Arquivo da categoría: Narrativa
Xosé María Lema Suárez: “A nosa esperanza é que fronte á masa servil hai en cada período histórico unha minoría rebelde”
Entrevista
de Montse Dopico a Xosé María Lema Suárez en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Publicaras antes moitos libros. Pero nunca unha novela de aventuras [Costa do Solpor]. Como foi o proceso de creación?
– Xosé María Lema Suárez (XMLS): O proceso foi longo. Disque García Márquez botara 17 anos pensando a súa obra mestra Cien años de soledad e 14 meses escribíndoa; pois eu seguro que botei ese mesmo tempo ou máis pensando Costa do Solpor e poucos menos escribíndoa, aínda que non de maneira continua, claro.
A idea dunha novela longa de aventuras de mar e terra, con piratas nun escenario tan acaído como a illada Costa da Morte, foi algo que durante anos me andaba buligando na cabeza. Confeso que a miña pretensión era facer unha narración de certo valor, cun léxico e cunha fraseoloxía o máis enxebres posibles, e non me importaba a demora. Se dei feito algo que valese a pena é cousa dos lectores. Teño para min que ó final tanta espera lle veu ben á novela, que con toda a información paralela que ten nunca a podería escribir ós 30 anos, nin tampouco ós 40, e estou seguro que tampouco ós primeiros 50. Iso explícase porque nela hai boa parte dos meus estudos e investigacións de toda a vida, propios e alleos: de historia, historia da arte, de etnografía e antropoloxía, de onomástica e toponimia e, loxicamente, de lexicografía. (…)
– MD: A través do pai de Mariña, transmítesenos a idea dunha Galicia pobre, atrasada, instalada na ignorancia e na resignación ante o poder. Mais, ao mesmo tempo, temos personaxes que se rebelan, precisamente comandados por Don Cristovo. Sospeito que é un dos principais obxectivos do libro: contestar o tópico da Galicia submisa, atrasada. Pode ser?
– XMLS: En todas partes hai cans descalzos, e non hai que se deixar levar polos tópicos -o andaluz gracioso, o catalán agarrado, o galego parvo e submiso…-. Nun lance da novela o indeciso na metade da escaleira é un inglés, non un galego. Xa advertín que tentei fuxir do maniqueísmo, pois na narración hai galegos tanto no bando dos bos coma no dos malos. Unha vila de infausto nome, habitada por xente covarde, guiadiña, que acepta de bo grao as migallas que os poderosos lles deixan caer da mesa, é a que recibe peor trato.
Ó final dise que esta vila maldita desapareceu da faz da terra, pero tamén que por desgraza deixou sementeira por Galicia adiante perpetuando o espírito servil, motivo polo que este noso país estea condenado a dar un paso adiante e outro (ou outros) atrás eternamente. A nosa esperanza é que fronte a esta masa abaixadiza, servil, hai en cada período histórico unha minoría rebelde que se ergue contra os abusos dos poderosos, reclama os seus dereitos e abre vieiros para o progreso. Na novela está liderada por un fidalgo e a súa filla, un crego e un mozo pegureiro, pero o protagonismo acábao levando a mocidade unida de tres colectivos parroquiais; mesmo os dous principais heroes –o Chavián e Mariña- renuncian ó seu liderado a prol da vitoria colectiva. (…)”
Arteixo: contacontos con Francisco X. Fernández Naval e Ali Ali
O
venres 17 de xaneiro, ás 18:00 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3, baixo) de Arteixo, terá lugar unha sesión de contacontos arredor da obra Suleimán y Salúa, de Francisco X. Fernández Naval e o ilustrador sirio Ali Ali, publicada en Trifolium, coa presenza dos dous coautores. A entrada será libre e gratuíta, mais para asistir é preciso reservar asistencia no teléfono 881-969745, ou ben no e-mail: luscandil@gmail.com.
Expectativas fanadas, por María Reimóndez
Artigo
de María Reimóndez en A Sega:
“Unha das estratexias máis interesantes de neutralización da escrita das mulleres tende a ser a presentación que editorialmente se fai dos seus libros. As contracapas, as fotos, as biografías todas contribúen a presentar unha imaxe e non outra, a inclinar unha lectura e non outra. Pode semellar que estas ferramentas son pequenos artefactos sen importancia, adornos «do principal», mais no fondo, como teñen demostrado de forma pertinaz as investigadoras como a Dra. Martín Lucas para o caso de autoras racializadas en lingua inglesa, este tipo de cuestións pode amosar da forma máis clara as expectativas (a miúdo patriarcais e racistas) que se teñen ao redor do texto. Se cadra por iso é tan importante, e no caso de Galicia unha vantaxe que podemos usar ao noso favor, ser donas tamén da maneira en que os nosos libros se presentan ao público, e non só do que vai entre capa e capa.
Esta longa introdución vén á maneira en que se nos presenta a novela de Anna Gavalda Xuntos e máis nada, que foi Premio de Novela Europea no ano 2005. O volume preséntasenos como a histora de «catro vidas perdidas», «catro sobreviventes» e ponse sobre todo énfase no feito de que Gavalda escribe «dende a experiencia da fraxilidade do ser humano». Unha vez lida a novela, esta descrición quedou prendida en min cun punto de desconcerto. Efectivamente, Xuntos e máis nada narra a historia de catro persoas que se enfrontan a diversas dificultades para atopar un espazo no que ser aceptadas, sobre todo por elas mesmas. De aí que iso signifique que sexan «vidas perdidas» creo que dista un treito bastante longo. Se cadra unha ten esa sensación só se observa as personaxes desta novela dende a suposta «normalidade» dunha sociedade na que se supón que a xente, incluída a ficcional, vive en marcos predeterminados en canto a traballo, relacións familiares ou espazos. Mais se unha non parte da base de que existe tal «normalidade», as lecturas de Xuntos e máis nada viran bastante diferentes. (…)”
Entrevista a Berta Dávila sobre O derradeiro libro de Enma Olsen
Xabier López: “É difícil escribir sobre Galicia sen que asomen algunhas ‘fracturas’ como a da diglosia”
Entrevista
de Montse Dopico a Xabier López en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Comeza o libro [Cadeas] cun encontro entre un escritor e unha lectora, que irá evolucionando dun xeito que os personaxes non agardaban ao principio. Por que escolliches esta historia como fío condutor?
– Xabier López (XL): Ao formular unha proposta que ten como eixes máis ou menos difusos ás identidades/colisións entre vida, narración(s) e literatura, tiña bastante claro que o fío vertebral debía reflexionar sobre a relación entre o escritor-creador e o lector como destinatario da súa creación (e mesmo, e velaquí o máis interesante, como unha creación máis do primeiro). Confesémolo ou non, non coñezo ao primeiro escritor que non estea tentado a facer coma Dióxenes de Sínope, o filósofo cínico, e no canto de saír na busca do “Home”, ben armado cun candil, percorrer rúas e prazas na busca do “Lector”: “Sabedes del? Víchedelo? U-lo?”. Os escritores non só se dedican –e isto pode xerar ás veces certas escravitudes- a buscar “o tempo perdido”; ás veces pasan tempo de máis intentando compracer un fantasma… Dende certo punto de vista, e isto non deixa de ter a súa graza, a escrita non deixa de ser unha especie de tiro ao branco cos ollos pechos…
– MD: Volves, tamén, como en libros teus anteriores, á historia. En relatos que van máis alá da narración de aventuras (por exemplo), para apuntar a cuestións fundamentais da historia como as guerras coloniais, a memoria das vítimas do franquismo… Canto hai de documentación nestes relatos? Que ollada quixeches ofrecer neste libro sobre a memoria?
– XL: “Documentación”, o que podemos entender por “documentación”, a necesaria para salvar as esixencias mínimas de verosimilitude que esixe toda creación literaria (e non só a “histórica”). Porén, e creo que aquí reside boa parte do espírito lúdico de Cadeas, toda a erudición, poderíamos chamala así, se atopa ao servizo da narración: na novela podemos encontrar feitos completamente ficticios con aparencia de ser “históricos” e sucesos con aparencia ficticia que son completamente reais. Se poñemos isto último en relación coa túa pregunta sobre a memoria… A memoria, aínda que a concibimos doutra maneira, é sempre parcial, particular, poliédrica… Podemos –e debemos- configurar un relato máis ou menos aceptado por todos ou, cando menos, polo meirande número, mais a verdade é que penso que a filosofía do “coma se” de Hans Vahingir podería aportar, aínda hoxe en día, algunhas reflexións interesantes: o home é incapaz de coñecer a realidade e limítase a comportarse “coma se” o fixese; comportámonos coma se o mundo (pasado, presente e futuro) se correspondese co modelo que del nos fixemos. (…)”
Gondomar: Nada se esquece, de Puri Ameixide, en Espazo Lectura
O
martes 14 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar, terá lugar a primeira sesión do ano do club de lectura Sete Vidas, de Espazo Lectura, na que se falará sobre a novela proposta para este mes: Nada se esquece, da autora Puri Ameixide, publicado por Redelibros, nun acto en que a autora se achegará á biblioteca para falar cos lectores e lectoras que desexen participar.
Francisco Castro: “Sempre son as pobres as que teñen que pagar”
Entrevista
de Xurxo Salgado a Francisco Castro en Galicia Confidencial:
“(…) – Galicia Confidencial (GC): Tes xa algo en mente para publicar?
– Francisco Castro (FC): Sempre hai. Como dicía, estou coa segunda aventura. Pero antes van sair dous libros neste 2014. Un álbum para pequerrechos, con sorpresa. E como vai con sorpresa prefiro non dicir máis nada aínda, por iso de manter a intriga. Logo, para a volta do verán, sairá unha novela xuvenil que, de feito, ía sacar o ano pasado. Pero cruzouse o premio coa novela e decidín adiala.
– GC: O último libro aínda está moi fresco, O corazón da Branca de Neve. Por que ese título tan suxerente?
– FC: Son moi malo poñendo títulos ás miñas obras. Como editor éme moito máis doado coas obras doutros e doutras. Aí póñome estupendo e fago unhas propostas chulísimas. Pero no caso dos meus libros cústame mundos titulalas. No caso desta, apareceu cando estaba a escribir o capítulo derradeiro. E hai que chegar ata aí para entender por que se chama así. Daquela, velaí un motivo máis para mercala… (…)”
Xabier López López: “Existe unha diglosia tamén sexista”
Desde
Xerais:
“Ponte en Galego, o programa radiofónico do equipo de Normalización Lingüística do IES Breamo de Pontedeume entrevistou ao escritor Xabier López López, gañador do Premio Xerais de Novela 2013 con Cadeas. Na interesante entrevista, Xabier López López fala da lingua galega e asegura que existe unha diglosia tamén sexista». A entrevista pode descargarse ou escoitarse neste enlace.”
Lugo: curso de relatos impartido por Santiago Jaureguízar, os 17 e 31 de xaneiro
Os
venres 17 e 31 de xaneiro, con horarios de 16:30 a 20:30 horas, no Centro Asociado da UNED en Lugo (Rúa Cantigas e Frores, 31), Santiago Jaureguízar imparte un curso sobre relatos, que consiste na aprendizaxe das técnicas fundamentais para a escrita dun relato: modos, xéneros, construción de personaxe, estrutura, ambientación, espazo, punto de xiro, desenlace, estilo, ritmo, diálogo, flashback, elipse, clímax-anticlímax.
O venres 17 o curso xirará sobre Exposición de técnicas e xéneros usados en narrativa, e o 31 consistirá na Realización de exercicios prácticos guiados.
Toda a información sobre a actividade, o custo da matrícula e a inscrición pódese consultar aquí.
