O xoves 27 de setembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra (Rúa Padre Sarmiento, 51), o Ateneo de Pontevedra e Edicións Xerais presentan o libro 15.724, de Xesús Constela. No acto, xunto ao autor, participan Adolfo Caamaño, Xaime Toxo, Ana Isabel Vázquez Reboredo e Manuel Bragado. Posteriormente terá lugar unha actuación musical do Grupo de Pandeireteiras A Buxaina de Coruxo.
Arquivo da categoría: Narrativa
Vídeo de Carapuchiña e o Pobo Feroz, curtametraxe baseada nun relato de Males de cabeza, de Fran Alonso
Desde Xerais:
“Xa se pode ver na rede o vídeo de Carapuchiña e o pobo feroz, curtametraxe producida por Que conto producións baseada nun relato co mesmo título de Males de cabeza, de Fran Alonso. A película, que logrou o Sacho de Ouro á mellor curta no Festival Curtello 2011, está dirixida por José Araújo e protagonizada por Toni Salgado (lobo) e María Roja (Carapuchiña), Gloria Sampedro (avoa), Nani Matos (pai), Graciela Riobó (bruxa), Antonio Barreiro e Alberto Ardid. Na páxina de Que conto producións en Vimeo poden verse tamén as versión dobradas ao italiano, ao inglés, ao francés e ao castelán. Trátase da segunda curtametraxe baseada nun relato de Fran Alonso que se pode visionar ao longo deste ano 2012, logo de que na pasada primavera Urban Pig Films ofrecesen na rede o vídeo de Luz verde, baseado en 01 AM do libro Cemiterio de elefantes.
María Reimóndez: “Hai unha presenza permanente da temática lesbiana na literatura que unha e outra vez é relegada pola crítica”
Entrevista a María Reimóndez en Praza:
“(…) – Praza (P): En vías de extinción trata moitos temas. Se cadra o principal é o lixo que temos na cabeza e a posibilidade de limpalo, de rebelarnos contra os patróns de comportamento establecidos. O mesmo que fan as protagonistas de Pirata, ou as de O club da calceta. É así?
– María Reimóndez (MR): Cada libro é diferente na materialización da temática, pero si existe esa conexión. O personaxe de Gaia móstranos como as persoas que se sitúan nas marxes das estruturas hexemónicas teñen máis recursos para articular un contradiscurso con potencialidade de facerse realidade. Ser rara é o que lle permite a Gaia subverter o marco que nos queren impoñer. É o que di a teoría poscolonial: desde as marxes podes ter unha visión máis ampla. (…)
– P: Ás veces son os propios autores ou autoras os que temen que, de identificarse a súa obra coa homosexualidade ou o lesbianismo, sexa situada nas marxes, como literatura para minorías.
– MR: É que iso pasa. E para un escritor ou escritora é un problema grande, porque o que queres é comunicarte cos lectores. O que creo é que temos que tentar ser honestas. O libro de Teresa Moure Unha primavera para Aldara foi interpretado como unha historia de lesbianas. E na segunda edición ela aclara que non era o seu obxectivo, senón presentar unha historia de rebeldía… Eu creo que iso é como desautorizar a opción vital dos personaxes. Tamén hai autoras que, para evitar o voyeurismo do crítico, autocensúranse e renuncian a introducir escenas de sexo nos seus libros. Como se, ao final, as mulleres só puideramos ser amigas. O efecto é que, como di Beatriz Suárez, seguimos armarizadas… (…)”.
Elena Gallego: “Gustaríame escribir un best-seller en galego”
Entrevista a Elena Gallego en Sermos Galiza, desde Xerais:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Coa triloxía Dragal crea un universo propio. Como nace o proxecto literario?
– Elena Gallego (EG): Cando comezo a escribir Dragal quería demostrar que podiamos facer fantasía en galego con personaxes, maxia e un universo propio. Cando rematei o primeiro libro dinme conta de que precisaba continuar, tamén para darlle máis vida a ese volume inicial. Falo do último dragón galego, dun rapaz que se transforma en dragón, introduzo maxia, alquimia ou cabaleiros que teñen continuidade no segundo e no terceiro libro. A marabilla de ter un dragón na casa non se pode abandonar. O proxecto era contar nos tres volumes a historia do último dragón galego. (…)
– SG: De Harry Potter non anda algo cansa, de que a comparen con Rowling?
– EG: En absoluto, todo o contrario! Hai moitos rapaces que o único que leron foi Harry Potter e iso tamén acontece agora con Dragal. Para min o exemplo de Rowling foi un aliciente para escribir. Entra dentro desa serie de obras que fan que @s rapac@s lean, algo que tamén era o meu obxectivo. Cando escribín Dragal pretendía que o meu fillo lese e soubese que ese mundo de fantasía tamén o había en galego. (…)
– SG: A triloxía ten moitos elementos que poderían facer dela un best-seller, a atracción do medievo, o misterio, o segredo, a aventura, as catacumbas… que aparecen noutras obras con moito éxito. Buscou facer unha obra para gustar?
– EG: Tiña un público lector a quen quería gustar e a quen lle custaba enganchar se non era con libros que el quería. Era o que precisaba. Acción, personaxes que contaban, fórmulas para que estivese contenta como escritora e como autora. Ao tempo non quería quedar nunha obra que non transcendese, buscaba que ao rematar á persoa lectora lle quedasen varias ideas. Que atopase maxia, historia, tradición e enganches para seguir aprendendo e buscando, por exemplo, atoparse coa Traslatio, unha historia con dragón incluído. Na novela quero abrir novas portas.”
Manuel Rivas fala sobre o seu libro As voces baixas
Manuel Rivas fala sobre o seu novo libro, As voces baixas, na Feira do Libro da Coruña de 2012.
Parlamento das letras: Xosé Vázquez Pintor
Entrevista de Armando Requeixo a Xosé Vázquez Pintor no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xosé Vázquez Pintor (XVP): Fáltalle aínda un censo grande e ceibe: lectoras e lectores, esa marabilla de respecto e de agarimo. Sóbralle a indiferenza dun poboado na nugalla, que sempre se marxina e encubila: “eu non entendo, non sei ler nin quero; amais non teño tempo…”. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XVP: En grande parte xa fica dito. Engadir de urxencia a nosa preocupación comunitaria, case heroica, pola Lingua: a mellor ferramenta patrimonial; a marabilla. (…)”.
Xabier P. DoCampo fala sobre O país adormentado
Xabier P. DoCampo fala na Feira do Libro da Coruña do 2012 sobre o seu libro O país adormentado, publicado en Xerais:
Fene: tertulia de Víctor F. Freixanes con Mercedes Queixas, no Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor
O xoves 20 de setembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Fene, terá lugar o primeiro faladoiro do Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor, organizado pola Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Nesta ocasión, Víctor F. Freixanes, gañador do Blanco Amor organizado polo concello de Mugardos en 1982, coa novela O triángulo inscrito na circunferencia, falará sobre esta obra nun acto conducido por Mercedes Queixas.
A Coruña: coloquio con Francisco Castro sobre Chamádeme Simbad
O xoves 20 de setembro, ás 18:30 horas, na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil da Coruña (Rúa Durán Loriga, 10, baixo), dentro da conmemoración do Día Internacional de Alzheimer, terá lugar un coloquio con Francisco Castro arredor do seu libro Chamádeme Simbad.
Xesús Constela: “Na miña novela 15.724 quero provocar que o lector se vaia posicionando”
“Radiofusión publica unha entrevista en audio con Xesús Constela, autor da novela 15.724. O autor declarou que a patria que se describe na súa novela é, aparentemente, un lugar de conto de fadas, idílico, pero pouco a pouco o lector vai descubrindo que a patria agacha territorios moi sórdidos e que non é o que parece. O título, segundo ao autor, fai referencia a un número que está intimamente ligado a un dos personaxes pertencente a unha familia que sofre unha serie de desgrazas familiares. Esas desgrazas desencadean a historia da novela. «Eu quería –asegura Xesús Constela na entrevista– que o lector se vaia posicionando e que saque as súas propias conclusións; non dar nada feito». A entrevista completa pode escoitarse aquí en mp3.” Vía Xerais.