Arquivo da categoría: Narrativa
Pontevedra: actividades do venres 9 na Feira do Libro
O venres 9 de maio continúa a Feira do Libro de Pontevedra (no Paseo de Odriozola, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados:
– 19:00 h. A escritora Fina Casalderrey, asinará na caseta de Libraría Seijas.
– 19:00 h. O debuxante Luis Dávila asinará na caseta da Libraría Paz.
– 19:30 h. CEF o poeta da vida, na Feira do Libro de Pontevedra. Presentación do documental sobre Celso Emilio Ferreiro e coloquio. Participan no acto Luís Ferreiro, Plácido Romero e Aser Álvarez, director do documental.
– 20:00 h. A escritora Anxos Sumai asinará exemplares da súa obra na caseta da Libraría Paz.
Ribeira: presentación de Liña azul, de David Pobra
O venres 9 de maio, ás 20:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Ribeira, terá lugar a presentación do libro Liña azul, de David Pobra, gañador do IV Premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira, publicado en Xerais. O acto, organizado polo Concello de Ribeira, contará co acompañamento musical do alumnado do Conservatorio de Música Municipal.
Insula europea publica un balance da narrativa galega do 2013
A web italiana Insula europea, que publica información, entrevistas, investigación e recensións relacionadas coas diferentes literaturas de Europa, entre elas a galega, acaba de dar a coñecer un balance da produción narrativa galega do ano pasado escrito pola crítica literaria Inma Otero Varela. Con este texto, que se pode ler en italiano e galego a través da seguinte ligazón, preténdese inaugurar un novo espazo que recolla un resumo anual de diferentes sistemas literarios, nunha iniciativa coordinada polo profesor da Universidade de Perugia, Carlo Pulsoni. A versión galega pode consultarse aquí.
Pontevedra: actividades do xoves 8 na Feira do Libro
O xoves 8 de maio continúa a Feira do Libro de Pontevedra (no Paseo de Odriozola, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), co seguinte acto literario destacado:
– 20:00 h. Presentación do libro O sangue dos camiños, de Ramón Caride, publicado por Xerais. Xunto co autor, participará no acto Xesús Constela.
Lugo: Catas literarias, con Pedro Feijoo
O Grove: presentación de Os santos nunca dormen, de Teresa González Costa
O xoves 8 de maio, ás 20:00 horas, na Galería de Arte Besada (Rúa Concepción Arenal, 1) do Grove, preséntase Os santos nunca dormen, de Teresa González Costa, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Carlos Besada e Manuel Bragado.
Xulio Pardo de Neyra: “O sexo non é algo morno nin requintado”
Entrevista de Marcos Pérez Pena a Xulio Pardo de Neyra en Praza, e ligazón á entrevista na Cadea SER ao mesmo autor:
“(…) – Praza (P): Defines o libro [Intensa e quente é a túa humidade azul] como unha “novela pornográfica”? Por que pornográfica e non erótica, por exemplo?
– Xulio Pardo de Neyra (XPdN): É complexo, si, porque os límites entre erotismo e pornografía son particulares, é difícil establecelos. Ademais a pornografía está considerada como un xénero maldito ou case ilegal, puníbel. Pero eu considero que un texto erótico é aquel que suxire, algo incitante, e en cambio un texto pornográfico é aquel que mostra, e polo tanto é máis excitante que incitante. Esta novela podería ser erótica, pero nela cóntase unha historia e cóntase absolutamente todo o que ocorre, sen límites. O outro día na presentación do libro preguntábame: ‘este é un libro no que se fala de penes e de vulvas?’. E non, este é un libro no que se fala de actos sexuais explícitos sen ningún tipo de eufemismos e sen esa xerga médica. Fálase como se fala na realidade: un cando está fodendo non di ‘voute lamber a vaxina’. O sexo non é algo morno, nin cursi, nin requintado. (…)
– P: E en galego? Dá a impresión de que é un xénero que fóra do publicado por Positivas na súa colección de Narrativas Quentes non hai un gran corpus.
– XPdN: O galego é unha lingua que serve absolutamente para todo, tamén para o sexo. E é algo que está demostrado dende as cantigas medievais, que xa tiñan un contido sexual moi importante. Eu digo que a miña é a primeira novela pornográfica da literatura galega, porque hai novelas eróticas, ou poemarios, relatos…, e xa na Idade Media hai textos que falan de prácticas sexuais con xoguetes, coma o carallo francés, ou de violacións consentidas. Pero non se chegara ao nivel da pornografía, da que si hai moita tradición en Europa, por exemplo a través de George Bataille ou Pauline Réage. Hai unha traxectoria en galego, pero eu botaba en falta algo. Hai quen escribiu que non hai nada máis erótico que un capítulo de Anna Karenina no que os personaxes entran nun cuarto e quedan a soas. Pois para min non, a min non me vale. Quizais é porque os homes necesitamos outro tipo de impulsos para excitarnos, non somos tan sutís. (…)”
Pontevedra: actividades do martes 6 e mércores 7 na Feira do Libro
O mércores 6 de maio comeza a Feira do Libro de Pontevedra (no Paseo de Odriozola, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados, para o mércores e xoves 7:
Mércores 6
– 18:00 h. Presenza na feira do libro do Club de Lectura en Galego da Biblioteca Pública de Pontevedra.
– 18:00 h. Presentación do libro Apocalipse Z, de Manuel Loureiro, publicado por Urco Editora.
Xoves 7
– 18:00 h. O soño de Esther. Contacontos a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz. Actividade promovida por Nova Galicia Edicións.
– 19:00 h. A escritora Elvira Riveiro asinará na caseta da Libraría Paz.
– 20:00 h. Presentación do libro Sete Caveiras, da escritora Elena Gallego Abad, publicado por Xerais. Xunto coa autora, participará no acto Manuel Bragado.
Teresa González Costa: “Sempre hai alguén que precisa dunha vítima para reafirmarse no poder económico ou social”
Entrevista de Montse Dopico a Teresa González Costa en Magazine Cultural Galego:
“(…) Os santos nunca dormen é unha novela sobre a importancia da memoria para saber quen somos. Sobre o mal que poden facer “os secretos” que “espreitan nas fendas de cada individuo e aniñan nas covas do colectivo”, tal como explica a autora. Unha obra que, como as súas creacións anteriores, reivindica a sensibilidade como “algo básico” que se “está perdendo nun mundo que prescinde, cada vez máis, do físico, do orgánico”.
– Montse Dopico: Nada máis comezar, un médico preséntase como mediador entre o protagonista, Jeremías, e o lector. Por que esa figura intermedia?
– Teresa González Costa: O psiquiatra que introduce o diario persoal do protagonista é un home especial, porque lle dá importancia a aspectos que a maior parte do tempo obviamos, pensando que a realidade é unicamente o que temos diante. É un home que ve alén das aparencias e que sabe ler os símbolos. Por outra banda, é un adulto razoable e reflexivo que ten que tratar con temas difíciles e duros, aínda que estes aparezan tratados con humor, lixeireza e mesmo comicidade. A narración de Jeremías, o protagonista, precisaba de alguén así, con autoridade pero con moita sensibilidade, para que a súa historia saíse á luz. Como di o psiquiatra, Jeremías nunca publicaría o seu libro. Vaino facer el, o doutor Laconte, un home que vive entre dous mundos necesarios. Dous mundos que Jeremías, como un cronista, foi vivindo e ao mesmo tempo anotando. (…)”