Entrevista a Xabier Quiroga en El Progreso:
“El Progreso (EP): Cando e como sente Xabier Quiroga a paixón por escribir?
Xabier Quiroga (XQ): Sempre me sentín atraído polos libros, fundamentalmente polas novelas, pero tamén polas historias que contaban os vellos, polos contos que os da aldea lembraban ou inventaban, polas películas e por todo o fabuloso mundo de ficción e realidade que a mente humana pode crear. E xa de novo escribía, pero sen dalo a coñecer aos demais. Pero tampouco creo que nacese con esa suposta paixón, porque na miña familia non houbo precedentes. Iso si, foise alimentando cos anos e coas lecturas. (…)
EP: Cambiando radicalmente de tema, como está o oficio de escritor? Que pasa para que alguén coma Suso de Toro abandone?
XQ: O oficio que nomeas en Galicia non existe como tal. Oficio para vivir del, refírome. A non ser que publiques tamén en castelán, aquí é imposible subsistir coa literatura. Acontece que en galego non se le moito, non se publica moito, non se merca moita literatura. Semella como se o noso non se quixese potenciar, como se non se quixese apoiar por ser precisamente o noso. E iso que hai magníficos creadores e persoas intelectualmente moi válidas. Este proceder suicida da nosa cultura fala moi pouco de nós como pobo que quere ou debería afirmarse e subsistir. Non sei se é algo que vai nos xenes ou é un complexo do que non nos damos desprendido. Por iso vemos que calquera ‘libraco’ de fóra e en castelán que se promocione deseguido se merca e se le, e interesantísimas obras dos nosos autores pasan desapercibidas. Somos así de submisos e pailáns. E xa non digamos os que nos mandan, que semella que nunca leron un libro dos nosos creadores.”
Arquivo da categoría: Narrativa
Víctor Freixanes: “Non quero decepcionar”
Entrevista a Víctor Freixanes en Galicia Hoxe:
“No exercicio literario, subliña, é onde “onde me esixo máis, onde digo as cousas que non digo nos meus artigos periodísticos”. O acto de escribir permítelle “entrar no diván do psiquiatra” e, ao mesmo tempo, practicar “unha fuga natural das miserias máis achegadas”. É como “recargar as pilas” e “o máis parecido que hai a ligar cunha persoa”. Si, “ligar”, insiste, porque “escribir unha novela e ter un lector é unha especie de relación erótica. Escribir só é comparable ao encontro de dous corpos”. Esta teoría, que talvez inclúe nun ensaio “aínda sen pechar” sobre a súa experiencia literaria, está ben apontoada no seu imaxinario: “Cando estamos metidos nunha historia, todo desaparece: quedamos dentro dunha cápsula, como nunha relación sensual, sexual ou amorosa. O escritor fai co lector un corpo a corpo. Ao acabar a novela, se a novela enche, un di: Que ben estivo isto!”.
Entrevista con Diego Ameixeiras sobre Asasinato no Consello Nacional
(Faro de Vigo, a través de Xerais)
Ourense: presentación de Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz
O venres 19 de novembro preséntase na Sala de Tertulia do Liceo de Ourense (Rúa Lamas Carvajal, 5), a partir das 20:00 h., Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz, publicado por Xerais. No acto acompañarán ao autor Javier Casares e Manuel Bragado.
Vigo: presentación de Futuro imperfecto, de Xulia Alonso Díaz
O venres 19 de novembro, ás 20:00 h, na Casa do Libro de Vigo, preséntase o primeiro libro de Xulia Alonso Díaz, Futuro imperfecto, publicado en Galaxia. No acto participan, coa autora, Víctor F. Freixanes, Concha Báez Montero e Margarita Viñas Neira.
Santiago: presentación de O gume dos espellos, de Ramón Caride
O venres 19 de novembro, a partir das 19:30 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o novo libro de Ramón Caride O gume dos espellos, publicado en Toxosoutos. No acto participan, acompañando ao autor, Miguel Anxo Martínez Oubiña, David González Couso e Xoán Fuentes Castro, autor da novela O cuadrilátero, sobre a que se manterá tamén unha lectura-coloquio.
Moaña: presentación de Bicos de sol, de Asun Estévez
O venres 19 de novembro, a partir das 20:00 h., no Salón de plenos do Concello de Moaña, preséntase o libro Bicos de sol, de Asun Estévez, publicado en Ir Indo. Esta obra nace para desdramatizar o impacto que supón unha grave enfermidade no seo de calquera familia, pero especialmente para resaltar a importancia da implicación de tódolos seus membros.
Xabier López: “Podemos contar a nosa vida a través dos libros que lemos”
Entrevista a Xabier López en A Nosa Terra:
“A Nosa Terra (ANT): Os libros son a escusa do relato que titula o volume.
Xabier López (XL): O relato que lle dá título ao libro, Os libros prestados, chameino así para que o lector pensase en atoparse outra cousa ben distinta ao que logo vai ler. Os libros son só pretextos, están na periferia do asunto. E uso libros e non películas ou outros obxectos porque a liña entre literatura realista e literatura fantástica non a teño eu moi clara. Na nosa vida inflúen case máis os seres creados que os seres reais. Os símbolos crean conduta –só hai que pensar na relixión!– e por iso a literatura é tan poderosa. Podemos contar a nosa vida a través dos libros que lemos.
ANT: Cando se impoña o libro electrónico acabarase o tópico de: libro que emprestas, libro que perdes.
XL: Hai todo un futuro por escribir nese campo. Eu, persoalmente, non teño tan claro ese argumento de que o libro físico ten asegurado o porvir por ser un obxecto perfecto. O libro ocupa espazo e o espazo é algo moi valioso no noso tempo. Ademais, o concepto fetichista do aroma ou o son do papel paréceme comprensíbel pero eme alleo. Eu sempre preferín as edicións de peto ás primeiras edicións. Unha vella teima miña é o laio constante porque na edición en galego non haxa coleccións baratas.”
Xavier Castro dirixe un curso que mestura viño, música e literatura
(Xornal)
Ditames do XVIII Certame de ensaio e narrativa Carvalho Calero
O xurado do XVIII Certame Literario e Lingüístico Carvalho Calero, presidido por Mercedes Carbajales, e con Ángeles González como secretaria, e integrado por Xabier P. Docampo, Rosa Aneiros, Carlos Pazos, Carlos Garrido e Victoria Salgado, deu a coñecer o seu fallo, anunciando que o catedrático e filólogo coruñés Manuel Castelao Mexuto resultou gañador no apartado de ensaio pola súa obra Elucidacións na sombra. Análise e interpretación de dúas pezas teatrais de Carvalho Calero. Na categoría de narrativa o premio quedou deserto por segundo ano consecutivo, xa que os traballos presentados non alcanzaron a calidade requerida nun certame que, recentemente, se decidía consolidar como bianual, co que a próxima convocatoria terá lugar no 2013. A entrega do premio celebrarase a finais de mes e destacaron a importancia da data, xa que neste ano se cumpre o centenario do nacemento de Ricardo Carvalho Calero, ilustre filólogo e escritor, membro numerario da Real Academia Galega e primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela. O gañador, Manuel Castelao Mexuto, verá editada a súa obra e recibirá un premio en metálico de 3.700 euros, destacando o xurado o traballo interpretativo e reflexivo, así como o gran esforzo didáctico do autor, ampliando así o seu público potencial. (Concello de Ferrol. Tamén se recolle a nova en Galicia Hoxe, Diario de Ferrol, Cultura Galega).