O luns 18 de maio, ás 20:30 horas, na Cervecería New York en Bertamiráns (Ames), terá lugar a presentación da novela Amor en alpargatas, de Manuel Portas, publicada en Xerais. No acto, organizado por Ames Novo, participa, xunto ao autor, María López Sández.
Arquivo da categoría: Narrativa
Corcubión: actividades no Maio das Letras 2015
A Guarda: sinatura de libros de Elena Gallego
Cris Pavón: “Retomei o vampirismo para revivir o seu espírito transgresor nunha clave contemporánea”
Entrevista de Montse Dopico a Cris Pavón en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): O relato que lle dá título ao libro, Á busca da orixe perdida das especies, fala de Proust e da loita contra o tempo. Da arte como medio de superar o tempo. E este é un dos fíos de todo o libro. En que sentido?
– Cris Pavón (CP): Iso da arte como medio para superar o tempo son palabras de Proust. Eu falaría máis ben da arte como un xeito de coñecemento diferente á ciencia, complementario se queres. E ese relato que dis busca establecer paralelismos entre esas dúas formas de coñecemento valéndose das biografías de dúas personalidades senlleiras nos seus eidos, Proust e Darwin, que para min resultan moi atractivas, e que me permiten contrapoñer, contrastar, a memoria persoal, de individuos con conciencia, e a memoria biolóxica, esa longa historia da que os humanos somos só un brevisimo episodio. (…)
– MD: A memoria é unha invención, coméntase neste primeiro relato. E a memoria está presente en todos os relatos do libro. En relación coa identidade. Por que ese interese na memoria?
– CP: A memoria é unha invención ‘controlada’, é unha re-creación sometida a filtros racionais, emocionais. É esencial en calquera ser vivo, todo o que somos é soportado pola memoria, como unha non vai ter un interese niso? A neurociencia cognitiva, psicanálise incluída, vai amosando os mecanismos e a xeografía dese territorio e eu tento achegarme ao coñecemento que a divulgación científica ofrece.
Sen memoria non pode haber, xa non identidade, senón nin sequera percepción. Contrastamos o que recibimos a través dos sentidos co que temos xa interiorizado, esquematizado. Así re-coñecemos, entendemos o que percibimos no nivel máis básico da cognición. A iso haille que engadir, superpoñer, modelos máis complexos (lingüísticos, xenéricos, afectivos, éticos) que imos absorbendo do medio no que nos socializamos… E outra cuestión a ter en conta nese proceso son os contidos da psique que non chegan a lembrarse, as causas polas que non lles é doado facerse conscientes. (…)
– MD: Por debaixo de Limiar de conciencia, como de Sangue 12 ou de parte dos relatos de Á busca perdida, está a túa relación con distintos textos da literatura universal. (Byron, M. Shelley, etc). Que textos che serven dalgún xeito de referencia para escribir as túas historias e por que?
– CP: Como di Rodrigo Fresán, a literatura é sempre metaliteratura. Todo o que teño lido me serve. E non só literatura, dende logo. Sangue 12 naceu arredor de Ada Lovelace, estraña geek daquela, así que as referencias polo que a ela atinxe como filla de Lord Byron, impúñanse por si mesmas: Byron e os seus amigos na vila Diodati no mítico verán de 1816.
Pero, máis aló dos referentes explícitos, a literatura é parte do argumento en tanto amosa o poder salvador, ou perturbador, da mesma, a forza coa que se mestura coa vida, ao ser fornecedora de modelos nalgúns momentos, de acubillo noutros. En Sangue 12 a protagonista atopa na literatura unha solución radical ao seu maior problema, a súa arela de non medrar. Como fixeron o Quijote, ou Emma Bovary, ou tantos outros de menor talla, ela busca no que ten preto, na súa contorna, e escolle a historia do Vampiro, escoitada da boca de Polidori.
E, tamén, a literatura dálle agocho. Cara onde pode fuxir alguén cando é feble e non atopa empatía entre os achegados, como lle acontece á protagonista? Aos mundos da literatura. A literatura enche o seu tempo cando non pode relacionarse case con ninguén.
Niso é como a máquina LIDIA, de Limiar de conciencia. Limiar de conciencia ten a metaliteratura nos alicerces. LIDIA emprega modelos literarios para construír os seus textos, os seus logs diarios levan na cabeceira referencias a eses modelos. Todo o texto está inzado de referencias literarias, non só como citas, senón na propia estrutura, por exemplo nos relatos aniñados ao xeito das mil e unha noites, onde a Carapuchiña Vermella ten un papel estelar. E onde as SHEREZADES amosan todo o seu potencial. (…)”
Lugo: Xurxo Souto na Feira do Libro o venres 15
O venres 15 de maio continúa a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h. Dentro das súas actividades, destaca:
– 20:00 h. Xurxo Souto presenta Océano para terrícolas, espectáculo baseado no seu libro Contos do mar de Irlanda, publicado por Ed. Xerais.
Vigo: presentación de Son noxento, de María Xosé Queizán
O venres 15 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase Son noxento, de María Xosé Queizán, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Manuela Pena e Manuel Bragado.
Roteiro sobre A nosa cinza, de Xavier Alcalá
Desde Galaxia:
“Os cativos e cativas do IES Sofía Casanova de Ferrol prepararon un roteiro arredor de A nosa cinza, de Xavier Alcalá que é toda unha marabilla.
Podes velo aquí.”
Ourense: presentación de A antesala luminosa, de Antonio Tizón
O xoves 14 de maio, ás 20:00 horas, no Café El Cercano (Rúa Cardenal Quevedo, 20) de Ourense, terá lugar a presentación da novela A antesala luminosa, de Antonio Tizón, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Alfredo Conde, Luis Carreira e Manuel Bragado.
Mario Caneiro presenta o seu novo libro Emparellados e tres nenas
Entrevista a Miguel Anxo Fernández na revista Palavra Comum
Entrevista a Miguel Anxo Fernández en Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que supõe para ti a literatura?
– Miguel Anxo Fernández (MAF): Non son quen de procurar respostas transcendentes nin vagar polos recantos da retórica para esta cuestión, pode que pola miña condición de historiador vinculado ao audiovisual, que entende máis de imaxes que de palabras… Entendo a literatura como unha variante da comunicación pola vía da expresión escrita. A necesidade de contar historias porque na outra banda hai alguén disposto a aprecialas e a poñer o seu goce nelas. Se non existe ese elo, escritor-lector, entendo que non é literatura, é simplemente onanismo, á marxe de que uses de ferramentas de estilo que poderán ser máis ou menos sofisticadas, ou mesmo de estruturas narrativas audaces. Todo iso podo entendelo, pero nunca en contra da comunicación no sentido máis fondo da expresión, como sinónimo de empatía. E, naturalmente, o compromiso da literatura co entorno social e histórico no que vive, a súa condición de voceira da realidade.
– P: Como entendes o processo de criação literária?
– MAF: No meu caso laborioso, pero ao tempo dando prioridade á historia que vou contar. Quero dicir, procurando que leve un aquel de orixinalidade que sorprenda ao lector. Para contar o mesmo, xa o fixeron outros. Despois está a variante estrutural e de estilo. Iso tamén require consideración, sobre todo ao lector. Fuxir da idea de que o lector, como é soberano, está na obriga de asumir as ocorrencias, os experimentos e os xogos literarios en nome de non sei que patrón ou cousa… Por iso me mete medo cando escoito a verba “experimental”. É tan feble a liña que separa iso da arroutada, que me poño moi á defensiva. No cinema, os clásicos dicían que só aspiraban a “contar historias”. Cando escribo teño iso por única aspiración. Iso non implica rexeitar o agarimo coa lingua e porse de costas aos tempos que corren. (…)
– P: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– MAF: Carezo de recursos para darche unha resposta lúcida porque ademais fuxo da transcendencia, pero entendo que o camiño literario do país, como ocorre co audiovisual, deberá ir pola diferenza, na procura de trazos que a afasten do mainstream, da tendencia global. Que a novela negra teña moito predicamento en todo o mundo, non pode levarnos a imitar a Mankell, a Márkaris, a Vargas ou a Camilleri, pero si a procurar trazos singulares que nos vendan como distintos desde o noso país. Só así, desde o distingo, poderemos reafirmarnos. O uso da lingua propia xa vai nesa dirección, pero non basta se non conseguimos saír a outros lectores, e polo tanto a outras linguas. Penso que o sistema literario galego ten aí un problema moi serio, algo que, regresando ao audiovisual, xa está a corrixir, ou cando menos a intentalo. Facer filmes na lingua propia que a través das lendas poidan ser disfrutados pola comunidade global. É que, do contrario, converterémonos nun gueto literario, se non o somos xa…. Xa che advertín de que son moi simple no meu argumentario… (…)”