Artigo
de Armando Requeixo no seu blog, Criticalia, sobre a Novela negra galega:
“(…) Pois ben, quixera agora retomar o tema para sinalar, máis por extenso, os que, a meu parecer, son os trazos definitorios desta realidade literaria na Galicia dos nosos días.
– 1) Tal como eu o vexo, non hai, falando con propiedade, boom ningún deste tipo de escrita entre nós. Existe, si, un meridiano maior cultivo, pero sen que iso chegue a constituír unha deriva sistémica nucleadora.
– 2) As causas deste progresivo maior cultivo creo que son tanto de natureza esóxena coma endóxena. Entre as primeiras a máis evidente sería a da influencia que, tamén entre nós, tivo o éxito dos narradores nórdicos, convertidos en best sellers de consumo mundial, o que explica que as nosas editoras e autores puidesen barallar a oportunidade de potenciar unha escrita deste xorne. Canto ás segundas, eu destacaría dúas: dunha banda, a narrativa negra apenas se cultivou antes das últimas dúas décadas, o que seguramente moveu as empresas de edición e os escritores a tentar aterraplenar ese espazo sistémico que se vía desasistido, procurando así a desexable normalización da oferta. Doutra parte, non hai que esquecer que a ambientación espacial e todo o background vivencial que aerosoliza o contexto no que se desenvolven estas historias ten un maior correlato verosímil nunha Galicia como a destes comezos do século XXI, pois dificilmente podían acontecer certas aventuras propias do xénero no país de hai trinta anos (e de feito esta falta de credibilidade foi unha das críticas que adoito se sinalaron ás primeiras obras desta clase), o que tamén explicaría que sexa na actualidade cando máis abrollan as novelas negras.
Sexa como for, cómpre congratulármonos pola aparición deste xénero de obras, pois a nosa literatura medra e faise forte tamén coa súa existencia, para ben de todas as lectoras e lectores.”
Arquivo da categoría: Narrativa
Muxía: presentación de O noso amor será eterno, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón
O
sábado 8 de outubro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do Voluntariado de Muxía, preséntase a novela O noso amor será eterno, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Félix Porto, Viki Rivadulla, Miro Villar e Manuel Bragado. O acto está organizado pola editorial e a Fundación Gonzalo López Abente.
Vigo: Mesa redonda de narrativa, no VI Ciclo Escritoras/es na Universidade
O
xoves 6 de outubro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, comeza o VI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o lema Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise, cunha Mesa redonda de narrativa, coa participación de Marilar Aleixandre e Bieito Iglesias, presentados por Camiño Noia. O acto de inauguración contará coa presenza do Secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e da escritora Marta Dacosta en representación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Santiago: exposición Suleiman e Salúa, de Ali Ali, sobre un conto de Francisco X. Fernández Naval
Do
mércores 5
ao xoves domingo 23 de outubro, con horarios de luns a venres de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., e sábados de 11:00 a 14:00 horas, na Galería Caroní da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas (Rúa do Vilar, 21) de Santiago de Compostela, estará aberta a exposición Suleiman e Salúa, que recolle as ilustracións (de 1,20 m. de alto) que o artista sirio Ali Ali realizou sobre un conto, que tamén se pode ler alí mesmo, escrito por Francisco X. Fernández Naval como unha recreación fantástica dos recordos da infancia do artista, centrada nunha aldea das montañas do leste de Siria. Segundo o autor galego, Ali Ali “faloume da xeografía, da aldea situada ao pé dun lago, dos costumes e das festas nas que participaban os nenos, do ceo estrelado, dos animais e dos seres míticos. Con toda a súa memoria eu construín esa historia que el logo ilustrou”. A inauguración terá lugar o mesmo mércores 5 ás 20:30 horas.
Cunqueiro Pop
“Álvaro Cunqueiro
está considerado un dos autores galegos que manteñen unha máis estreita relación co imaxinario e o pensamento popular da súa época. No entanto, o seu traballo está moi lonxe de ser unha simple traslación. Xogos, invencións e recursos de diferentes fontes mestúranse nunha obra na que, segundo el defendía, quería axudar a coñecer mellor o ser galego. E non todo o que semella popular é tal. Unha grande parte da obra de Cunqueiro amosa un grande achegamento ao mundo galego tradicional. É o caso a triloxía dos Feirantes, Menciñeiros e Xente de aquí e de acolá. Canda a estas, boa parte do xeito de vida e de pensamento tradicional paira mesmo naquelas obras nas que o mindoniense aborda temáticas clásicas ou cultas. Faino, iso si, mesturado con influencias e imaxinarios do máis variado e mesmo desde a perspectiva dalguén que non eran enteiramente daquel mundo. A mesa redonda O popular en Cunqueiro que se celebrou o pasado xoves no Consello da Cultura Galega no marco do congreso Mil e un Cunqueiros centrouse precisamente en abordar esta cuestión. (…)” Reportaxe en Cultura Galega.
Santiago: presentada Folks from here and there, versión en inglés de Xentes de aquí e de acolá, de Cunqueiro
“A
profesora Kathleen March asina a tradución para o inglés do libro Xente de aquí e de acolá de Álvaro Cunqueiro. A Consellería de Cultura presentou o venres 30 de setembro Folks from here and there na biblioteca da Cidade da Cultura nun acto no que tamén estaba presente Jonathan Dunne, responsable de Small Stations Press, coeditora do volume canda á Xunta. Esta versión é a primeira en inglés do autor mindoniense nos últimos quince anos, e pode consultarse un fragmento da mesma no web da editora.” Vía Cultura Galega. Reseñado tamén en Galiciaé e La Voz de Galicia.
Lugo: presentación de Un dedo manchado de tinta, de Manuel Portas
O
venres 30 de setembro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase o libro Un dedo manchado de tinta, de Manuel Portas, publicado en Xerais. No acto, acompañando ao autor, participarán Xosé Chorén e Manuel Bragado. Crónica posterior en El Progreso.
Boiro: presentación de Máxico tear natural, de Xosé M. Lobato
O
venres 30 de setembro, ás 20:30 horas, na Galería Sargadelos de Boiro (Rúa Principal, 65), terá lugar a presentación do libro Máxico tear natural, de Xosé M. Lobato Martínez, publicado en Alvarellos. No mesmo acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, Alvarellos Editora, a Galería Sargadelos do Barbanza e o Concello de Boiro presentarase tamén un novo número do suplemento cultural A Voz de Barbantia. No acto, ademais do autor, participan Xosé Ricardo Losada, Henrique Alvarellos, Jesús Lojo Alcalde, Alberto Piñeiro e Helena Teixeira Barcala.
A Coruña: presentación de Madeira de mulher, de Adela Figueroa
O xoves
29 de setembro, ás 20:00 horas, no local de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo) na Coruña, preséntase o libro de relatos Madeira de mulher, de Adela Figueroa, publicado en Edicións do Castro. No acto, xunto á autora, participan Felipe Senén López e Pilar García Negro, acompañados pola actuación musical de Xurxo Souto.
Boiro: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández
O
sábado 24 de setembro, ás 19:30 horas, no Centro Social Aturuxo (Rúa Principal, 118) de Boiro, terá lugar unha conversa sobre letras e cinema, dentro da que se presentará a novela Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicada en Galaxia.