O certame aRi[t]mar selecciona os poemas galegos e lusos finalistas

Desde Nós Diario:
“O certame aRi[t]mar vén de escoller as poesías galegas e portuguesas finalistas e abre o prazo para que o público poida votar polas gañadoras.
As finalistas galegas son Ana Romaní co poema “Protocolo”; Arancha Nogueira, con “#love”; Carlos Lorenzo e Baldo Ramos, “Chamamento okupa”; Iria Pinheiro e María Lado, co poema “Agora non se agarda nada”; Eduardo Estévez, “Santa Lucía”; Lucía Cernadas, “Decidín”; María Lado, “Odias a poesía e fas ben”; Rosa Enríquez, “A metáfora de tan fina”; Rosalía Fernández Rial, “A reflexión” e Francisco Fernández Naval co poema “Dixeches”.
Pola outra banda, as candidatas portuguesas son Álamo Oliveira, co poema “Ninguém sabe o malefício dos anos”; Alexandra Santos, “As letras do teu nome”; Hélia Correia, “Almofada de andorinhas”; João Pedro, “Memórias”; Jorge C. Ferreira, “Quem ordena este pandemónio?”; Jorge Sousa Braga, “Poema recuperado do caixote do lixo”; Márcia, “O verão sabe-se bem”; Raquel Serejo Martins, “A casa velha como uma velha”; Rosa Oliveira, “Valencià” e Samuel F. Pimenta co poema “Foz”.
As persoas que queiran votar poderán facelo na páxina web do certame até o día 10 de maio, que como recompensa terán a posibilidade de entrar nun sorteo dun lote de libros e discos. (…)”

Gondomar: Semana do libro e a lectura, XIV Dar de ler coma quen dá de beber

O IES Monte da Vila do Grove abre o seu terceiro festival de arte e novela negra

“O IES Monte da Vila do Grove abre o seu terceiro festival de arte e novela negra, dirixido ao conxunto da sociedade. Son, segundo explican no IES, ilustracións baseadas nas obras Infamia, de Ledicia Costas, e Na casa da avoa, de Marta Dacosta, que foron elaboradas por alumnado de Educación Plástica e Visual, Volume, Debuxo Artístico I e Técnicas de Expresión Gráfico Plástica.
Segundo o programa, o encontro de Ledicia Costas co alumnado de 4º de ESO para falar do libro Infamia terá lugar o mércores 14 de abril, cando tamén haberá un encontro co alumnado participante no concurso de relatos breves. Pola súa vez, Xosé Tomás guiará obradoiros de ilustración dirixidos a estudantes que cursan asignaturas como Debuxo Artístico I e Educación Plástica e Visual.
O xoves 15 será a quenda de Marta Dacosta, quen conversará com alumnado das materias de Debuxo Artístico I e Técnicas de Expresión Gráfico Plástica. Xunto a esta actividade, centrada na obra Na casa da avoa, desenvolverase un obradoiro de poesía cos participantes no concurso poético levado a cabo polo IES Monte da Vila.
Nesa mesma xornada prográmanse os obradoiros de ilustración cos participantes nos clubes de lectura da biblioteca e co alumnado da materia de Técnicas de Expresión Gráfico Plástica, nesta ocasión a cargo de Alberto Guitián.
Este último e Marta Dacosta repiten experiencia, pois xa foron protagonistas en 2020, xusto cando comezaba o estado de alerta. Naquela ocasión compartiron protagonismo con Sergio Vera, Antonia Huertas e Diego Ameixeiras, para desenvolver un programa de actividades que non eran exclusivas da comunidade educativa, senón que incluían unha xornada de portas abertas. Daí os encontros con Marta Dacosta e Diego Ameixeiras desenvoltos na Biblioteca Municipal e a exposición Alteracións, con obras do alumnado do propio IES vinculadas aos libros da autora e autor convidados.”