Arquivo da categoría: Poesía
Centenario de Aquilino Iglesia Alvariño
Hai cen anos, o 12 de xuño de 1909, nunha aldea luguesa (Seivane-Graña de Vilarente) do Concello de Abadín, nacía Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961). A súa formación comezou no Seminario Santa Catalina de Mondoñedo, para licenciarse logo en Filosofía e Letras pola Universidade compostelana, e converterse, finalmente en catedrático de Latín de Ensino Medio (1949). Aquilino Iglesia Alvariño foi responsable desta materia no Instituto de Lugo, no de Pontevedra e finalmente no Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Unha sólida formación nos autores clásicos gregos e latinos e nos autores da modernidade deron como resultado unha obra poética das máis compactas e calladas que floriron na poesía galega do século XX.
Con motivo do centenario do seu nacemento, Xerais publica a monografía O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño do profesor Luciano Rodríguez Gómez, aproximación á súa obra poética estruturada en dúas sesións: Os días, que dá conta da súa peripecia biográfica, e As palabras, que propón unha lectura dos seis poemarios galegos que organizou e publicou Aquilino Iglesia Alvariño, un autor que fixo da lingua a súa patria.
Xerais uniuse á celebración dos actos deste centenario que, organizados polo concello de Abadín e o PEN de Galicia, terán lugar en Abadín hoxe venres, 12 de xuño a partir das 19:00 horas, cunha recepción diante do concello. A seguir os participantes desprazaranse a Seivane, onde na casa natal do poeta se desvelará unha placa conmemorativa e fará uso da palabra Luís González Tosar, presidente do PEN Galicia. De regreso a Abadín, ás 20:00 horas comezará un acto literario nas instalacións do CEIP Aquilino Iglesia Alvariño, no que intervirán os escritores Luís González Tosar, Santiago Fernández Rocha, Xosé Miranda e Luciano Rodríguez, Anxo Lorenzo (Secretario Xeral de Política Lingüística) e Francisco López Barxas (Director Xeral de Cultura).
A Coruña: recital do ciclo “Poetas coruñeses”
Hoxe martes dentro do ciclo Poetas coruñeses os escritores Henrique Rabuñal e Ánxeles Penas ofrecerán un recital no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Será a partir das 20:30, e a entrada é libre até completar capacidade.
A Coruña: presentación de Metal central, de Alfredo Ferreiro

Hoxe venres 5 de xuño na galería Sargadelos da Coruña (Real, 56), ás 20:00, terá lugar a presentación do poemario Metal central (Espiral Maior), de Alfredo Ferreiro. O autor contará coa presenza de Xosé María Álvarez Cáccamo (autor do prólogo) e Miguel Anxo Fernán Vello (editor).
O caboverdiano Arménio Vieira, Premio Camões 2009
O xurado do Premio Camões decidiu atribuir o galardón deste ano ao poeta caboverdiano Arménio Vieira. “A título pessoal, eu esperava o prémio”, afirmou o escritor despois de coñecer a noticia, “mas por causa de ser Cabo Verde, admiti que fosse ainda um bocado cedo. É pequeno em relação à imensidão do Brasil, que tem centenas de escritores óptimos. E Portugal também”.
Arménio Vieira, o primeiro cabo-verdiano en recibir o Prémio Camões, naceu na cidade da Praia, na Ilha de Santiago, Cabo Verde, o 24 de xaneiro de 1941. Alén de escritor é xornalista e ten colaborado en publicacións coma o Boletim de Cabo Verde, a revista Vértice de Coimbra, Raízes, Ponto & Vírgula, Fragmentos e Sopinha de Alfabeto. O Premio Camões, creado en 1988 polos governos português e brasileiro, distingue todos os anos escritores dos países lusófonos.
Máis información: xornal Público.
Malpica: exposición de Paco Souto e Serxio Moreira
O sábado 13 de xuño ás nove da noite, inauguración da exposición de poesía e pintura Lugar de incendios, de Paco Souto e Serxio Moreira, seguida dun recital, no Centro Cívico do Concello de Malpica. A exposición permanecerá aberta até o 30 de xuño.
Carballo: espectáculo multimedia con Yolanda Castaño
Hoxe venres 29 de maio ás 21 horas no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo (Rúa do Pan, s/n) terá lugar a entrega do V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2009, ao que asistirá a propia autora premiada, María Pilar García Negro. O acto consistirá nun espectáculo poético multimedia de Yolanda Castaño, un novo formato moderno e innovador para a poesía galega da man das novas tecnoloxías e unha moderna posta en escena achegada á música e ao audiovisual.
Rianxo: actos do Premio Faustino Rey Romero
Esta fin de semana terán lugar dous actos enmarcados na programación do Maio Cultural do Concello de Rianxo:
-Presentación do libro Premio Faustino Rey Romero, edición a cargo de X. Ricardo Losada e publicado polo Concello de Rianxo, o sábado 30 ás 12:30 h no Salón de Actos do Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo.
– Fallo do xurado e entrega de premios do XI Certame de Poesía Faustino Rey Romero o domingo 31 de maio ás 12:00 h na Casa da República de Isorna.
Homenaxe a Ramiro Fonte en Vigo (vídeo)
A Coruña: Manuel Rivas presenta a Homenaxe á cidade da liberdade (Vídeo)
Os libros arden mal. Homenaxe á cidade da liberdade é un acto que combina literatura, música e memoria da man de Manuel Rivas (narrador), Marcos Meléndrez (cantante de tangos), Gastón Rodríguez (guitarra) e Pulpiño Viascón (voz, gaita e serrucho). Está prevista a participación doutros músicos convidados. Será o sábado a partir das 20:30 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, con entrada libre e de balde.