Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (II)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse deste xeito no CEIP Santo Paio de Abaixo, Reboreda (Redondela):
“Ademais da pintada do verso nunha das pareces da escola xunto coa silueta, creouse un espazo físico no centro ademais dun wix onde colocarán a información. O mural está composto por diferentes tarefas que as dividimos por ciclos:
Infantil debuxa a Rosalía, 1º ciclo traballa sobre dous poemas, 2º ciclo sobre a súa vida e 3º ciclo sobre obra e repercusión da mesma. A mestra de música creou un espazo con música de poemas de Rosalía, ademais de preparar a obra Negra sombra coas frautas.”

Radiocrítica do 17-02-2014, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 17 de febreiro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre a novela Pasaia blues, de Harkaitz Cano, en tradución de Isaac Xubín (I, 1:27); o poemario Territorios estraños, de Ramón Sandoval (I, 7:25); o ensaio Dama Saudade e o Cabaleiro Sombra, de Manuel Forcadela (II, 00:10) e mais o libro para nenos O raposo e a mestra, de Manuel Rivas (II, 4:40).

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (I)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse deste xeito no CEIP Filomena Dato, de Barbadás:
“Hoxe, 24 de febreiro de 2014, celebramos o Día de Rosalía. Durante a pasada semana cada curso traballou coa súa obra. Os máis cativos colorearon o seu retrato, os maiores escolleron versos da súa obra e déronlle vida cos seus debuxos. Todos os días escoitamos os seus versos cantados por distintos artistas.
Este é o resumo do voso traballo. Toda unha homenaxe á poeta!”

Madrid cántalle a Rosalía

Desde Galego en Madrid:
“O 24 de febreiro de 1837 nacía en Santiago de Compostela Rosalía de Castro.
Onte -convidados por Manuel Pereira, Luz Pichel e Vicente Araguas, que atendían á convocatoria da AELG para homenaxar a Rosalía- percorremos as rúas madrileñas coa poesía da escritora galega.

Xuntámonos na rúa Ballesta, número 13, ao pé da casa onde Rosalía viviu entre 1856 e 1858, alí Manuel Pereira Valcárcel, escritor do Grupo Bilbao, leu o manifesto publicado pola AELG con motivo desta data.
E comeza o recital de poemas, desde os máis veteranos, como Sabino Torres

aos máis novos, as alumnas e alumnos de galego do Espazo das Linguas Ibéricas -Julia Badino Baamonde na foto- :

O mestre de cerimonias, Vicente Araguas, escritor e membro tamén do Grupo Bilbao, recitou versos de Rosalía e dirixiunos na Negra Sombra, o himno rosaliano en Madrid

Seguimos camiñando ata a igrexa de San Ildefonso, onde Rosalía casou con Manuel Murguía o 10 de outubro de 1958:

E velaquí algúns dos participantes na homenaxe diante da Igrexa de San Ildedonso en Madrid, unha noite fría pero chea de ilusión e esperanza, lembrando sempre a Rosalía:

Compostela: Xornada Xela Arias e Luísa Villalta: Letras, interartes, proxectos na fin de século, o 26 de marzo

Nestes enlaces pódese consultar o programa completo e confirmar a inscrición no evento.