Pontevedra: xornada do sábado 21 no PontePoética 2

O Ateneo de Pontevedra e o Concello de Pontevedra organizan a segunda edición do Festival de Poesía PontePoética, que se celebra o venres 20 e o sábado 21 de abril no Teatro Principal de Pontevedra, baixo a dirección de Yolanda Castaño. Este é o programa do sábado 21 de abril (aquí pode descargarse completo: PontePoética 2 2012).

– 17:00 horas. Recital dos poetas Estíbaliz Espinosa, Veronika Dintinjana e Nuno Júdice.
– 18:30 horas. Recital final con todos os poetas participantes e clausura de PontePoética: María Eloy-García, Eduard Escoffet, Dores Tembrás, Xosé María Álvarez Cáccamo, Edorta Jiménez, Estevo Creus, Veronika Dintinjana, Estíbaliz Espinosa e Nuno Júdice.

Pontevedra: xornada do venres 20 no PontePoética 2

O Ateneo de Pontevedra e o Concello de Pontevedra organizan a segunda edición do Festival de Poesía PontePoética, que se celebra o venres 20 e o sábado 21 de abril no Teatro Principal de Pontevedra, baixo a dirección de Yolanda Castaño. Este é o programa do venres 20 de abril (aquí pode descargarse completo: PontePoética 2 2012).

– 18:30 horas. Recital dos poetas Dores Tembrás, Edorta Jiménez e Xosé María Álvarez Cáccamo.
– 20:00 horas. Recital dos poetas Estevo Creus, María Eloy-García e Eduard Escoffet.

Santiago: XXII Xornadas de Lingua e Literatura

Está aberto o prazo de matricula das XXII Xornadas de Lingua e Literatura. A actividade ten servido, ao longo dos derradeiros 22 anos, como lugar de intercambio de experiencias, de presentación de recursos ou como foro de debate dos principais problemas que afectan á docencia de Lingua e Literatura, sen esquecer nunca a problemática sociolingüística. As Xornadas terán lugar os próximos días 20 e 21 de abril na Facultade de Ciencias da Educación (Xoán XXIII, s/n) de Santiago de Compostela.

PROGRAMA

Venres 20
– 16:30 h. Entrega de material.
– 17:00 h. Inauguración.
– 17:00 h. Conferencia: Celso Emilio Ferreiro á luz dunha biografía. Ramón Nicolás Rodríguez, profesor e crítico literario.
– 18:30 h. Correlingua: O alumnado como protagonista dunha ferramenta normalizadora.
– 19:00 h. EL Producións artísticas, compañía de teatro residente no Tal-Teatro Arte Livre de Vigo. Representación da obra de teatro: Lorca e as flores de Venus, de Marga do Val.

Sábado 21
– De 10:00 a 11:00 h. Seminarios:
* A autora fala da súa obra. Olga Novo, escritora.
* O cartel como elemento normalizado. Pilar Ponte, profesora de lingua e literatura galegas.
* Proposta didáctica para traballarmos nas aulas coas SMS e outros soportes comunicativos. Estefanía Mosquera Castro, filóloga.
– De 11:15 a 12:15 h. Seminarios:
* O autor fala da súa obra. Miro Villar, escritor.
* Presenza das mulleres na literatura galega. Mercedes Queixas Zas, profesora de lingua e literatura galegas e crítica literaria.
– Proxecto Ríos de Lingua e Cultura. Iniciativa de recollida e divulgación de nomes populares asociados aos ríos. Virxinia Rodríguez Álvarez, presidenta de ADEGA, coordinadora do Proxecto Ríos.
– 12:30 h. Mesa redonda: Música e literatura. Xurxo Souto, Sés, Leo de Leo e Arremecaghona e Miguel Mosquera de Ataque Escampe.
– 13:30 h. Presentación do proxecto xornalístico Sermos Galiza. Presentación da rede socioeducativa Belvís.
– 16:00 h. Conferencia: Cicatrices de ferro nas palabras. A obra poética de Valentín Paz Andrade. Carlos Callón Torres e Paulo Filgueiras Fachal, profesores de lingua e literatura galegas.
– 17:30 h. O grupo de teatro da Sociedade Cultural MEDULIO (Ferrol) representa o espectáculo O mundo segundo Rosalía de Castro, como homenaxe e celebración dos 175 anos do nacemento da nosa escritora fundacional. Consiste na escenificación de poemas rosalianos pertencentes a Cantares Gallegos e Follas Novas. Este espectáculo demostra a potencialidade da poesía de Rosalía para a escena e a súa impresionante actualidade, alén de indicar camiños e suxestións para o profesorado e o alumnado achegarse a ela.

Matrícula:
– Socios/as da AS-PG e afiliados/as da CIG-Ensino: 15 €
– Desempregados/as: 36€
– Normal: 60€

Inscrición: Na páxina da AS-PG ou en CIG-Ensino, apartado de formación.

Homologación: Está solicitada a homologación á Consellería de Educación por 10 horas lectivas. Para a obtención do certificado será necesario acreditar unha asistencia de, cando menos, o 85% da totalidade da actividade.

A Coruña: obradoiro Xeitos de ler, impartido por Dores Tembrás

Durante os meses de maio, xuño e xullo de 2012, os martes entre as 18:00 e as 20:00 horas, desenvolverase na Librería Cascanueces da Coruña o obradoiro de poesía Xeitos de ler, dirixido por Dores Tembrás. Máis información, horarios, prezo, matrícula…..no seguinte contacto:
LIBRERÍA CASCANUECES
Rúa Cordonería, 10, baixo – 15001, A Coruña
Teléfono: 881887939
Correo electrónico: eltallerdelcascanueces@zaerasilvar.es

Os Eidos. Manuscrito autógrafo 1952-1954 contrastado coa edición orixinal (1955)

“En edición de Anxo Tarrío Varela, ofrécese a transcrición completa do derradeiro manuscrito d’Os Eidos, de Uxío Novoneyra, e un seguimento paralelo da primeira edición do libro (1955), con indicación das interpolacións, engadidos e supresións que presenta a versión impresa respecto da manuscrita. Anótase a paxinación de ambos os dous textos, a do impreso entre corchetes [ ] e cor marrón, con dobre marcador diacrítico para diferenciala mellor visualmente da paxinación do manuscrito, representada unicamente en números con cor diacrítica verde. (…)” Vía Poesía Galega.

A Coruña: obradoiro Todo nada poesía, impartido por Antía Otero

Durante os meses de maio, xuño e xullo de 2012 desenvolverase na Librería Cascanueces da Coruña o obradoiro de escrita Todo nada poesía, dirixido por Antía Otero:
“Se che interesa a escrita, as marxes e o centrifugado poético podes matricularte xa no obradoiro.
Máis información, horarios, prezo, matrícula…..no seguinte contacto:
LIBRERÍA CASCANUECES
Rúa Cordonería, 10, baixo – 15001, A Coruña
Teléfonos: 881887939 // 630582850
Correo electrónico: eltallerdelcascanueces@zaerasilvar.es

Arrancamos en maio e hai límite de prazas!!!”

María Lado: “Quería saber se eu sería quen de escribir un libro de poesía erótica”

Entrevista a María Lado en Dioivo:
“(…) – Dioivo (D): O libro [Amantes] gañou o Illas Sisargas, un dos certames de literatura erótica que hai no país. Aínda que non tes -que eu saiba- máis libros que puidesen encaixarse na etiqueta de literatura erótica, si é certo que este libro comparte a sensualidade, ou polo menos a sensorialidade, dos anteriores: a atención ás cousas pequenas. É así?
– María Lado (ML): Si, creo que é así, que aínda que é un libro pensado para caber dentro do “erótico” ten moito en común cos meus outros poemas, sobre todo nas imaxes, como ti dis, que supoño que é algo sinxelo de recoñecer na miña escrita. Á hora de construír os poemas noto que teño predilección polas pequenas cousas físicas para achegar sensacións ao lector, como se o poema fose uns segundos dun filme no que meter a quen os le, e a través desas imaxes trato de achegar non só o acontecemento do poemas, senón tamén todas as outras cousas que o poema pode aportar. (…)
– D: Son poucos poemas, e nin o libro está dividido en partes, nin hai maiúsculas -por certo- por ningún lado. Como foi o proceso de creación? Son poemas de distintas épocas que uniches nun libro pola súa temática en común?
– ML: O das maiúsculas é algo moi habitual en min dende casa atlántica, casa cabaret, e responde a unha cuestión puramente estética, son consciente. Daquela tamén prescindía da puntuación (sobre todo de comas e puntos), algo que agora comezo a empregar para axudar ao lector no camiño polo texto, porque recoñezo que ás veces é complicado de seguir. O libro foi escrito en cuestión de dous meses, tal vez algo máis, e todo seguido para poder envialo ao premio Illas Sisargas. Foi algo que me propuxen como un reto, quería saber se eu sería quen de escribir un libro de poesía erótica, algo que sempre me resultara moi pouco interesante como autora. Así que me puxen e fíxeno dunha sentada. Pero a culpa de todo tena o artista Rosendo Cid, que xusto nese momento no que eu pensaba na posibilidade de escribir un libro así, encargoume un texto para unha exposición sobre un collage seu (que é a portada do libro, finalmente) e fíxenlle un texto que acabaría sendo (nunha segunda versión) o primeiro poema do libro (o pescador). A partir dese texto a idea do libro colleu forma na miña cabeza e fíxeno. (…)”