Arquivo da categoría: Narrativa
Manuel Rivas: “Vivimos a guerra como un espectáculo televisivo”
Desde Faro de Vigo (por Mar Mato):
“A violencia contra a natureza e a muller nutren a estrutura base do último libro de Manuel Rivas, Tras do ceo, que presentou o autor no Club Faro. Ante un atento auditorio, reflexionou sobre como «corremos o perigo de ser banais» á hora de tratar a violencia. Como exemplo, sinalou que «vivimos a guerra como un espectáculo de televisión. Rompeuse o corazón da humanidade».
Presentado por Fran Alonso, director xeral de Xerais; e entrevistado polo xornalista Xan Carballa, recoñeceu que «non son pesimista pero ao escribir esta novela vin como o tánatos ía gañando; o pesimismo fíxome abanear varias veces».
Tras do ceo –explicou Fran Alonso no arranque– «é unha novela arrebatadora, inquietante e emotiva que nos fai pensar (…) Diante nosa temos nela unha das mellores novelas da literatura galega da última década».
Coa máxima de Thomas Hobbes de que o home é un lobo para o home, derivada da locución latina homo homini lupus, describiu que a narración de Rivas nos presenta un grupo de cazadores que vai na procura dun xabarín albino ao que acusan de ser maligno.
Nesa xornada na súa busca e ameazada a súa misión a causa da néboa, dan con dúas mulleres que tiveron un accidente. Nun primeiro momento, deciden axudalas.
A conversa entre os dous grupos acaba derivando nun enfrontamento dialéctico ao redor do ecoloxismo e o machismo para, a partir de aí, virar no cambio de rumbo da caza.
A este respecto, no acto, Rivas fixo fincapé na importancia do poder no seu último traballo literario pero non co foco na modalidade política ou económica senón nos micropoderes que ostentan determinados grupos sociais.
«O tema do xénero no libro atravesa a historia e ubícanos nunha situación de anomalía, nunha especie de guerra non declarada pero real sobre a muller e outros sectores máis vulnerables así como sobre a natureza», indicou o intelectual galeguista. (…)”
Marta Villar: “O humor, a ironía e a retranca atravesan toda esta novela”
Entrevista a Marta Villar en Xerais:
“(…) – Xerais (X): Cal é a orixe desta novela?
– Marta Villar (MV): Despois de publicar o ano pasado a miña primeira novela, Non temerás os coches amarelos, quedei con gana de escribir outra historia de crime e investigación. Gustábame a idea de que as pescudas as fixese alguén alleo aos corpos e forzas de seguridade. Fun moi fan da serie Escribiuse un crime, innovadora no seu tempo porque a protagonista era unha muller, e ademais maior, que escribía e investigaba pola súa conta. Xuntei esta idea con outra: a das mulleres que traballaron nas cooperativas téxtiles de Inditex. De aí xurdiu Detective Ferruchi, que é tamén unha homenaxe a unha comunidade, un pobo, que aínda hoxe sofre o racismo.
– X: Influíu a túa profesión de xornalista á hora de escribir esta historia?
– MV: Os xornalistas por definición son, ou teñen que ser, persoas con curiosidade por todo, que se senten apaixonadas polas historias. Tanto, que ás veces no día a día dun xornal non hai tempo ou espazo para determinados temas. E aí aparece a literatura. Envorco nela os temas que ás veces no xornal resultan desprazados por outros.
– X: O xurado destacou o ton cómico e o humor. Como o conseguiches?
– MV: Despois do meu primeiro libro quedei liberada de certos temas, había unha carga de dor que deixei atrás. Ademais, escribín Detective Ferruchi nunha licenza de traballo de tres meses. E saíu ese ton que atravesa toda a novela, o humor, a ironía e a retranca. É un humor que comparto, e supoño que tamén foi fomentado polo ánimo que tiña nese momento, froito de saber que me quedaban tres meses por diante nos que podía facer o que quixese. Unha sensación que libera á hora de escribir. Ter moitos días seguidos libres é básico para escribir. Como xornalista de prensa traballas pola mañá e pola tarde, os festivos e as fins de semana. Non é posible escribir unha novela por esa falta de continuidade, agás se o fas sacrificando as vacacións. E aínda así non chega. (…)”
Eva Mejuto: “Este premio pega o meu nome ao de Agustín e iso faime moi feliz”
Entrevista a Eva Mejuto no Diario de Pontevedra:
“”Onde caben catro é, en realidade, o lema que lle puxen á historia para participar no certame. A min gustaríame que o libro se publicase co título As aventuras de Keco e Kika“, explica Eva Mejuto (Sanxenxo, 1975). A escritora, afincada en Pontevedra, vén de gañar o VIII Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, que convocan o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), o Concello de Vilalba (Lugo) e Edicións Xerais. O xurado premiou o seu traballo “por poñer en valor os animais de compañía como parte da vida familiar”, porque o humor “ten un papel moi decisivo” e porque está escrita “con dúas voces”, as dos dous cans protagonistas alternadas, o que o converte “nun libro interesante para a educación literaria dos máis pequenos”.
– Diario de Pontevedra (DP): Que historia é a que conta en Onde caben catro?
– Eva Mejuto (EM): A de dous cans que viven en Valdepegas, un barrio moi semellante a un de Pontevedra que se chama Valdecorvos, onde vivo eu e onde pasean os meus cans. Aquí temos a dúas rapazas que son parella e viven neste barrio cun can e cunha gata. O can é un can xa vello que vive moi acomodado na casa, ata que un día chega outra cadela que vén rescatada dunha situación complicada. Entón aquí temos a voz narrativa de Keco, o can vello, que vai contando desde a súa perspectiva o que está pasando na casa, a chegada deste outro animal que lle quita o protagonismo e as ‘chuches’, e a voz narrativa de Kika, a cadela nova, que chega a este novo fogar con toda a enerxía e toda a ilusión. O libro baséase na contraposición destas dúas voces narrativas.
– DP: Vostede ten tamén dous cans, Neko e Mica. Canto deles hai nesta historia?
– EM: Pois a verdade é que case todo é real porque esta historia parte precisamente da vivencia de ter na casa estes dous animais. Evidentemente, as persoas humanizamos os cans, porque forman parte dos nosos vínculos, dos nosos afectos e, ao final, acaban tendo reaccións case de seres humanos. Si, esta historia ten moito que ver coa miña vida, co espazo no que vivo e coa miña familia humana e animal. A maiores, a min aquí había varios temas que me apetecía tratar. Un era o do maltrato animal e como lles afecta ese sufrimento ao seu comportamento. E o outro era o das redes de afectos e as familias diversas. Non é o tema central do libro, pero está aí.
– DP: Que supón recibir un premio co nome de Agustín Fernández Paz?
– EM: Para min é algo moi especial. Eu non lin a Agustín Fernández Paz de nena, porque aínda non tiña escrita a súa obra. Pero despois, xa adulta, en todo o traballo que desenvolvín dende o mundo da edición e como escritora, a súa obra estivo presente. Nun momento dado tiven a oportunidade de coñecelo de preto nunha viaxe á Feira do Libro de La Habana en 2008, cando Galicia foi país convidado. Descubrir a súa maneira de pensar, o profundo respecto que tiña pola rapazada como lectorado e a súa sensibilidade, marcoume moito. Así que, aínda que non o lin cando tocaba, si que me serviu para facerme unha composición do que debía ser a literatura infantil e xuvenil. Aprendín moito del. Un premio sempre é un apoio, sempre é un azo, pero que ademais leve o nome de Agustín faino de verdade especial. Permíteme pegar o meu nome ao seu e isto é algo que me fai moi feliz. E penso que a el tamén lle tería gustado. (…)”
Barcelona: presentación de Coímbra, de Xosé de Cea
Nigrán: presentación de Alén da néboa, de Pedro Rodríguez Villar
A Coruña: presentación de As horas mortas, de Emma Pedreira
A Coruña: lectura teatralizada de Un ollo de vidro, de Castelao
Vigo: presentación de Ratas en Manhattan, de Francisco Álvarez Koki
Manuel Rivas: “Sen imaxinación queimaríanos o inferno, a imaxinación si que é un refuxio climático!”
Entrevista de Rodri García a Manuel Rivas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Por que unha novela negra?
– Manuel Rivas (MR): Escribes unha novela, entre outras cousas, porque non podes explicar a realidade doutro xeito. Cousas que ás veces vemos desde un realismo simple poden parecernos mundos afastados. A novela pon en cuestión ese simplismo do branco e negro, e mesmo de facer valados. Aquí as cousas están moi tecidas.
– LVG: E as realidades enfrontadas…
– MR: Penso que o máis interesante xorde cando se comunican dous contrarios. Aquí hai momentos en que o infernal é o cómico se xuntan, pero tamén personaxes con caracteres que son duros pero afastados, como é o Amadeo construtor e o Outro [Antón], que non ten un peso. Enténdense ben porque se necesitan no sentido de que teñen curiosidade os dous. Este é un mundo que non propicia o encontro entre contrarios, máis ben levanta moitos muros, sitúa a xente en estratos, en capas. E perdemos o mellor da paisaxe humana e da paisaxe natural. Os humanos, en vez de ser o centro do mundo, son enxertos que están nunha paisaxe, nunha xeografía, e grazas á imaxinación podemos oír o latexo da natureza, a resistencia. Os animais tamén resisten… Ás veces dis estas cousas e hai xente que di: «Fáltalle un sulfato» [ri].
– LVG: Iso non está no que din do protagonista: Chóvelle no tellado, ten o casco avariado, fáltalle un rego, está en menos cuarto…
– MR: Faltoume o de «está sen sulfatar». O rapaz, falando doutro veciño que fai bromas con eses ditos, rosma: «Non é o único imbécil que me considera un imbécil». [risas]. Escribir, posiblemente, é a necesidade de explicar moitas cousas, as zonas de sombra, os lados escuros, pero tamén os lados ás veces marxinados, como pode ser ese humor popular, a imaxinación… A imaxinación semella hoxe en día que é algo obsoleto, asóciase cos contos, coa fantasía, e nada máis diferente: É un xogo de chaves que nos serven para abrir a realidade. Aquí as chaves sempre se usan para pechar. O que fan falta son xogos de chaves para abrir. (…)”




