Cangas acolle o 26 de xullo a estrea do documental sobre Bernardino Graña

Desde a Real Academia Galega:
“O auditorio de Cangas acolle o venres 26 de xullo, a partir das 21 horas, a estrea do documental sobre Bernardino Graña (Cangas, 1932) dirixido por Xan Leira. Bernardino Graña, o home que quixo vivir construiuse a partir dun encontro en Panxón do escritor e académico con amizades. Persoas próximas ás diversas actividades que protagonizou o autor ao longo da súa vida, desde as profesionais e literarias ata as políticas e sociais, tecen un relato coral en diálogo coas lembranzas e reflexións do propio homenaxeado.
A gravación tivo lugar en Moaña, Cangas e Panxón e contou coa colaboración de Alexandre Ripoll, Asun Sóñora, Héitor Mera, Xesús Alonso Montero, Xosé Manuel Millán, Rafael Lorenzo, Marta Dacosta, Camilo Camaño, Xosé Manuel Pazos, Manuel Álvarez, Cesáreo Sánchez e Helena Pérez. O filme recolle tamén testemuños dos desaparecidos Bautista Álvarez, compañeiro do grupo Brais Pinto, e Raimundo García Borobó recollidos no arquivo persoal de Xan Leira.”

Bernardino Graña recibe os seus pequenos lectores en Panxón

Desde Faro de Vigo:
“Hai uns meses que o escritor e membro da Real Academia Galega Bernardino Graña reside na residencia Stella Maris de Panxón e os alumnos da escola infantil Dunas de Panxón déronlle onte a benvida ao municipio. Os rapaces desprazáronse ao centro para coñecelo persoalmente despois de abordar a súa figura e a súa obra na clase, dentro dun proxecto educativo sobre a poesía e os poetas. O autor, fundador e primeiro presidente da Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega, agradeceulles a homenaxe, na que os rapaces recitaron algúns dos seus poemas e agasallárono cun mural.
Non foi a única visita que recibiu o escritor cangués estes días na súa nova residencia en Panxón. O mércores acudiron a visitalo o concelleiro de Ensino de Cangas, Xoán Chillón, e o artista Camilo Camaño, entre outros.”

Cangas: presentación de Seara. Obra poética (1971-2011), de Xosé Vázquez Pintor

O venres 1 de xuño, ás 20:30 horas, na Librería Maraxe (Avenida de Marín, 9) de Cangas, preséntase o libro Seara. Obra poética (1971-2011), de Xosé Vázquez Pintor, publicado en Espiral Maior, coa participación de Xoán C. Chillón e Camilo Camaño Xestido, e a música en directo de Xico de Carinho.