, pero neste libro atopamos referencias á filosofía e cantidade de xogos nemotécnicos, as letras e as ciencias están máis preto do que pensamos?
– Rocío Leira (RL): Letras e ciencias, a pesares do tópico creo que están intimamente relacionadas. Foron moitos os matemáticos que ó longo da historia destacaron no mundo dos libros: Lewis Carroll, Echegaray… En Cicuta para dous trátase o tema da filosofía e malia que matemáticas e filosofía poidan parecer disciplinas diametralmente opostas, en realidade, ambas están moi ligadas, pois nas dúas se traballa coa mesma materia prima: os pensamentos. En ambas, a razón, o sentido crítico e a abstracción son elementos esenciais, polo que mesmo se podería decir que lonxe de seren disciplinas opostas, ambas se complementan á perfección.
– FV: E como marca (se é que o fai) a matemática na forma de escribir? Moitas revisións? Búsqueda de exactitude?
– RL: Son matemática vocacional e para min a miña profesión é moito máis que un modo de gañarme a vida. No meu caso as matemáticas representan un modo de ser e de estar no mundo, unha maneira particular de entender a vida. Polo tanto, resulta case inevitable que esa paixón non se traslade a todo o que fago, incluída a miña faceta literaria. Creo que nos meus escritos se adiviña sempre un certo matiz matemático e o emprego da lóxica ten un papel protagonista.
No caso de Cicuta para dous non ía ser menos, e nas súas páxinas transmítese unha defensa acérrima do pensamento e da reflexión como ferramentas indispensables para conducirnos pola vida.
– FV: E nese caso, como marca a filosofía?
– RL: Son unha gran lectora de filosofía, e malia que carezo de formación nese eido, adoro esa disciplina. En Cicuta para dous trato de transmitir ese gusto polo oficio de Sócrates pois considero que nestes momentos a filosofía é máis necesaria ca nunca. Rodeados como estamos de falacias, fake news e posverdades, penso que é imprescindible desenvolver un sentido critico para analizar todo o que está acontecendo e para protexernos da manipulación á que nos vemos sometidos dende todos os estamentos da sociedade. (…)”
Entrevista a Marilar Aleixandre e Xesús Fraga: “Queremos esquecer que en Galicia houbo fame, que a xente emigrou”

Entrevista de Héctor J. Porto a Marilar Aleixandre e Xesús Fraga en La Voz de Galicia:
“(…) «Sen memoria estamos incompletos. Pero lembrar é algo que ás veces suscita críticas, e percibes rexeitamento cando falas de cousas do pasado que non son bonitas. As experiencias que enfrontan tanto a novela de Xesús Fraga como a miña son moi duras. E queremos esquecer que en Galicia houbo pobreza, fame, que a xente tivo que emigrar, que houbo cárceres, que as mulleres morrían porque tiñan que abortar clandestinamente… Isto varríase debaixo da alfombra». Defende así a escritora galega Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) a necesidade de recordar: «Hai que mirar cara atrás para poder saber quen somos, de onde vimos, e explicar o noso presente». E ese exercicio de indagación é o que pon en marcha en As malas mulleres (Galaxia, 2021), novela na que rescata o penal coruñés de mulleres da Galera e coa que vén de gañar o Premio Nacional de Narrativa, cobizado trono no que releva a outro galego, o xornalista de La Voz de Galicia e narrador Xesús Fraga (Londres, 1971), e a súa novela autobiográfica Virtudes (e misterios) (Galaxia, 2020), na que fai outro tanto ao reconstruír a historia da súa avoa na emigración.
Reunidos ambos os dous no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre, analizan un recoñecemento que vén de fóra -que se suma ao que acadaran tamén de maneira sucesiva co Blanco Amor– e achega unha desexable visibilidade ás súas obras, vinculadas tamén pola súa tradución ao castelán no selo aragonés Xordica (a de Aleixandre chegará ás librarías nunhas semanas).
A pobreza, a fame, a falta de instrución… Volve sobre o pasado Fraga, que anota que na casa onde vivían nos 50 a súa nai e as súas tías a cociña era de leña e ían por auga á fonte coa sella. A maiores, razoa, lastraba a falta de expectativas. «Ti estás nesa clase social e xa dende dentro interprétase que non hai forma de saír de aí, como unha condena. As miñas curmás e mais eu fomos os primeiros universitarios da familia, non porque os anteriores fosen máis parvos, ou nós máis listos, é que a eles nin se lles pasaba pola cabeza pensar que alguén da familia estudase: eles sabían que o seu papel era traballar no que puidesen e traer á casa un aporte económico, non había opción». Por se fose pouco, a emigración foi o medio que a súa avoa tivo para superar o estigma de muller abandonada polo home, porque «iso era unha tacha como o era a das nais solteiras, ás que marchar lles permitiu empezar de novo e sacar adiante aos seus con dignidade e con cartos». (…)”




