
O martes 15 de decembro ás 20:30 na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10), recital de Luz Pozo e Luís García Montero. Entrada libre.
A Concellería de Cultura do Concello de Culleredo organiza o próximo mércores 16 de decembro de 2009, ás 20.00 h, na Biblioteca de Poesía “Uxío Novoneyra” (Pazo de Vila Melania, Vilaboa, Culleredo), o acto de presentación do libro O pouso do fume, de Dores Tembrás. No transcurso do acto tomarán a palabra Celestino Poza Domínguez, concelleiro de Cultura; Miguel Anxo Fernán Vello, poeta e editor; Eva Veiga, poeta, e Dores Tembrás, autora.
O ciclo de recitais poéticos dirixido pola poeta Yolanda Castaño e organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña chega este próximo martes 15 á segunda das súas citas mensuais. Se as lecturas sempre reúnen a un/ha poeta galego/a xunta outro/a de fóra de Galicia, nesta ocasión será a grande dama da poesía galega, Luz Pozo Garza, quen faga parella con Luis García Montero, un dos nomes máis recoñecidos e recoñecibles da poesía española actual.
Ao remate dos actos, os autores poden asinar os seus libros para todos aqueles lectores que llo soliciten, quen tamén poden adquirir alí mesmo os títulos que lles falten. Antes, entre as 18h e as 19h de cada unha das xornadas do ciclo, no hall do Hotel NH Atlántico habilitarase un espazo e un tempo que os poetas convidados podan dedicar á prensa interesada.
Descargar folleto informativo en PDF
Recordámosvos a celebración hoxe de dous actos xa anunciados a semana pasada: o recital poético en homenaxe a Miguel González Garcés na biblioteca que leva o seu nome na Coruña, coa participación de Xavier Seoane, Xulio López Valcárcel e Miguel Anxo Fernán-Vello; e a presentación do libro Escapado de Luís Lamela, ás 20 horas na biblioteca Uxío Novoeneyra de Vilaboa, Culleredo.
O escritor verinés Xosé Carlos Caneiro presentará Camiños de amor e lúa, a súa última obra, hoxe xoves 3 de decembro ás 20 horas no salón de Ámbito Cultural de El Corte Inglés da Coruña. Estará acompañado pola escritora Inma López Silva. Camiños de amor e lúa é un libro de libros que ofrece a oportunidade de achegarse ao mundo literario particular de Caneiro, esta vez desde a poesía. O autor compilou máis de cento cincuenta poemas unidos pola mesma temática: o amor, que é, sen dúbida, unha das liñas fulcrais da súa obra.
A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que este xoves 3 de decembro terá lugar a presentación en primicia do caderno de poemas inéditos de Jenaro Marinhas del Valle, Cancións para Manuela. O acto será presentado por Lino Braxe, e nel participarán a profesora e recopiladora dos poemas Alexandrina Fernández e Pablo G. Mariñas. Durante a sesión poderemos escoitar os poemas na voz de actrices novas. Será ás 20:30 h no salón de actos da agrupación (Olmos 16-18, 1º) con entrada libre até completar o aforo.
O próximo xoves 3 de decembro, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura de Sarria preséntase o libro gañador da novena edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño: Palabras para un baleiro de Baldo Ramos. Participarán na presentación o propio Baldo Ramos, o editor Miguel Anxo Fernán-Vello, o Concelleiro de Cultura Xermán Arias e a Presidenta de Ergueitos María Casar. Pechará o acto coa actuación dun dúo de violinistas.