Becerreá: actividades do 25 aniversario da A. C. A Pipa

Arteixo: macro-recital poético na Libraría Á lus do candil

O venres 27 de decembro, ás 20:30 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3, baixo) de Arteixo, terá lugar un macro-recital poético aberto a quen desexe participar, baixo o título A poesía é o grande milagre do mundo. Participan: Iolanda Aldrei, Marica Campo, Maria Dovigo, José Estévez, María José Fernández López, Alfredo Ferreiro, Adela Figueroa, Modesto Fraga, Xosé Iglesias, Verónica Martínez DelgadoAlberte Momán, Ramiro Torres, Luís Valle e Ramiro Vidal Alvarinho.

Un A Fondo sobre Rosalía de Castro, a escritora que nos revela a nación que somos

Desde Sermos Galiza:
“Coordenado polo escritor e crítico literario Francisco Rodríguez, autor da imprescindíbel e monumental Rosalía de Castro, Estranxeira na súa Patria (AS-PG, 2010), con este A Fondo Sermos Galiza culmina o traballo de divulgación realizado este 2013 co gallo da conmemoración do 150 aniversario de Cantares gallegos.
Canda Francisco Rodríguez, escreben neste A Fondo, o caderno de análise do Sermos Galiza que con este chega ao seu número 48, a profesora de Literatura galega Celia Armas García; a catedrática e o catedrático da Universidade de Granada, Aurora López e Andrés Pociña, respectivamente; a profesora da UDC e escritora, María Pilar García Negro; a profesora e investigadora María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda e a catedrática da Universidade de Maine (EUA) e escritora, Kathleen March.
Luz contra os prexuízos deformadores
O caderno leva como título xenérico o de Rosalía de Castro, a liberación das tebras, e os seus textos son iso, luz esclarecedora contra os “prexuízos e lentes deformadores” que encubriron á poeta nacional galega e que, infelizmente, a continúan encubrindo aínda nos nosos tempos.
Este A Fondo especial, como as páxinas que durante 6 meses publicou Sermos Galiza no seu semanario en papel, fai parte do proxecto sobre Cantares gallegos promovido pola Sociedade Cultural Medulio e patrocinado pola Deputación da Coruña.
“Este A Fondo“, pódese ler na súa capa, “non é máis que outro mergullo no mundo rosaliano, un manancial de auga pura, onde saciar a nosa sede de coñecemento, de fermosura, esperanza e orientación como galegos e galegas de nación nunha situación crítica”.
As e os colaboradoras/es deste traballo, todos eles rosalianas e rosalianos, deitan luz sobre distintos aspectos dunha figura -muller, escritora e galega consciente- sen a cal é imposíbel entender xa non a literatura da Galiza, senón a súa historia.
Como afirma no seu artigo Kathleen March, Rosalía “defendía e dignificaba o país galego porque sen Galiza ela non tería identidade, posto que española non era…”.”

Rosalía, letrista do ano

Desde Sermos Galiza:
“Se algunha conclusión se pode tirar conta de discos deste 2013 a piques de rematar é que Rosalía se consolida como a maior letrista para a nosa música. Uxía, Tempo Catro, Najla Shami, Aid, Xosé e Xiana Lastra con María Manuela e Mini e Mero, Narf, Joaquín Pixán con Alejandro Zabala e agora A Cada Canto, entre outras propostas, puxéronlle música aos seus poemas.
Aid con Rapoemas ou Abe Rábade, Anxo Angueira e Guadi Galego con Rosalía XXI adiantaron o que sería o grande ano de Rosalía como letrista, na estala de Amancio Prada, Los Tamara ou Luz Casal, todas elas voces para a grande poeta que vería como o 2013 coa conmemoración dos 150 anos da publicación de Cantares Gallegos se convertería tamén nunha explosión de publicacións nas que os seus poemas pasarían a ser cancións nos máis diversos ritmos, en ampla variedade de estilos. (…)”

A Coruña: IV Día Lugrís, o sábado 21 de decembro

O colectivo In Nave Civitas Lugrís, a Asociación Cultural O Mural e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega convocan o IV Día Lugrís para lembrar e honrar a memoria de Urbano Lugrís.

O programa (aínda provisional en canto ás horas) é o seguinte:
18:00-18:45 h. (No adro do Museo de Belas Artes da Coruña) xuntarémonos para decorar paraugas con motivos mariños e lugrisáns cos que logo percorreremos as rúas coruñesas.
19:00-19:45 h. (A recalada do mural) Recepción poética do mural de Urbano Lugrís Vista da Coruñá 1830, que o Museo de Belas Artes exhibirá por vez primeira ao público ese día.
20:00-21:00 h. (Manifestación atlántica) Cos paraugas decorados abertos e desde o Museo de Belas Artes da Coruña á praza Sellier (Rúa Real, Obelisco, Cantóns, Rúa Estrela, Rúa Manteleria, Rúa Santo André e Praza Sellier) percorrendo algúns dos lugares da vida do gran artista do mar, visitando os murais que se conservan e o grafiti que fai un ano fixo Outón na rúa Manteleria.
21:00-22:00 h. (A habitación do vello mariño) Praza José Sellier: recital artístico na memoria do Noso Señor Lugrís.

Convídase a todas as persoas a participar en calquera ou todos os actos organizados para ese día.
Acudan cos seus paraugas, pinturas, buguinas, vieiras e o espíritu morno e mítico da obra de Urbano Lugrís.

Medre o mar!