O
venres 20 de maio, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Estudos Locais (Rúa Durán Loriga, 10, 1º) da Coruña, terá lugar a conferencia Unha tarde con Lois Pereiro, na que Mercedes Queixas falará sobre a figura do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas e presentará o seu libro Lois Pereiro, a urxencia poética dun futuro alleo, publicado en Laiovento. Despois actuará o cantautor Manu Clavijo, quen ofrecerá parte dos seus traballos sobre Lois.
Arquivo da categoría: Palestras
Madrid: actos do Día das Letras Galegas no Centro Asociado Escuelas Pías da UNED
O martes
17 de maio, ás 19:00 horas, terá lugar a celebración do Día das Letras Galegas 2011 no Centro Asociado Escuelas Pías da UNED (C/ Tribulete, 14) de Madrid, organizado polo Clube de Lectura da UNED e a área de Filoloxía Galego-Portuguesa da mesma universidade. O acto abrirase cunha conferencia sobre a figura de Lois Pereiro da parte de Luis Luna e a seguir farase unha lectura do libro colectivo do Grupo Bilbao de escritores de expresión galega, intitulado Madrid era unha praia de baleas entre néboas, presentado polo profesor da área de Filoloxía Galego-Portuguesa da UNED, Xavier Frías Conde. O libro en cuestión conta con textos de Vicente Araguas, Manuel Pereira, Begoña Regueiro, Marga Vázquez, Jurjo Nóvoa, Pili Mera, Ana Cibeira, José Galán e Xavier Frías, cun prólogo de Luis Luna.
Arzúa: En castellano no hay problema: Do plan de normalización ao plan de extinción da lingua galega, conferencia de Carlos Callón
O
luns 16 de maio, ás 20:30 horas, na Biblioteca Municipal de Arzúa, terá lugar a conferencia En castellano no hay problema: Do plan de normalización ao plan de extinción da lingua galega, a cargo de Carlos Callón, nun acto convocado polo Concello de Arzúa.
A Coruña: conferencia de Estevo Creus: Un lugar sen rastro ou de como a palabra impide, no ciclo Escrita(s)
O venres
13 de maio, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, continúa o “Ciclo Escritas 2011 Sargadelos“, que, baixo o título de “Circunvolucións”, consiste nunha serie de charlas na que se abordará a experiencia que coa(s) escrita(s) manteñen diversos autores, tratando de atravesar a partir das diferentes liñas de universo dos/das conferenciantes/conferenciantas a proliferación das inscricións que fan con nós comunidade. Nesta ocasión, Estevo Creus falará sobre Un lugar sen rastro ou de como a palabra impide. A través de intervencións e accións poéticas abrirase unha reflexión sobre a desaparición do corpo ou a aparición do corpo como inimigo no eido teórico, político, social e científico. A necesidade da literatura e as artes como mecanismo de normalización da excepción. Unha teoría sobre o perigo das teorías ou de cómo a palabra impide: e se non me deteño e dou un salto e me deteño e salto? e se me deteño e dou un salto e non me deteño e salto? O precioso é unha condición do obxeto ou o precioso é maderable? e se todo é 1 é?
A Coruña: conferencia de Manuel Rivas sobre Lois Pereiro
O
mércores 11 de maio, ás 20:00 horas, na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, Manuel Rivas falará sobre a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas, Lois Pereiro, nun acto organizado pola A. C. O Facho.
Xosé Luís Méndez Ferrín: “Nunca as Letras Galegas foron dedicadas a alguén tan contemporáneo”
Ourense: conferencia de César Cunqueiro sobre Álvaro Cunqueiro ou a literatura do paraíso
O
xoves 5 de maio, a partir das 20:15 h., na Aula de Cultura do Liceo de Ourense, remata o IX Ciclo de Conferencias Visións de Galicia, organizada pola Sección de Literatura desa entidade, con Álvaro Cunqueiro ou a literatura do paraíso, a cargo de César Cunqueiro. Deixamos aquí este .pdf coa programación completa: Ciclo Visións de Galicia Liceo de Ourense.
Ourense: conferencia Cunqueiro, narrador, de Dolores Vilavedra
O
luns 2 de maio, a partir das 20:15 h., na Aula de Cultura do Liceo de Ourense, comeza o IX Ciclo de Conferencias Visións de Galicia, organizada pola Sección de Literatura desa entidade, con Cunqueiro narrador, a cargo de Dolores Vilavedra. Deixamos aquí este .pdf coa programación completa: Ciclo Visións de Galicia Liceo de Ourense.
A Coruña: conferencia Da natureza e a xeración do pensamento. Linguaxe poética, de Antonio Gamoneda, nos IV Encontros Cidade da Coruña, e entrega do Premio Escritor Galego Universal pola AELG (ás 12:30 h. comparecerá nunha rolda de prensa no Kiosko Alfonso)
O
venres
29 de abril, ás 20:00 h., no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar a última conferencia dos IV Encontros Cidade da Coruña, baixo o lema Ser Escritor, Ser Escritora, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a colaboración da Real Academia Galega. Antonio Gamoneda falará sobre Da natureza e a xeración do pensamento. Linguaxe poética, e a continuación ofrecerá unha lectura poética. A presentación do acto correrá a cargo do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, contando tamén coa presenza do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, e da Concelleira de Cultura da Coruña, María Xosé Bravo.
Gamoneda recollerá neste acto o galardón “Escritor Galego Universal“, despois dunha laudatio do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, quen indicou que o homenaxeado “é un home que fala da nosa lingua e da nosa poesía con fraternidade, valorizándoa, por ser, en palabras súas, a lingua galega palabra insurxente por ser necesaria para una realidade que queren sexa sometida, que está a ser minorizada en contra da vontade dos galegos e galegas. En Gamoneda, tan importante como a súa poesía son as súas reflexións sobra a xeración do pensamento poético. Un poeta que defende que a poesía non é literatura, que é una forma de coñecemento. E que na súa poesía fala desde o acto de rebeldía que supón en plena posguerra reivindicarse desde a humanidade dos paseados, da fame, do medo, dos desaparecidos, fálanos dos que negaban os libros da historia. El como poeta revelounos naquel tempo o terríbel segredo do que aconteceu.”
Nacido en Oviedo en 1931. A obra de Gamoneda esténdese desde o 1960 con Sublevación inmóvil até hoxe marcada por unha fonda pegada ética que gaña forza nun exemplo de coherencia e verdade poética. Premio Cervantes en 2006, reivindícase como pertencente á cultura da pobreza: o sufrimento social penetra na súa conciencia lingüística, conferíndolle unha linguaxe poética e semanticamente subversiva. Combina un poderoso dominio do idioma coa permanente actualidade do seu mundo poético nacida da asunción da propia historia persoal e colectiva. O recoñecemento europeo e americano revélase na tradución da súa obra a distintas linguas. Foi tamén Premio Raíña Sofía de Poesía Iberoamericana en 2006 e Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía en 1988.
O propio venres 29 de abril, ás 12:30 h., o autor comparecerá nunha rolda de prensa no Kiosko Alfonso (Xardíns de Méndez Núñez), co presidente da AELG, Cesáreo Sánchez.
Crónicas posteriores en Galicia Hoxe, Xornal e La Opinión.
Ourense: conferencia de Xesús Alonso Montero sobre Álvaro Cunqueiro xornalista
O
venres 29 de abril, a partir das 20:15 h., na Aula de Cultura do Liceo de Ourense, comeza o IX Ciclo de Conferencias Visións de Galicia, organizada pola Sección de Literatura desa entidade, con Álvaro Cunqueiro xornalista, antes e despois de 1936, a cargo de Xesús Alonso Montero. Deixamos aquí este .pdf coa programación completa: Ciclo Visións de Galicia Liceo de Ourense.