Ferrol: actos destacados do 24 de abril na Feira do Libro 2019

O 24 de abril continúa a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Presentación de Memoria histórica do barrio de Canido, de Guillermo Llorca e Juan J. Burgoa, publicado por Edicións Embora.
19:00 h. Miguel Anxo Romero asina Poemas con Canela, na caseta de Edicións Embora.
20:00 h. Presentación de 1[14]1, de Alberte Momán, publicado por Belagua. No acto participa, xunto ao autor, Henrique Dacosta.

“As outras poesías”

Artigo de Armando Requeixo en Criticalia:
“(…) Nos nosos días a poesía máis rupturista e innovadora vén da man das distintas modalidades da poesía experimental, sintagma baixo o que se acubilla unha moi ampla serie de propostas creativas que fincan as súas raíces nas vangardas históricas de primeiros do XX. (…)
En Galicia algunhas destas tendencias máis experimentais de poesías outras levan xa o seu camiño andado. Neste sentido, eu distinguiría tres momentos: un inicial, case que fundacional, coas xentes do Grupo Rompente (Avendaño, Reixa, Romón), que a finais dos setenta incorporaron á textualidade dos seus poemas códigos propios das artes visuais e sonoras e do universo pop art; un segundo momento cos poetas dos oitenta, que se achegaron, con distintas intensidades, á poesía visual e outras fórmulas hibridadas (X. Mª Álvarez Cáccamo, Xavier Seoane, Claudio Rodríguez Fer); e o presente, onde salientan creadores de poesía semiótica e Mail Art como Lois Magariños (Corporación Semiótica Galega) ou Pedro Gonzálves e todos aqueles que exploran as vías da poesía visual (Arturo Casas), a audiopoesía (Rosalía Fernández Rial), o poemic (Yolanda Castaño), a videopoesía (Celia Parra), a ciberpoesía (Fran Alonso) ou outras.”

A poesía de Manuel Rivas, Lupe Gómez ou María do Cebreiro, traducida ao inglés

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“A poesía galega avanza na súa difusión internacional. Libros de María do Cebreiro, Manuel Rivas, Lupe Gómez e Yolanda Castaño verán luz en inglés nos vindeiros meses.
Camuflaxe (Chan da Pólvora, 2017) foi a reaparición de Lupe Gómez (Fisteus, Curtis, 1972) logo de seis anos sen publicar. Novo estadio na súa contundente e singular obra poética, obtivo gran recoñecemento das lectoras e da crítica. Non por acaso recibiu o premio da Asociación Galega da Crítica 2018. A canadiana Erín Moure encargouse da tradución inglesa e o volume inaugurará o selo estadounidense Circumference Books, centrado na tradución de poesía.
Shearsman Books, con sede en Bristol, é unha das principais editoriais do xénero en Gran Bretaña. Este ano publicará tres poetas galegas. O deserto (Apiario, 2015), de María do Cebreiro (Compostela, 1976) e no seu día premio da Crítica, e A segunda lingua (Pen Clube, 2014, premio Abanca), de Yolanda Castaño (Compostela, 1977), terán versión do tradutor e poeta irlandés Keith Payne.
A Manuel Rivas (A Coruña, 1957) tamén o traducirá unha irlandesa, a poeta Lorna Shaugnessy que xa se ocupara de facelo con A desaparición da neve (Alfaguara, 2009). Desta volta será A boca da terra (Xerais, 2015).
Non só a poesía viaxará máis alá do campo literario galego. A editorial Small Stations, dirixida por Jonathan Dunne e Tsevetanka Elenkova, anuncia a publicación, ao longo do que queda de 2019, de cinco títulos, segundo informa o portal Galician Literature da Dorección Xeral de Políticas Culturais da Xunta.
Serán de Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) –Tristes armas (Xerais, 1994)-, Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) –A Cabeza de Medusa (Galaxia, 2008)-, Elena Gallego (Teruel, 1969) –Dragal IV: A estirpe do dragón (Xerais, 2015)-, Anxo Angueira (Manselle, Dodro, 1955) –Pensa nao (Xerais, 1999) e Paco Martín (Lugo, 1940) –Das cousas de Ramón Lamote (SM, 1985).”

Crónica videográfica do acto central do Día de Rosalía 2019 (II)

O acto central do Día de Rosalía 2019, tivo lugar o domingo 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

Lectura do Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2019, por Ana Romaní, e recital de poemas rosalianos.

Quico Valeiras: “Falar da familia é falar da primeira e máis politizada das células sociais”

Entrevista de Alberto Ramos a Quico Valeiras en Praza (foto de Alexandre Fernández):
“Quico vén de publicar O tempo da cireixa (Positivas, 2019), un libro de poemas en que o autor atopa a súa verdadeira “voz poética” e o camiño artístico polo que quere transitar. Prologado por Luz Pichel, Quico retrata cos seus versos a memoria tanto individual como colectiva, as súas orixes, a familia ou o rural. Eses son as liñas cardinais dunha obra “eminentemente política” que traza un xogo de ausencias e presenzas entre o que xa non está, pero continúa a pelexar contra o esquezo. Praza entrevista a Quico Valeiras (O Carballiño, 1990), poeta e libreiro que rexenta a compostelá libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74).
– Praza (P): Este é o primeiro libro de Quico ou o segundo? Pregúntoo porque na presentación Tamara Andrés falounos dunha publicación previa e era por saber se renega daqueles versos.
– Quico Valeiras (QV): Antes de publicar este libro con Positivas, xoguei moito a facer autoedicións en formatos diferentes ao libro. Unha, que tivo moito que ver con Compostela, ten a súa historia. Leveina a cabo coa tenda de conservas Catrineta, na praza de Abastos. Este local ten un proxecto que iniciara Estevo Creus co seu O libro dos cans, libro que presentou en diversos formatos. Un deles foi en Edicións en Fachadas, en colaboración con Catrineta. É unha edición efémera, que se expón na parede e dura até que a xente vai arrincando os poemas. Despois si que foi a miña primeira obra en formato libro, que levamos a cabo cunha campaña de micromecenato. Era un proxecto con diferentes ramificacións. Pero non é que renegue, o que acontece é que os seus poemas, coido, non superaron o paso do tempo. En calquera caso, creo que este O tempo da cireixa é o primeiro libro no que eu atopo a miña voz poética. Digamos que nunca antes me atopara tan claramente na escrita. Podo dicir que me atopei como autor e descubrín o camiño polo que realmente quero tirar.
– P: Leva a libraría da Chan da Pólvora, que forma un tándem coa editorial Chan da Pólvora que dirixe Antón Lopo. Por que editar logo con Positivas e non con Chan da Pólvora?
– QV: Antón Lopo e mais eu adoitamos dicir que a libraría e a editora son un matrimonio con separación de bens. Compartimos o nome, un nome que de feito apareceu moito antes de que eu me unise ao proxecto da man de Alicia [Fernández] e Eduard [Velasco], que levaban antes a libraría. O nome xurdiu no nacemento, momento no que tamén estaban vinculados poetas como Gonzalo Hermo. Eu entrei despois para facerme cargo da libraría. Eu tiña os poemas, mandeinos a varias editoriais e un día, Paco Macías entrou pola porta. Despois de falar durante dúas horas sobre anarquistas do Bierzo, xusto cando marchaba, avisoume que iamos para adiante, que me publicaba o libro Positivas. A min sorprendeume moito, sobre todo sabendo a historia de Positivas. Antes, pasárallo a Luz Pichel, que leu os poemas e quixo facerme o prólogo. Grazas a ela, atrevinme a pasárllelo a máis autoras e editoras. (…)”