
Arquivo da categoría: Poesía
A Coruña: Perfomance poética: Nao Cetácea. A resistencia mariñeira con Xosé Iglesias

“O 7 de novembro, ás 19.30 h, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, o poeta e mariñeiro Xosé Iglesias presentará unha performance poética e audiovisual.
O acto, de aproximadamente unha hora de duración, combinará a creación plástica en directo (o autor pintará un tema mariño con acuarelas) coa proxección dunha peza audiovisual. Esta peza, gravada a bordo do seu pesqueiro “Primero Villar”, formúlase como un “canto poético ao mar” e, á vez, como un “berro de esperanza por un oficio que pouco a pouco vai chegando ao seu límite”.
A intervención busca artellar un discurso sobre o mar desde o propio mar, seguindo o ronsel de referentes como Manoel Antonio. Proxectaranse tamén videopoemas baseados nos seus catro poemarios anteriores: Transfusión Oceánica, A relixión do mar, Luces da Costa da Morte e Atlántico Norte, Chamádeme Ismael.
Ademais da performance, presentarase a súa última publicación, o álbum ilustrado Nao Cetácea (Editorial Canela), que continúa a liña da súa obra previa, Nación Mar. Concibido como un “libro de resistencia mariñeira”, Nao Cetácea recolle en 60 ilustracións anécdotas e historias dos pesqueiros do noso país, ofrecendo unha testemuña gráfica e poética dunha cultura en profunda transformación.
As persoas interesadas poden inscribirse aquí.”
A Estrada: presentación de A miña gata Piu, de Fernando González Graña
Bouzas (Vigo): presentación de Manual de camuflaxe, de Samuel Merino
Cambados: I Seminario Permanente de Tradución Plácido Castro
Desde a AGPTI:
O próximo 15 de novembro terá lugar en Cambados o I Seminario Permanente de Tradución Plácido Castro, organizado pola Fundación Plácido Castro e a AGPTI (coa colaboración do Concello de Cambados e a Consellería de Cultura). Esta primeira edición xirará arredor da obra As Iluminacións, de Arthur Rimbaud, e contará coa presenza das gañadoras do Premio Plácido Castro 2023 pola súa tradución, Tamara Andrés e Oriana Méndez.
O seminario, que se desenvolverá no Salón José Peña (rúa do Borrón, 14) e no que se traballará no par de linguas francés-galego, está dirixido a estudantes e persoas iniciadas no proceso de tradución, así como a calquera outra persoa con interese e competencia lingüística. A sesión complementarase cun faladoiro aberto ao público xeral, coa participación das autoras e a dinamización da tradutora Béatrice Pépin, e mais cun roteiro por Cambados arredor da vida e obra de Plácido Castro e a súa relación con esta vila.
O programa completo é o seguinte:
9.45-10.00: Recepción e benvida
10.00-12.00: Seminario de tradución (primeira parte)
12.00-12.30: Descanso e desprazamento a pé ata a Casa da Calzada, Sala Pitusa Cabanillas
12.30-14.00: «A tradución como diálogo constante», faladoiro coas autoras (dinamiza: Béatrice Pépin)
14.00-16.30: Pausa e xantar
16.30-18.30: Seminario de tradución (segunda parte)
18.30-19.30: Roteiro Plácido Castro por Cambados
Tanto o seminario como o faladoiro e o roteiro son gratuítos, mais para o seminario hai prazas limitadas (25), polo que é preciso facer a preinscrición neste formulario antes do 7 de novembro.
Vigo: obradoiros sobre improvisación oral en verso e narración oral/contacontos, con Branca Trigo, Vanessa Glemsel, Cris de Caldas, Dani Blanco e Déborah Vukusic
Compostela: presentación de Penélope tece, de María Besteiros
A Coruña: clube de lectura con Xoán Abeleira
Xoán Abeleira imparte un clube de lectura na Coruña, os mércores de 19:00 a 20:00 horas na Libraría El Cocodrilo Amarillo (Rúa Real, 9). As persoas interesadas poden dirixirse para ter máis información ao correo electrónico xoanabeleira1@gmail.com






