A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda informa que o vindeiro xoves 7 de maio terá lugar a primeira das conferencias do ciclo Lingua e Letras en conmemoración do Día das Letras Galegas. Nesta ocasión participará o catedrático de Filoloxía Románica e investigador do ILG Francisco Fernández Rei, que impartirá unha conferencia arredor da figura de Ramón Cabanillas no cincuenta cabodano do seu falecemento. Será ás 20:30 h no salón de actos da asociación (R/ Olmos 16-18, 1º, A Coruña). A entrada é libre.
Arquivo da categoría: Palestras
Santiago: “Multiculturalidade e minorías” co Clube de Lectura Gálix Tendendo Redes
O Club de Lectura Gálix Tendendo Redes organiza dúas actividades esta semana arredor do tema Multiculturalidade e minorías. O mércores día 15 farán un repaso ás obras da LIX galega que tratan esta temática, así como a outras obras de gran calidade e interese dentro das literaturas peninsulares, a partir da escolla que fará a profesora e crítica Mayte Leis.
O día seguinte, xoves 16 de abril, o escritor Fran Alonso falará das influencias, experiencias e compromisos que deron lugar á súa obra Cartas de amor, publicada por Edicións Xerais de Galicia na colección Fóra de Xogo. Os actos celébranse na Biblioteca do Consello da Cultura Galega co mesmo horario os dous días, de 17.00 a 19.00 horas.
Ferrol: conferencia de Fermín Bouza
O sábado 4 de abril as 20 horas no Ateneo Ferrolán Fermín Bouza pronunciará unha conferencia titulada “As eleccións galegas de 2009: unha análise sociolóxica do seu significado político”. Presenta o acto Xosé Leira. Fermín Bouza (Santiago de Compostela, 1946), Catedrático de Socioloxía (Opinión Pública) na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid. Traballa sobre Opinión Pública, Comunicación Política e Socioloxía Electoral. Tamén escribe textos literarios, particularmente en galego (o seu libro de poemas Labirinto de Inverno foi Premio da Crítica Española). Mantén o blog Voto con Botas.
A Coruña: conferencia de Carlos Taibo
O vindeiro día 2 de Abril, xoves, o profesor e investigador Carlos Taibo pronunciará dentro do ciclo Economia, História, e Realidade Social unha palestra co título O nacionalismo español. O acto celébrase ás oito do serán no local da Fundación Caixa Galicia no Cantón Grande da Coruña.
Carlos Taibo é profesor de Ciencia Política e da Administración na Universidade Autónoma de Madrid. Firme activista do movimento antiglobalización, a súa obra investigadora é recollida en diversos libros tanto en galego como en castelán: O castelo de fogos. Nove ensaios sobre ou porvir da Europa do Leste, Europa sen folgos, Un novo Terceiro Mundo, Miserias da globalización capitalista, Fendas abertas: Seis ensaios sobre a cuestión nacional, La desintegración de Yugoslavia, Guerra en Kosova: Un estudio sobre la ingeniería del odio, El conflicto de Chechenia, Crisis y cambio en la Europa del Este, Rapiña global ou Sobre política, mercado y convivencia, en colaboración co economista e escritor José Luis Sampedro.
A Coruña: conferencia de Ángela Oramas
Mañá xoves 26 de marzo a Asociación Cultural Alexandre Bóveda acolle no seu local este xoves, 26 de marzo, a conferencia O impacto de poetas e músicos coruñeses en La Habana, a cargo da profesora e investigadora cubana Ángela Oramas. Será ás 20:30 h no salón de actos da asociación (R/ Olmos 16-18, 1º), presentado polo escritor e artista Lino Braxe, que nos últimos tempos está a desenvolver diferentes proxectos culturais en Cuba.
A Coruña: conferencia de James Salter
O escritor escocés en lingua galega James Salter impartirá mañá mércores 25 de marzo unha conferencia no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía, no Campus da Zapateira. O acto comeza ás 12:30 e a entrada é libre.
A Coruña: conferencia de Carlos X. Varela Aenlle
Mañá mércores 25 de marzo o membro da Real Academia Galega (RAG) e Presidente da Associaçom Cultural Abertal, Carlos X. Varela Aenlle, impartirá dentro do ciclo Língua, Literatura e Naçom a charla O galego nas Terras Eu-Navia. O acto comeza ás oito do serán no local da Fundación Caixa Galicia no Cantón Grande da Coruña.
Lugo: exposición e conferencia de Siro López
Hoxe luns 16 de marzo ás 20:00 horas inaugúrase na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos de Lugo a exposición de Siro López Valle-Inclán: Retratos, caricaturas e visións, promovida polo Clube Cultural Valle-Inclán e que poderá ser visitada até o 19 de abril.
O debuxante e ilustrador impartirá ademais unha conferencia no Salón de Actos da Deputación de lugo (R/ San Marcos s/n), baixo o título Ilustración e literatura con Valle-Inclán como modelo. Será mañá martes 17 de marzo a partir das 20 horas, con entrada libre.
A Coruña: conferencia de Henrique Harguindey
O vindeiro mércores 18 de marzo o profesor, tradutor e escritor Henrique Harguindey Banet pronunciará dentro do ciclo Língua, Literatura e Naçom unha charla co título Testemunhas francesas sobre Galiza. Henrique Harguindey Banet é un dos fundadores da Agrupaçom Cultural O Facho. Ten traducido a autores como Víctor Hugo (O reiciño de Galicia), Boris Vian (A escuma dos días) ou Ionesco (A cantante calva) entre moitos outros. A palestra comezará ás oito do serán no local da Fundación Caixa Galicia, no Cantón Grande na Coruña.
A Coruña: conferencia sobre a obra de Lugrís
O xoves 12 de marzo no Salón de actos da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (Olmos, 16-18, 1º, A Coruña) Ignacio Baamonde impartirá unha conferencia co título Lugrís, a súa obra mais descoñecida. A charla comezará ás 20:30 e a entrada é libre até completar aforo.