As voces dos 90

“Os anos noventa lémbranse aínda hoxe como unha década de especial vitalidade poética. Para alén das edicións de libros, a poesía podía atoparse en follas volandeiras recitais en bares. Agora, Poesiagalega.org rescata do arquivo persoal de Rafa Villar un bo feixe de gravacións dunha serie de lecturas que se desenvolveron entre 1997 e 2000 nos pubs Tarasca e Pepa a Loba, en Santiago de Compostela. Un total de vinte e sete recitados que están agora dispoñibles para escoitar libremente na rede.” Desde Cultura Galega.

Santiago: presentación e recital de Versus

O xoves 13 de decembro, ás 20:00 horas, no Centro Sociocultural das Fontiñas, en Santiago, preséntase a escolma poética Versus, con presentación do poeta bergantiñán Óscar de Souto e recitación en directo de parte dos outros autores do libro (Antón Borrazás e Miguel Queipo), actuación poético-musical a cargo do grupo Versus e sinatura de libros ao finalizar o acto.

Santiago: presentación de Aquiltadas, de Susana Sánchez Arins

A quinta feira 13 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Aquiltadas, de Susana Sánchez Arins, publicado en Estaleiro Editora. No acto acompañarán á autora Vítor Suárez e Hortensia Fernández.

Santiago: presentación de Verdedades, de Yolanda Castaño

O mércores 12 de decembro, ás 18:30 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, preséntase Verdedades, de Yolanda Castaño, ilustrado por Xosé Tomás e publicado por Biblos Clube.
Ás 20:30 horas, no Auditorio Obradoiro do Centro Social Novacaixagalicia (Rúa Nova, 33), tamén en Santiago, terá lugar un recital poético da escritora fracófona canadense Carole David, chegada do Quebec por vez primeira a Galicia, en colaboración coa Universidade de Santiago, a Alianza Francesa e a Escola Oficial de Idiomas.

Parlamento das Letras: Marta Dacosta

Entrevista de Armando Requeixo a Marta Dacosta no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Marta Dacosta (MD): Evidentemente á nosa literatura e á nosa cultura fáltalles normalidade, ter o apoio institucional e social que calquera literatura merece. Mais estes volven ser malos tempos para a lírica, a crise, as agresións ao noso idioma, son como mordidas de ratas que van rillando nos libros até que as historias desaparecen. Recoñezo que os tempos son malos en todas as latitudes e lonxitudes, mais non os criterios que fan da cultura un elemento esencial. E así no noso país redúcese a industria ligada á cultura, contribuíndo ao empobrecemento da sociedade, mentres vemos como noutras latitudes os libros teñen prezos moi económicos, permitindo que a literatura chegue a todas e a todos.
Por iso considero que sobran preconceptos como o de que a cultura non debe estar subvencionada. Ao contrario, cómpre que conte con apoio económico para chegar a todas partes, para ser accesíbel a todas e a todos. Porque entendo que unha sociedade máis culta é unha sociedade máis rica, máis dona de si. Aínda que, se cadra, é isto o que non se quere, o que non queren. Tamén sobran prexuízos. Hoxe por hoxe a literatura galega articúlase ao redor de diferentes eixes, que deixan fóra as persoas incómodas. Ao final isto repercute na imaxe que ofrece a literatura, en tanto en canto non son exclusivamente criterios e méritos literarios os que imperan á hora de explicar as posibilidades de proxección da obra dunha autora ou autor.
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MD: Como poeta é insatisfactoria, porque seguimos padecendo as mesmas dificultades de publicación e proxección da obra poética, cuestións que entran en contradición co número de autoras e de poemas que agardan a seren lidos. As redes sociais serven para desbloquear esta necesidade, mais é algo efémero, que obriga á brevidade para captar a atención e que logo se perde no hiperespazo. Cómpre seguir levando a poesía a todas partes, como sempre se fixo, e como seguen facendo moitas persoas.
E a poesía galega, como sempre, dando mostras da súa grandísima calidade. (…)”.

Santiago: Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro

O mércores 12 de decembro, ás 20:30 horas, no Restaurante Rúa de Santiago de Compostela (Rúa de San Pedro, 24), terá lugar un acto de homenaxe ao poeta Celso Emilio Ferreiro no que se combinará unha mesa redonda sobre o autor cun recital de poesía e actuacións musicais. A homenaxe Lembrando a Celso Emilio Ferreiro comezará coa intervención do crítico Ramón Nicolás e de Aser Álvarez. Acto seguido, a mesa redonda daralle paso ao recital. Xiana Arias, Xabier Xil Xardón e Luz Fandiño, entre outros, recitarán poemas do escritor celanovés nun acto aberto ao público no que cada asistente, se quere, ten a posibilidade de recitar ao seu xeito a Celso Emilio. Finalmente, o tributo rematará coa intervención de O Leo, quen actuará para poñerlle o broche final a este acto.