O
venres 17 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Cartabón (Rúa Urzaiz, 125) de Vigo, preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais, nun acto que contará coa participación do autor e Manuel Bragado.
Arquivo da categoría: Narrativa
Antón Dobao: “O relato esixe exactitude, contención e disciplina literaria”
Entrevista
de Carme Vidal a Antón Dobao en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Os relatos de As ilusións estrañas recrean o mundo da aparencia, dunha realidade normal na súa cotidianeidade que desemboca en episodios desacougantes.
– Antón Dobao (AD): A ilusión é unha palabra polisémica que reflicte ben o que conta o libro. Fai referencia efectivamente a esa primeira aparencia que ten a realidade, con moitas capas das que se ve só unha, fai referencia á ilusión óptica coa que os nosos sentidos se enganan e tamén á fantasía. Na miña escrita hai unha reflexión arredor da necesidade de tomar contacto co que está máis alá da aparencia, do que vemos. (…)
– SG: A condición humana é entón materia literaria privilexiada na súa escrita?
– AD: Os materiais para a construción literaria son múltiples e a maior parte deles inesperados. Son froito da observación e o contacto coa realidade alén da reflexión arredor da nosa condición como humanos, da nosa propia existencia. Supoño que é unha reflexión que moitos autores poden facer en relación coas experiencias máis íntimas. Son materiais moi diversos e procedentes de múltiples lugares, mesmo literarios ás veces, e xogos intertextuais. (…)
– SG: Desde 2008 non publica, mais neste tempo elaborou e dirixiu varios filmes. Como se relacionan na súa traxectoria a creación literaria e audiovisual?
– AD: Compleméntanse ben porque do que se trata é de contar. Proveño do mundo da literatura, como lector e escritor e a miña participación no cine ten moita relación con esa orixe. Síntome moi escritor cando fago o guión, dirixo ou monto unha película. Esas películas formaban parte dun proxecto que relacionaba a literatura, a lingua e o audiovisual. En todas as cinematografías do mundo vemos que a adaptación literaria é un recurso habitual e enriquecedor, as dúas creacións retroaliméntanse.
– SG: Algúns dos relatos son especialmente visuais. A linguaxe do cine meteuse na súa obra?
– AD: A estas alturas non se entende a escrita sen que as imaxes se aparezan como unha pantalla de cine ou televisión porque xa nacemos e nos educamos no cine. En certos relatos nótase de maneira especial desde o punto de vista formal no tratamento de personaxes, en planos superpostos, en escenas que se alternan, en multiperspectivas…”
Compostela: presentación de As ilusións estrañas, de Antón Dobao
Lalín: presentación de Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga
O
xoves 16 de outubro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do IES Laxeiro de Lalín, preséntase Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga, publicada en Xerais. No acto, en que colabora a Libraría Vagalume de Lalín, participan, xunto ao autor, Uxío Grande, Celso Fernández Sanmartín e Manuel Bragado.
Ferrol: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
O
xoves 16 de outubro, ás 20:00 horas, no local da Fundaçom Artábria (Travesa de Batallóns, 7) de Ferrol, preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais, nun acto que contará coa participación do autor.
Ourense: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
O
mércores 15 de outubro, ás 20:00 horas, na Asociación Cultural Agalleira (Praza de San Cosme, 1) de Ourense, preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Xabier Paz.
Betanzos: presentación de Reo, de Xesús Fraga
O
mércores 15 de outubro, ás 20:00 horas, na A. C. Casa Castillo (Rúa Roldán, 2) de Betanzos, preséntase Reo, de Xesús Fraga, publicado en Galaxia. Falarán Francisco Castro, Xosé Luís Mosquera e o autor, e haberá unha demostración de graffiti en directo cos escritores da crew betanceira Camborios Art. Colaboran Editorial Galaxia e a Libraría Biblos.
Entrevista de Ana Romaní a Teresa Moure arredor de Uma mãe tão punk
Betanzos: obradoiro arredor de A historia fascinante da vaca rodante, de Cristina Corral Soilán, Miguel Noval e Aurora Cascudo
Xurxo Souto: “Quixen atopar unha parte de nós mesmos que navega polos mares do norte”
Entrevista
a Xurxo Souto en Radiofusión:
“Con tanto mar como temos, é posible que vivamos de costas a el? É. “Non é un problema individual, é un problema estrutural: vivimos no Estado de Europa no que temos a capital máis lonxe da ribeira. Madrid está moi lonxe… Até Viena, un país central, está máis preto do mar”, reflexiona Xurxo Souto. Ao autor coruñés non lle foi preciso embarcar para o Gran Sol (“non tiña corpiño para iso”, chancea), para fascinarse con esa parte do noso país que é flotante, que viaxa nos barcos desafiando o mar. “Na vida social, na vida oficial, o mar non existe”, engade, até o punto de que agora “en todas as cidades as portas do porto están pechadas”. Por iso Souto quixo “abrir a orella ao mar” e comezou a preguntarlle aos mariñeiros por todo aquilo que non lle explicaban nas aulas, nos medios de comunicación. Así foi como puido “atopar unha parte de nós mesmos que navega polos mares do norte”. Ese achado conforma as historias de Contos do mar de Irlanda, un volume editado por Xerais, e a obra de ficción máis vendida das letras galegas nos últimos meses e que este serán ofrece ao océano na Coruña. (…)”
A entrevista pódese escoitar aquí.

