Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2017

DesdeFervenzas Literarias 2015 Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 14 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2017. En total, este ano recibimos 522 enquisas válidas.
Queremos agradecervos a todas e a todos as once edicións nas que levades escollendo, a través dos vosos votos, os mellores libros do ano.
Desde Fervenzas Literarias queremos recoñecer a vosa participación e o voso interese en colaborar para formar estes listados de libros. Moitísimas grazas, xa que sen ese tempo que dedicades en votar sería totalmente imposible este traballo.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas!!!

– Mellor libro de narrativa para A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo.
– Mellor libro de poesía para Lumes, de Ismael Ramos.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade, de María Xesús Lama.
– Mellor libro de teatro para Suite Artabria, de Manuel Lourenzo.
– Mellor álbum de banda deseñada para O bichero VII. De punta a chicote, de Luís Davila.
– Mellor libro traducido para público adulto para Thérèse Raquin, de Émile Zola, traducido por Isabel Soto.
– Mellor libro de literatura xuvenil para Os nenos da varíola, de María Solar.
– Mellor libro de literatura infantil para A señorita Bubble, de Ledicia Costas.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez.
– Autor do ano para Ismael Ramos.
– Ilustrador do ano para Víctor Rivas.
– Mellor capa de libro para adultos para Luns, de Eli Ríos.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para A señorita Bubble, de Ledicia Costas, feita por Andrés Meixide.
– Mellor editorial do ano para Galaxia.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para Culturgal 2017.
– O peor acontecido para a política lingüística do goberno da Xunta de Galicia.
– Mellor Libraría para Cartabón.
– Mellor medio de comunicación para Sermos Galiza.
– Mellor blog/web literaria para Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.”

Xabier P. DoCampo: “Para escribir a novela vin arredor de 70 películas estreadas en Lugo entre os anos 46 e o 47”

Desde Xerais:
“Radiovoz emitiu unha entrevista da xornalista María Meizoso no programa Con Voz de ao escritor Xabier P. DoCampo sobre a súa nova novela A nena do abrigo de astracán. Pode escoitarse a entrevista nesta ligazón.”

Entrevista a Xurxo Esquío en Contos Estraños

Entrevista a Xurxo Esquío na revista Contos Estraños:
“(…) – Contos Estraños (CE): Cales son os teus gustos literarios/artísticos?
– Xurxo Estévez (XE): Pois son amplos, cinguíndome ao eido literario, podo ler e gozar con case que calquera cousa, non necesariamente fantástica. En todo caso, os meus preferidos son autores de finais do século XIX comezos do XX: Bram Stoker, H.G. Wells, Tolkien… e sobre todo o inmenso H. P. Lovecraft. Despois son un melómano empedernido, aínda que o rock (rock, punk, hc, stoner, metal….) é meu estilo preferido.
– CE: Cal é a túa opinión da situación actual da literatura/ilustración galega?
– XE: Do eido da ilustración non podo dicir nada, porque descoñezo. No tocante a literatura, aínda sendo un pouco autista co que pasa ao meu redor, teño a sensación que, ao igual que pasa coa música que si controlo máis o tema, aquí hai moito amiguismo, un eido moi endémico. Demasiado clasicismo tamén na maioría dos certames e premios, hai un mercado pequeno que se centra en manter aos que levan toda a vida nisto, e non en apoiar a novos valores, é a miña opinión.
– CE: Que pensas que se podería facer para mellorar dita situación?
– XE: Pois sinxelamente ser máis obxectivos e máis abertos. Abandonar o sectarismo e o amiguismo. Dar cabida ás novas xeracións en todos os ámbitos literarios e, por suposto, contar cun goberno que, xa que non apoia a cultura galega, polo menos non tente afundila. (…)”

María Reimóndez publica As cousas que non queremos oír

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Interesábame saír do discurso dos lazos rosas, do discurso arredor do cancro de mama, por veces tremendista e por veces dunha suposta heroicidade”. María Reimóndez publica As cousas que non queremos oír, nova novela do Ciclo dos elementos. Pode escoitarse aquí.”

Fragmento de A nena do abrigo de astracán e entrevista ao seu autor, Xabier P. DoCampo

Desde Chamando á Terra, da Radio Galega:
“Escoitamos un cachiño de A nena do abrigo de astracán. María Solar entrevista o seu autor, Xabier P. DoCampo. Unha novela que nos leva á postguerra cos ollos e a inocencia dunha nena que se refuxia nas películas do cine. Pode accederse á entrevista aquí.”

Suso de Toro: “En ‘Cinco Feiras’ gustaríame non escribir de política”

Entrevista de Daniel Salgado a Suso de Toro en Sermos Galiza:
“Suso de Toro (Santiago de Compostela, 1956) regresa, de forma regular, á prensa galega. Faino coa sección Cinco Feiras, que publicará cada día da semana no dixital Sermos Galiza. A piques de estrear novela –Fóra de si, en Xerais- despois de sete anos de silencio, tamén cociña un ensaio sobre as razóns da literatura. “Non sei estarme quieto”, confesa divertido. (…)
– Sermos Galiza (SG): Xa rematou a súa novela de retorno á literatura?
– Suso de Toro (SdT): Está rematada, si. Pero non lle dou moita importancia. Ao interromper a escrita [Suso de Toro anunciara hai case oito anos que abandonaba a súa carreira literaria], non teño programa estético. Mais é unha novela moi miña. E o editor [publicaraa Edicións Xerais] está contento.
– SG: Ten título?
– SdT: Ten: Fóra de si. Despois de que saia en galego, aparecerá en castelán -traducina eu mesmo- e en catalán.
– SG: Por que volveu escribir e publicar ficción?
– SdT: Para me divertir. Polo mesmo polo que empezo esta sección no Sermos. E porque realmente me gusta, non paran de ocorrérseme historias e desafíos literarios. A xente non sabe que os que escribimos estamos infectados, colonizados, de linguaxe. E que nos tranformamos ao escribir. Tampouco sei estarme quieto, claro.”