Entrevista
a Marta Dacosta en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Encádrase na Xeración dos 90, á beira de autores como Fran Alonso, Rafa e Miro Villar, Paco Souto… Poderiamos atopar un fío que una e caracterice esa promoción poética?
– Marta Dacosta (MD): Os nomes que acabas de citar traballamos con poéticas radicalmente distintas. É certo que cadramos nun tempo común e que entre nós hai pouca diferencia de idade. Eu coincido primeiramente con Fran Alonso e outra xente no Colexio Universitario de Vigo. Nese escenario comezamos falar sobre a nosa preocupación por facer visíbel o que estabamos escribindo e dá lugar a un recital en Vigo no ano 1987 titulado A cidade espida, promovido por Xurxo Rodríguez de Radio Ecca, onde participamos cinco poetas. Ese recital hai que contextualizalo por unha banda na necesidade de visibilización e por outra banda como contestación ás últimas rabexadas da chamada Movida viguesa.
Logo chegamos a Compostela e na Faculdade de Filoloxía os estudantes publicaban a revista Olisbos. Na Facultade de Filoloxía entro en contacto con Rafa Villar e co grupo de teatro. A través de Rafa coñezo a un grupo literario, procedente da Costa da Morte, que facían máis ou menos o mesmo que nós en Vigo. Era un grupo anterior ao Batallón Literario chamado Un e medio, creo, que sacaran un pequeno folleto de poesía. Velaí estaban, se lembro ben, Rafa e Miro Villar, Estevo Creus, Modesto Fraga e Artur Trillo, quen sempre foi o motor teatral. Cos anos o grupo que xa formabamos entramos en relación con máis xente e iso deu lugar, no curso 87-88, ás Carpetas do Dragón e logo, máis tarde, a Letras de Cal. Que cousas tiñamos en común esa xeración? Eu creo que a vontade de levar a poesía a todos os lugares, de feito facíamos moitísimos recitais polos bares de Santiago. Todos partillabamos a necesidade de facer pública a nosa poesía, de escribir en galego, de agrandar a expresión da nosa lingua. Houbo tamén unha diferenza coa poesía anterior -aínda que nisto non estou moi segura de que fora unha cousa consciente-, con textos menos culturalistas e apostando pola sinceridade. Simplificamos e espimos o texto, desbotando a barroquización das formas. Nós quitamos a carga retórica, sacamos as referencias, minguamos a extensión, todo en prol dunha (impresión de) sinceridade. Outra característica desa xeración é a presenza das mulleres. Nótase a nosa presenza e será un elemento valorado nesta xeración.
– FL: Para xente nova que comeza a escribir cales son os problemas principais cos que se atopa? Poderíamos referirnos principalmente a ese problema de visibilización?
– MD: O problema fundamental sempre é a publicación. Onte, hoxe e mañá. Iso fai que a imaxinación funcione e que xurdan iniciativas como Edicións do Dragón ou Letras de Cal. Publicábamos en revistas, presentabámonos a premios… Buscabámonos a vida, como se di. Mira, o primeiro libro de Letras de Cal pagámolo entre dezaoito persoas, co único obxectivo de recuperar os cartos para sacar o seguinte libro. Daquela procurabamos libros que foran económicos de facer, que se venderan ben e moviámolos moito. (…)”
Arquivo da categoría: Poesía
Canto (dixital) do pobo disperso
“En
1955, Valentín Paz Andrade escribiu en Bogotá o poemario Canto do pobo disperso, que o Consello da Cultura Galega editou como facsímile para conmemorar o Día das Letras Galegas dedicado a este autor. Co Canto do pobo disperso, o Consello inicia tamén a súa colección de libros electrónicos. As novas publicacións que o CCG está a preparar incluirán tamén unha versión en ePUB, co obxectivo de facilitar a lectura en tablets, móbiles e outros dispositivos de lectura electrónica. A edición estivo ao coidado de María Xesús Lama, profesora da Universidade de Barcelona, e autora do estudo introdutorio.” Vía Cultura Galega.
Unha volta á poesía do “primeiro embaixador da cultura galega”
“O
Consello da Cultura Galega presentou a terceira edición de O pórtico poético dos Seis poemas galegos de F. García Lorca, editados por Luís F. Pérez. É unha obra imprescindible para adentrarse no proceso de confección e na vida posterior dos Seis poemas galegos que Federico García Lorca redactou na nosa lingua, así como no papel de Eduardo Blanco-Amor na difusión desta obra. Ramón Villares, presidente do CCG, definiu a obra de Lorca como un dos “monumentos da literatura galega”. A obra inclúe un CD cunha conferencia de Eduardo Blanco-Amor sobre os poemas galegos de F. García Lorca.”
Santiago: recital Picaversos, Luminosos
O
martes 5 de xuño, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Luminosos, coa participación de Fran Pérez, Narf, Xiana López e Lorena Souto.
Chus Pato participa no Festival Internacional de Poesía de Rotterdam
“Nesta
43 edición, o Festival de Poesía de Rotterdam conta no seu programa coa presenza da galega Chus Pato, que participa canda poetas como Mauricio André de Brasil, Aurora Sascha de Pakistán, Dolores Dorante de México, B. Zwaal de Holanda ou Inuo Taguchi de Xapón. O Festival de Rotterdam recoñece en Chus Pato unha das voces máis orixinais e rompedoras da poesía galega contemporánea. No perfil que recolle na súa páxina oficial, destacan da traxectoria da escritora a publicación no ano 2000 do libro M-Talá, que, ao seu ver, supón unha ruptura dentro da literatura poética galega. Definen a autora como “feminista e independentista” e fan tamén referencia á situación da lingua galega que resistiu “as presións centralistas administrativas e sociais que aínda a ameazan hoxe en día”.” Vía Sermos Galiza.
Ourense: presentación de Calado testamento, de Xavier Rodríguez Barrio, na Feira do Libro
Dentro
da XXVIII Feira do Libro de Ourense (na Alameda, Rúa do Bispo Cesáreo), con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 horas, o martes 5 de xuño preséntase, ás 21:00 horas, o libro gañador do XXVII Premio de Poesía Cidade de Ourense, Calado testamento, de Xavier Rodríguez Barrio, publicado por Edicións Espiral Maior. Participarán no acto, xunto ao autor, Isabel Pérez González e Miguel Anxo Fernán-Vello.
Dandylady propón unha representación escénica da poesía
O
pasado mes de marzo Dandylady, o dúo composto por Iria Pinheiro e mais Jesús Tejada, estreaba Dessassossego. Esta proposta de poesía escénica inspírase no Livro do Dessassossego de Fernando Pessoa, a cuxos poemas acompañan textos de seis poetas galegas e tres foráneas (Branca Novoneyra, Olalla Cociña, Lupe Gómez, Lucía Aldao, Esther F. Carrodeguas, Xiana Arias, Luci Romero, María Salgado e Adília Lopes) arredor da idea de desacougo.
Cangas: presentación de Seara. Obra poética (1971-2011), de Xosé Vázquez Pintor
O
venres 1 de xuño, ás 20:30 horas, na Librería Maraxe (Avenida de Marín, 9) de Cangas, preséntase o libro Seara. Obra poética (1971-2011), de Xosé Vázquez Pintor, publicado en Espiral Maior, coa participación de Xoán C. Chillón e Camilo Camaño Xestido, e a música en directo de Xico de Carinho.
A Coruña: presentación de Os quilómetros que percorremos dende aquela, de Alberte Momán
O
venres 1 de xuño, ás 20:00 horas, na Biblioteca do Centro Ágora (Rúa Ágora s/n) da Coruña, preséntase o libro Os quilómetros que percorremos dende aquela, de Alberte Momán, publicado en Toxosoutos. No acto, xunto ao autor, participa Verónica Martínez Delgado.
