Pontevedra: presentación de Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes

O martes 21 de decembro, ás 20:00 h, no Auditorio do Café Moderno (Fundación Caixa Galicia. Praza de San Xosé, 3) de Pontevedra, preséntase Cabalo de ouros, o novo libro de Víctor Freixanes, publicado en Galaxia. No acto participan, co autor, Carlos Lema, Lola Dopico e Miguel Barros.

Xosé Alfredo Naz gaña o XXXVI Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo

Xosé Alfredo Naz gañou o premio XXXVI Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo, que outorga a Fundación Pedrón de Ouro en colaboración co Concello de Vilagarcía de Arousa, coa obra O Mal, e tamén obtivo o primeiro accésit con A sombra da curuxa. O segundo accésit foi para Clara Isabel Rodríguez con Retallos da memoria perdida. O xurado do premio, que tivo escoller entre as máis de 60 obras presentadas, estivo formado nesta edición polo presidente do Pedrón de Ouro, Manuel Caamaño, os membros do Padroado David Otero e Xesús Santos Suárez, os escritores Ramón Caride Ogando, Marcos Calveiro e Miro Villar e o responsable de Normalización Lingüística do concello de Vilagarcía, Manuel Campos Sanmartín. A nova foi recollida en La Voz de Galicia e Faro de Vigo.

Víctor Freixanes: “A literatura é unha cousa moi seria, non fago concesións”

Entrevista a Víctor Freixanes en La Opinión:
“La Opinión (LO): En Galiza temos moi bos escritores, pero temos lectores dabondo?
Víctor Freixanes (VF): Esa é seguramente a parte máis dura. Temos unha enorme capacidade de creación pero temos un público escaso ou polo menos insuficiente. A riqueza do catálogo do libro é enorme, pero nos lectores, aí seguimos a ter dificultades. Que se miramos cara atrás con perspectiva, avanzouse moitísimo, nunca se leu tanto como se le agora, pero somos poucos. Somos 2.700.000 persoas, e tendo en conta que nas sociedades desenvolvidas os lectores veñen sendo o 35% da poboación. E a iso hai que sumar que nesta sociedade temos un problema, que é o da lingua, que segue a estar en peligro grave.
LO: Cales son os pasos que se deben dar, dende o mundo editorial pola parte que lle toca, para ampliar eses lectores e lograr que a lingua deixe de estar en perigo?
VF: Unha editorial, que é unha empresa, ten que facer o mellor posible os seus produtos, o mellor posible a selección dos seus autores e dos seus textos, pensando na diversidade de públicos que hai. Ten que editar en condicións, para poder competir con calquera outra edición do mundo. Nestes mesmos días vimos de publicar O soldadiño de chumbo cun libro-cine en colaboración coa productora coruñesa Continental, unha obra que pode competir con calquera libro do mundo, tanrto na Feira de Boloña, como na Feira de Fráncfort… onde sexa. Pero temos que facelo ben, temos que publicar con pulcritude, e logo temos que saber lanzar, apoiar, promocionar, estimular, animar. Somos uns axitadores culturais tamén. É dicir, os editores galegos non somos máquinas de facer libros sen máis; estamos comprometidos cunha causa moi definida e así o sentimos todos, mesmo aqueles que semella que van máis ao seu.”

A Coruña: sinatura de exemplares de Todo é silencio, de Manuel Rivas

Manuel Rivas asinará exemplares da súa nova obra Todo é silencio, publicada en Xerais, o venres 17, a partir das 19:00 h., na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25), na Coruña, o mércores 22 ás 19:00 h. en El Corte Inglés (Rúa Ramón y Cajal), e o xoves 30 deste mes de decembro, ás 19:00 h., na Librería Carballido (Avenida dos Caídos, 4) da mesma cidade.

Santiago: presentación de Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes

O xoves 16 de decembro, ás 20:00 h., na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII), de Santiago de Compostela, Víctor F. Freixanes presenta a súa novela Cabalo de ouros, publicada en Galaxia. Acompañan ao autor Carlos Lema, director de edicións de Galaxia, e Dolores Vilavedra, crítica literaria.

Vigo: presentación de Quéroche contar un conto

O sábado 11 de decembro, a partir das 12:00 h., no MARCO (Rúa do Príncipe, 54) de Vigo, preséntase o libro de relatos Quéroche contar un conto, escrito por Agustín Fernández Paz, Francisco Castro, An Alfaya, Xosé Cermeño e Irene Pérez Pintos e ilustrado por alumnos e usuarios de Aspanaex, publicado en Xerais. ASPANAEX prega confirmación de asistencia nos teléfonos 986.20.83.95 e 986.21.36.29.