O xoves 5, ás 20:00 horas, terá lugar a presentación d’ O paraíso das sombras, de Cesáreo Sánchez Iglesias. Será na libraría Torga, de Ourense, onde acompañarán o autor Francisco X. Fernández Naval e Tucho Calvo.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/O7v4m7_nC2s" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
Arquivo da categoría: Poesía
A Coruña: Xurxo Souto homenaxea á orquestra Os Satélites
O vindeiro xoves, ás 20.30 horas, no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (rúa dos Olmos, nº 16/18, 1º), Xurxo Souto recitará un poema longo titulado Satélites, Carta Astral. Os Satélites -a gran orquestra coruñesa- cumpre 70 anos e vaino celebrar este venres, cun concerto no teatro Colón. Na véspera do evento Xurxo Souto quere renderlle homenaxe coa lectura destes versos. O propio poema tamén está de aniversario, pois foi escrito hai vinte anos e recitado por primeira vez na Galería Sargadelos de Santiago, o 4 de abril de 1989.
En Satélites, Carta Astral, encóntrase a tradición nutricia da Grecia Clásica coa exuberancia tropical. Entre glosas de música caribeña, o autor acode a varias referencias helénicas -presentes na estética musical contemporánea- que acadan a súa apoteose no preciosismo desta orquestra.
A Coruña: recital de “Poesía e Ciencia na Mostra de Ciencia e Cinema
Dentro da Mostra de Ciencia e Cinema hoxe mércores ás 20:30 terá lugar no Teatro Rosalía de Castro un recital poético co título POESÍA + CIENCIA no que participarán Marica Campo, Emma Couceiro, Estibaliz Espinosa, Alfredo Ferreiro, Manuel Rivas e Xavier Seoane. O acto estará presentado por Lucía Aldao e contará coa actuación musical de Guadi Galego, Guillermo Fernández e Xabier Díaz. A entrada é de balde.
A Coruña: poesía e música para loitar contra o cancro de mama
Hoxe mércores terá lugar no Centro Social Caixanova (Avda. da Mariña – esquina rúa Fama) un recital poético-musical a cargo de Olga Patiño, Ánxeles Penas e Xulio L. Valcárcel, co acompañamento musical de Teresa Méndez (violín) e Brais Morán (guitarra) e as imaxes de Maribel Longueira. Organiza a Asociación Galega de Mulleres afectadas por Cancro de Mama. Será a partir das 20:00 con entrada libre até completar capacidade.
A Coruña: poesía, ciencia e música unidas na Mostra de Ciencia e Cinema
Dentro do variado programa de actividades da II Mostra de Ciencia e Cinema, o vindeiro mércores 28 de outubro o Teatro Rosalía de Castro da Coruña será o escenario do recital Poesía + Ciencia, no que participarán Marica Campo, Emma Couceiro, Estibaliz Espinosa, Alfredo Ferreiro, Manuel Rivas e Xavier Seoane. Os autores e autoras citados lerán obras propias e alleas que se achegan a temas, procedementos e personaxes propios da cultura científica. Lucía Aldao conducirá un acto que contará ademais coa actuación musical de Guadi Galego, Guillermo Fernández e Xabier Díaz. Será a partir das 20:30, con entrada libre até completar a capacidade do recinto.
Máis información: o evento en Facebook
A Coruña: dúas conferencias sobre lingua hoxe pola tarde
Casa Museo Casares Quiroga (Panaderas, 12), Ciclo REPRESIÓN E DEFENSA DOS DEREITOS LINGÜÍSTICOS EN GALIZA: HISTORIA DA REPRESIÓN LINGÜÍSTICA EN GALIZA, por María Pilar Freitas Juvino. Martes 13 ás 19:30. Entrada: libre até completar capacidade
Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande), CICLO: LINGUA, LITERATURA E NAZÓN: “LÍNGUA E TRANSFORMACIÓN SOCIAL”, por Francisco Rodríguez Sánchez, político e intelectual. Organiza Agrupación Cultural O Facho. Martes 13 ás 20:00. Entrada: libre até completar capacidade.
A Coruña: recital de Cesáreo Sánchez Iglesias
A Asociación Cultural Alexandre Bóveda, informa que o vindeiro martes 13 de outubro, terá lugar un novo acto dentro do ciclo ‘Poetas coruñeses’, que se ven desenvolvendo ao longo do ano. Nesta ocasión recitará Cesáreo Sánchez Iglesias.
Cesáreo Sánchez Iglesias (Dadín-Irixo, 1951) é autor dunha ampla obra,principiada en 1978 con Silencios e conversas de inverno. Estudiou Arquitectura Técnica e Socioloxía e Ciencias Políticas en Madrid e foi un dos fundadores da Agrupación Cultural Lóstrego, que presidiu. Continuou a manter unha posición dinámica dentro da creación do movemento asociativo cultural durante a transición, colaborando na formación da Agrupación Cultural Avantar, do Carballiño, sendo posteriormente presidente da A. C. Alexandre Bóveda da Coruña. Foi director de Edicións A Nosa Terra e presidente do semanario do mesmo nome. Traballa na Oficina Técnica de Arquitectura da Xunta de Galicia. É tamén presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
A súa poesía, varias veces premiada, caracterízase por unha elaboración en chave simbolista e evocativa, realizada en versos breves. Está considerado un dos nomes máis relevantes da promoción poética da década de 80.
Será ás 20:30h. no salón de actos da asociación (R/ Olmos 16-18, 1º), con entrada libre.
Vigo: homenaxe a Ramiro Fonte

O vindeiro sábado 17 de outubro presentarase a edición especial do libro Ramiro Fonte. O libro dos amigos e dos libros de poemas Reversos e Xardín do pasatempo. Será ás 12 horas no Auditorio do Museo do Mar de Vigo.
Culleredo: homenaxe a Luz Pozo
O vindeiro mércores 14 de outubro na aula de poesía Biblioteca de Poesía “Uxío Novoneyra” de Vilamelania-Vilaboa ás 20 horas terá lugar unha homenaxe á poetisa Luz Pozo Garza que consistirá na prantación dunha camelia na sua honra e na presentación do seu último libro Deter o día cunha flor, ilustrado con gravados de Xosé Valentín. Luz Pozo recibirá ademais o primeiro galardón anual da Biblioteca “Uxío Novoneyra” aos poetas máis destacados.
Yolanda Castaño representará a poesía galega no festival “Absolute Young Poetry”
O prestixioso Festival de Poesía Absolute Poetry vense celebrando dende 2005 na cidade de Monfalcone baixo a dirección de Lello Voce e reúne a poetas de diferentes procedencias na citada poboación do norte de Italia. O apartado dedicado aos novos autores, o “Absolute [Young] Poetry”, centra a súa atención este ano nos dialectos e linguas minorizadas de Europa e convida a autores chegados dende linguas como o galés, o occitano, o euskera, o galego, o ladino e dialectos italianos coma o lucano, o véneto, o bisiaco ou o milanés. En representación dos poetas novos galegos a convidada será Yolanda Castaño, que o día 9 participará nunha mesa redonda e igualmente ofrecerá un recital poético multimedia no Teatro de Monfalcone. Como vén sendo habitual nunha das citas poéticas máis experimentais e de vangarda do país, as postas en escea dos poetas participantes fusionarán a palabra lírica coa música, a performance, o slam, o audiviosual ou as novas tecnoloxías, explorando novos camiños para a expresión poética.
Entre outros convidados/as do evento, cabe salientar á bangladeshí Taslima Nasreen, ao vietnamita Tran Quang Hai ou á italiana Patrizia Valduga. O completo programa incluirá obradoiros, feira do libro, mesas redondas, laboratorios poéticos ou charlas que versarán sobre traducción, canto harmónico, vinculación de lingua e identidade e mesmo a relación entre poesía e música heavy metal.