Arquivo da categoría: Narrativa
Camposancos (A Guarda): presentación de Terra queimada, de Ramón Caride
Crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con María Solar, o 7 de outubro
Estas son algunas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria do sábado 7 de outubro, con María Solar. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Lugo: presentación de Charamuscas, de Suso Lista
Vídeo da presentación de A señorita Bubble, de Ledicia Costas, na Libraría Cartabón
Ramón Nicolás : “Martiño configúrase como o elo necesario e contemporáneo que precisaba unha historia que quería contar e que estaba ancorada no pasado”
Entrevista
a Ramón Nicolás en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (P): Cal foi o xerme de O espello do mundo?
– Ramón Nicolás (RN): Non quero usar un lugar común pero, na realidade, foi un proceso realizado a lume lento para prender un pouco de luz nun territorio da memoria, sepultado polo paso do tempo. O espazo correspondíase a un cenobio medieval feminino en San Pedro de Ramirás, do que hoxe só se conserva a igrexa orixinal. Quen poboaba aquel territorio e como era o mundo daquela foron as interrogantes, de modo breve, que intentei responder coa novela.
– P: Tras moitos anos de servizo a literatura galega dende a crítica, por que toma a decisión de participar nela como autor?
– RN: Aínda mo pregunto agora e non dou cunha resposta concreta. Eu sempre escribín, e nuns primeiros momentos publiquei algúns relatos. Con todo, por diversas circunstancias e algunhas delas un tanto fortuítas, entrei no mundo da crítica ou da divulgación e neses mares navego aínda hoxe.
O certo é que na realidade sempre contemplei o exercicio da crítica, do ensaio, da tradución, da investigación ou dos estudos biográficos como un proceso parello ao da creación. Se ben nestes ámbitos non articulas un universo literario ao uso si se dan neles outros factores creativos comúns. O salto non foi difícil malia que as regras compositivas variasen.
– P: Como foi o proceso de documentación? Foi complexo o acceso a algúns documentos?
– RN: Foi laborioso e lento pero ao tempo moi satisfactorio porque me permitiu reconstruír, dalgún xeito, un mundo que na realidade non está tan afastado de nós. Existe unha colección diplomática que recolle os textos conservados do mosteiro de San Pedro de Ramirás e que constituíu, de seu, unha axuda inestimable. Outras fontes documentais que revelaban as claves dunha época ou a biografía da co-protagonista da novela, Hildegarda von Bingen, non supuxeron unha especial dificultade para conseguir o seu acceso. (…)”
María Solar: “En Galicia véndense mellor os meus libros en galego ca en castelán”
Entrevista
a María Solar en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Cales son os obxectivos de Chamando á terra?
– María Solar (MS): Queremos facer un magazine sobre libros baseándonos en dous xéneros xornalísticos que favorecen esa invitación permanente á lectura: a entrevista e o comentario. Para iso conto con tres colaboradoras que me parecen perfectas para ese labor de recomendación, para abrirnos o apetito por achegarnos á libraría e ler en galego. Montse Pena, que é unha crítica con ampla experiencia e moi recoñecida, atende principalmente a literatura infantil e xuvenil, a que, para nós é, seguindo as palabras do mestre Agustín Fernández Paz, unha literatura que se pode ler a todas as idades. Malores Villanueva, que agora é editora en Galaxia, leva moito tempo asesorando a editoriais para a publicación de orixinais e estou convencida de que nos vai descubrir lecturas de hoxe e de onte moi suculentas. Alba Cid é unha poeta cunha gran bagaxe académica, unha das grandes coñecedoras das nosas letras a pesar da súa mocidade. Gústanos combinar a accesibilidade co rigor literario para que todos os públicos se sintan representados na nosa proposta. (…)
– B: Era unha rapaza que soñaba con ser escritora?
– MS: Si. Cando era adolescente escribía moito; gustábame moito. É nesa idade cando desenvolvemos o interese pola literatura. Por iso me interesa tanto ese público. Por iso me gustaría que a relación entre a mocidade e a lectura se dese dun xeito máis natural. Non pode ser que haxa unha taxa de lectura na adolescencia e que logo se perda ao deixaren o instituto. Dáme a sensación de que se xogan todas as cartas ao mercado das recomendacións escolares e esa é unha vía perigosa. Hai moitos profesores que len pero tamén hai moitos que recomendan sen criterio. Algo falla na transmisión de interese pola lectura. Eu non sei como mudalo. Seguramente non nos corresponde aos escritores mudalo pero que algo falla é evidente.
– B: Escribe todos os días?
– MS: Intento facelo acotío. Pero non son unha persoa que escriba moito. Ás veces abráiame encontrarme con escritores que me din que a noite anterior redactaron 20 páxinas!! Eu gardo durante moito tempo as historias na cabeza e plásmoas no papel cando xa están maduras. Escribo case coma unha poeta, corrixindo frase por frase pero en realidade toco pouco o texto porque xa sae bastante procesado. Prefiro ir amodo pero moi segura. Non sei se é a maneira convencional de facelo. Recoñezo que son algo escéptica cos obradoiros literarios. De verdade hai un método para escribir? Dubídoo.
Coido, en todo o caso, que me organizo moi ben a diario e este xeito de escribir axúdame. Son quen de atender o traballo, coidar do meu neno pequeno, ler e tamén escribir. Aínda que haxa quen o pon en dúbida. (…)”
Eli Ríos: “Luns é unha novela visceral, chea de sentimento e de moitas historias de mulleres”
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Eli Ríos fala da súa novela Luns, gañadora do Premio Torrente Ballester. A escritora fai un duro retrato da vida dunha muller enferma de cancro. A súa prosa debuxa unha loita frenética e visceral contra o avance inexorable da morte. Nesta tensión, a protagonista revisa non só as razóns da súa existencia, senón tamén a súa condición de muller. Pode verse aquí.”
Gondomar: comeza unha nova etapa en Espazo Lectura
Desde Espazo Lectura:
“No mes de outubro Espazo Lectura comeza unha nova tempada de actividades de fomento do libro e a lectura que agardamos que, malia os cambios que experimentarán algunhas actividades, sexa tan intensa, emocionante e motivadora coma as anteriores.”









