Pontevedra: presentación de Periferia, de Iolanda Zúñiga, e apertura de blog sobre a obra

O xoves 28 de outubro, ás 20:00 h., na sede da Fundación Caixa Galicia (no Edificio Café Moderno) de Pontevedra, preséntase Periferia, de Iolanda Zúñiga, a novela gañadora do Premio Xerais 2010. No acto acompañarán á autora Antón Sobral e Manuel Bragado. En relación con esta obra, a autora ven de abrir un blog, Planeta Periferia, onde vai incorporando anotacións e comentarios sobre a súa propia novela e o proceso de creación, así como da banda sonora que acompaña ao texto.

Ourense: presentación de Denso recendo a salgado, de Manuel Portas

O venres 29 de outubro, ás 20:00 h., na Livraria Torga (rúa da Paz, 16) de Ourense, preséntase o libro Denso recendo a salgado, de Manuel Portas, publicado por Xerais. No acto participan, acompañando ao autor, Marta Arribas, Sechu Sende e Manuel Bragado.

A Coruña: presentación de Todo é silencio, de Manuel Rivas

O venres 29 de outubro, a partir das 19:30 h., na FNAC (Mercado Eusebio da Guarda – Praza de Lugo, s/n.) da Coruña, presentación do novo libro de Manuel Rivas Todo é silencio, publicado en Xerais. No acto estará acompañado por César Morán e Xosé Taboada. Ao finalizar a presentación, o autor asinará exemplares da súa obra.

Vigo: Narrativa galega recente, con Xosé Monteagudo e Begoña Caamaño, no V Ciclo Escritores/as na Universidade

O V Ciclo de mesas redondas Escritores/as na Universidade continúa o xoves 21 de outubro a partir das 12:00 h. no Salón de Actos da Facultade Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, coa participación de Xosé Monteagudo e Begoña Caamaño na mesa redonda Narrativa galega recente, onde os autores lerán fragmentos da súa prosa comentando os pormenores da súa actividade como creadores. O acto será presentado por Camiño Noia. Organizado pola AELG e a Facultade de Tradución de Vigo.