A Coruña: conferencia de Jorge Wagensberg

Os Museos Científicos inician o ciclo de divulgación científica Os luns con ciencia. A primeira actividade terá como protagonista a Jorge Wagensberg, director da Área de Medio e Ciencia da Fundación “La Caixa”. Este cientifico abrirá o ciclo hoxe luns 9 de marzo ás 20:00 cunha charla titualada El gozo intelectual. A súa intervención tratará sobre o afán de saber e o pracer que este procura, expoñendo historias e reflexións do quefacer diario dun científico nos que xorden o estímulo, a conversa, a comprensión e a intuición nunha gran variedade de situacións. Presentará a Jorge Wagensberg o escritor Xavier Seoane. A cita é na Domus e a entrada é libre, até completar aforo.

Ferrol: conferencia de Alfredo Martín e Eduardo Pardo de Guevara

Este xoves, 12 de marzo, preséntase en Ferrol o libro Auge y decadencia. Desarrollo económico, cultural y educación en Ferrolterra durante el Antiguo Régimen de Alfredo Martín García, que impartirá para a ocasión unha conferencia acompañado por Eduardo Pardo de Guevara, director do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento. Será no Ateneo Ferrolán a partir das 20 horas.

A Coruña: conferencia de Xosé María Bello

Mañá mércores 4 de marzo na Coruña ofrecerá unha conferencia Xosé María Bello, arqueólogo e director do Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón, dentro do ciclo A Torre de Hércules: Faro romano, paradigma da arquitectura da ilustración e ¿Patrimonio da humanidade?. O título da conferencia de Xosé María Bello é A Torre de Hércules, faro romano. O acto comeza ás 20:30 na Fundación Biblioteca de la Casa Consulado (Panaderas, 58 – baixo). A entrada é libre até completar aforo.

A Coruña: conferencia de Alfredo Erias

Mañá mércores na Fundación Caixa Galicia da Coruña (no Cantón Grande) Alfredo Erias Martínez impartirá unha conferencia co tema Imaxe do galego na Baixa Idade Media. Alfredo Erias Martínez é arquiveiro-bibliotecario do Concello de Betanzos, director do Museo das Mariñas e do Anuario Brigantino. De carácter polifacético, é autor de diversos libros e numerosos traballos de investigación, pintor, debuxante e gravador, ademais de editor, posto que fundou con Mª Teresa Garea no 1997 Briga Edicións. O acto comezará ás 20 horas e a entrada é libre até completar capacidade.

A Coruña: conferencia de Xurxo Souto

Dentro da programación do obradoiro de canción popular A Coruña Son mañá xoves 26 de febreiro Xurxo Souto impartirá unha conferencia co título O influxo afro-americano na canción galega. Durante o relatorio haberá ocasión de escoitar diferentes exemplos que reflicten a pegada dos sons atlánticos na música popular galega. O acto terá lugar no auditorio do Fórum Metropolitano de cinco a oito da tarde, con entrada libre.

O músico e escritor Xurxo Souto é autor entre outros dos libros O retorno dos homes mariños, Contos da Coruña e Os tres trebóns. Desde outubro de 2005 é Director de Programas da Radio Galega, emisora na que conduce o espazo musical Aberto por reformas.

A Coruña: conferencia de Henrique Rabuñal

O escritor Henrique Rabuñal intervén este venres 27 ás 12:00 no Congreso Marinhas del Valle coa conferencia Jenaro Marinhas del Valle leal e erguido. O acto terá lugar no Centro Social Caixanova da Coruña (avda. Da Mariña esquina r/Fama). Henrique Rabuñal é especialista na obra do dramaturgo coruñés e autor do libro Jenaro Marinhas del Valle, a vida escura, editado por Laiovento.

A Coruña: conferencia de Felipe Senén sobre o entroido

O xoves 19 de febreiro no Salón de Actos da Biblioteca González Garcés da Coruña (Rúa Miguel González Garcés, 1) pronunciará unha conferencia Felipe Senén sobre o tema O entroido en Galicia: máscaras, ritos e símbolos, na que explorará as diferentes maneiras de celebrar o entroido que teñen as diferentes vilas galegas e o xeito en que nelas se mesturan contidos populares e cultos. O acto comezará ás 20 horas e a entrada é libre.

A Coruña: conferencia de Bernardo Penabade

Mañá mércores 18 de febreiro o coordenador do Arquivo Documental do Concello de Burela e profesor de Ensino Secundario Bernardo Penabade Rei intervirá dentro do ciclo Língua, Literatura e Naçom cunha charla titulada Unha nova política linguística municipal. Será a partir das oito do serán, no local da Fundación Caixa Galicia no Cantón Grande da Coruña. Organiza a Agrupaçom Cultural O Facho.

Vigo: conferencia de Francisco Castro

Mañá xoves 12 de febreiro o escritor Francisco Castro impartirá unha conferencia titulada A mirada literaria. Como ven os escritores no Centro Social Caixanova de Vigo, ás oito do serán, dentro do ciclo O traballo literario a través dos escritores. O acto será presentado polo crítico Ramón Nicolás. A entrada é libre.