Desde Sermos Galiza:
“Acordo histórico no sector do libro: a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia veñen de convocar a Gala do Libro Galego 2016, onde conflúen todos premios até o momento convocados por separado.
Desde hai anos viñan convocándose os premios literarios da AELG coa súa Gala das Letras, a Noite da edición en Galicia da AGE e mais os Premios Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia. A partir de agora todos estes galardóns desaparecen para transformarse nuns únicos premios literarios co libro galego como protagonista principal, convocados de forma conxunta polas tres organizacións. O nome escollido é Gala do Libro Galego.
Estes galardóns nacen co obxecto de recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia, e faranse públicos no transcurso da Gala do Libro Galego 2016, que se celebrará o 14 de maio do próximo ano. Alí entregaranse as distincións nas seguintes catorce categorías: ensaio, narrativa, infantil e xuvenil, libro ilustrado, iniciativa bibliográfica, tradución, poesía, teatro, iniciativa cultural ou fomento da lectura, proxecto literario na rede, xornalismo cultural, escritor galego universal, premio honorífico á libraría e á editora.”
Arquivo da categoría: Premios AELG
Gala do Libro Galego 2016
Acordo histórico entre a AELG, a AGE e a Federación de Librarías de Galicia para a convocatoria conxunta e unitaria dos premios do sector do libro galego
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia convocan a Gala do Libro Galego 2016. Un evento que representa un acordo histórico no sector literario galego, ao confluír desde agora nuns únicos galardóns os premios convocados anteriormente de forma separada por cada unha das tres organizacións.
Desde hai anos viñan convocándose os premios literarios da AELG coa súa Gala das Letras, a Noite da edición en Galicia da AGE e mais os Premios Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia. A partir de agora todos estes galardóns desaparecen para transformarse nuns únicos premios literarios co libro galego como protagonista principal, convocados de forma conxunta polas tres organizacións. O nome escollido é Gala do Libro Galego.
Estes galardóns nacen co obxecto de recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia, e faranse públicos no transcurso da Gala do Libro Galego 2016, que se celebrará o 14 de maio do próximo ano. Alí entregaranse as distincións nas seguintes categorías:
1. Obra de ensaio
2. Obra de narrativa
3. Obra infantil e xuvenil
4. Libro ilustrado
5. Iniciativa bibliográfica
6. Obra traducida
7. Libro de poesía
8. Libro de teatro
9. Iniciativa cultural ou fomento da lectura
10. Proxecto literario na rede
11. Xornalismo cultural
12. Escritor galego universal
13. Premio honorífico á libraría
14. Premio honorífico á editora
As directivas das organizacións convocantes, previa votación dos seus asociados, farán chegar á secretaria técnica da organización da Gala do Libro Galego até cinco candidaturas para cada unha das once primeiras modalidades, que serán remitidas a un xurado externo, que será nomeado de común acordo polas Xuntas Directivas da AELG, AGE e Federación de Librarías, formado por sete persoas, quen se encargarán de fallar estes galardóns sen dotación económica.
O premio ao Escritor Galego Universal será concedido pola directiva da AELG, o Honorífico á libraría será concedido pola directiva da Federación de Librarías e o Honorífico á editora corresponderá á directiva da AGE.
O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, fixo a seguinte intervención:
“E falando na representación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, felicitármonos por este acto que suma capacidades e multiplica os froitos que ofrecer á sociedade. Construír, sumar esforzos, significa dar visibilidade a un dos sectores culturais, sociais e económicos máis importantes e dinámicos da Galiza.
Os escritores e escritoras damos contidos culturais a diversas industrias do noso país, mais somos tamén algo máis: procuramos a inculturación de todo traballo humano sobre esta terra, facemos dela un ser colectivo cunha identidade imborrábel.
A nosa razón de ser é a literatura galega, da mao das nosas editoriais e máis do tecido de librerías que leva a todo o corpo social a seiva nutricia da nosa cultura.
Cal é a dimensión que queremos que teñan estes premios que hoxe presentamos? A de engadir á necesaria visibilidade social que precisa o noso sistema literario nos seus escritores, editoriais e librarías premiados; tamén a carga simbólica de ser unha celebración feita por todo o sector como forma se reivindicar nun tempo da cultura da imaxe, do efémero e veloz, do curto prazo, nun tempo de apagamento da cultura da palabra, no que parece que o libro está en desvantaxe por ter a calidade da interrogación do presente e de dar respostas ás necesidades humanas do medio e longo prazo.
Este ciclo vital de comunicación entre escritor, editor, libreiro e lector non só achega calidade democrática á sociedade á que pertencemos, mais tamén facilita o coñecemento do ser colectivo que somos os galegos, é dicir, existe ese ser colectivo chamado Galiza porque existen escritores que o soñan, editoras que publican e librarías que son lugares da comunicación entre o texto escrito e editado co lector, como ágora ou íntima praza pública.
Neste tempo no que se fala máis de marcas que de cultura, este acto é para nós a reivindicación da escrita literaria como ferramenta de íntimo coñecemento, de afirmación dese ser colectivo que levamos dentro e do que nos orgullamos que se chama Galiza.”
A Gala do Libro Galego acóllese a un acordo marco de colaboración entre a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia, cuxos principais puntos son:
– Escritores, Editores e Libreires somos un sector estratéxico deste país. Así está recoñecido na lei de decembro de 2006 do libro e a lectura de Galicia, aprobada por unanimidade polo Parlamento Galego. Nela o libro é recoñecido na súa dimensión de ben cultural, económico e social, e debe desenvolver o carácter estratéxico das letras galegas, entre outras achegas, polo seu papel fulcral na normalización cultural e social do noso idioma. Isto está na lei, mais non aínda na realidade. É esta realidade que queremos axudar a mudar.
– Escritores, Editores e Libreiros creamos unha mesa estábel de traballo para a posta en común de propostas, coa intención de facer actividades de defensa do libro galego e das letras galegas no seu conxunto.
– Precisamos dunha industria editorial forte que reflicta a biodiversidade do sistema literario galego, duns escritores que sexan recoñecidos socialmente no seu papel de creadores, dunha obra onde a ética convive e habita a beleza da cultura galega. Precisamos dunha rede de librarías por todo o país que dea visibilidade ao libro galego e sexa lugar privilexiado para a creación de lectores. E sen esquecermos todos os mediadores que conflúen no ciclo de vida do libro e as letras galegas, como as bibliotecas, e centros de ensino, entre outros.
– Para poder conseguir estes fins precisamos da creación do Instituto Rosalía de Castro de promoción da cultura galega; da existencia de plans anuais de lectura; a recuperación da Consellaría de Cultura co necesario peso político e orzamentario; e da implicación real da Consellaría de Industria, con orzamento específico.
Na fotografía superior figuran, de esquerda a dereita, Mercedes Queixas, secretaria xeral da AELG, Xosé Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, Xosé Leal, vicepresidente da AGE, Cesáreo Sánchez, presidente da AELG e Laura Rodríguez, presidenta da AGE.
Actividades a desenvolver no segundo semestre de 2015 na AELG
O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, reunido no día de hoxe en Santiago de Compostela, fixo balance da actividade da entidade no primeiro semestre do ano e anuncia o traballo a desenvolver no segundo.
Nos seis primeiros meses de 2015 a AELG desenvolveu unha ampla variedade de actividades. Entre as que teñen máis proxección pública está a renovación do esforzo por animar a celebración por parte da cidadanía do Día de Rosalía de Castro, que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) promove desde 2010. A aceptación e impulso por parte da sociedade e, moi especialmente, polo sector educativo, pódese visualizar no arquivo audiovisual e de imaxes da web da AELG.
Os Premios AELG 2015 entregados na Gala das Letras celebrada en Lugo o pasado mes de maio foron un público recoñecemento do labor creativo conxunto de creadores e creadoras finalistas e gañadores no ámbito literario, testemuña da sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada, a lingua galega; tamén se recoñeceu o labor do oficio do xornalismo, así como o legado das Mestras e Mestres da nosa memoria literaria e social e, finalmente, tamén posibilitaron o nomeamento como Escritor Galego Universal a Luiz Ruffato.
O poeta Xosé María Álvarez Cáccamo xa é socio de honra da AELG e Escritor na súa Terra, grazas á esta homenaxe da AELG que leva máis de 20 anos propiciando o contacto directo da sociedade coas súas escritoras e escritores. Un contacto tamén propiciado pola iniciativa Paseos Literarios, nos que cun escritor/a como guía se ofrece unha outra forma de ver as nosas cidades e vilas e dos que tiveron lugar seis no que vai de ano, aos que se sumarán ao menos outros sete até fin de ano, nas cidades da Coruña, Vigo e Ribadeo. Cun obxectivo parecido a AELG seguirá engadindo contidos á sección da web “O territorio do Escritor/a”, que suma máis de 40 roteiros que permiten coñecer o país desde o prisma do/a creador/a e que este ano actualizará os tramos que transcorren polas provincias de Lugo e Ourense da ruta Pelerinaxes I, que fixeran os escritores da Xeración Nós e relatou Otero Pedrayo nun libro publicado en 1929.
A Escola de Escritores e Escritoras da AELG, que tamén establece pontes entre creadores/as e sociedade, levou un obradoiro á cidade de Santiago e organizará outro no que resta de ano para seguir transmitindo a experiencia apaixonante do acto creador como complementario na formación da persoa e para ofrecerlle a oportunidade de gozar do seu sistema lingüístico, literario e cultural. Tamén se engadirán ás xa existentes na web novas unidades didácticas que faciliten ao profesorado o labor de mediación entre o alumnado e o acto creativo, así como co seu sistema literario. Tamén neste ámbito, a AELG renova o seu esforzo coas V Xornadas de Literatura e Ensino, que terán lugar en outubro.
Actividades con menos proxección pública pero que a AELG considera tamén importantes e que continuará no que resta de ano son a adaptación da súa web (que superou os 17.000.000 de entradas), para que os seus contidos sexan visualizados con maior calidade e en calquera dos novos dispositivos móbiles, alén de incluír novos contidos, particularmente documentación, fotos e vídeos dos seus asociados e asociadas de modo que a súa voz e obra sexa máis accesíbel. A isto tamén contribúe no plano da actualidade a Axenda Cultural da AELG, que no que vai de ano publicou máis de 1.000 novas relacionadas especialmente coa traxectoria literaria dos seus asociados e asociadas pero que tamén acolle outras novas do resto de autores, e a colaboración semanal sobre temas de actualidade literaria na versión impresa do periódico Sermos Galiza (no que tamén se están publicando grupos de palabras do tesaurus acumulado até a data na sección da web Palabras con Memoria), así como colaboracións estritamente literarias na revista O salmón oval.
En setembro terá lugar en Pontevedra a VI edición do Congreso de Escritores/as, unha actividade na que a AELG toma o pulso da nosa literatura e das preocupacións das escritoras e escritores co ánimo de lles buscar solucións e instrumentos para a necesaria visibilidade social do noso sistema literario. Para estes efectos, a asociación xa abriu un proceso de participación entre todas as súas asociadas para perfilar os temas a debater.
A recentemente ampliada Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG organizou unha polafía en Ponteceso, coa participación activa de tres xeracións arredor da regueifa, e ten prevista outra, así como a oitava edición das Xornadas de Literatura de Tradición Oral, que terá lugar en outubro co lema Sexo e obscenidade na literatura galega de tradición oral, e da que se editarán as actas antes de rematar o ano.
A voz das creadoras tamén se achegará á Universidade de Vigo co Ciclo Escritores/as na Universidade, concretamente nas facultades de Filoloxía e Tradución de Vigo e na de Ciencias da Educación de Ourense. Tamén na Universidade de Santiago, entre setembro e outubro, a AELG colabora nunha nova edición do Curso de formación continua «As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora», que este ano falará das Obras imprescindibles para o Ensino Primario o Secundario sobre conflitos bélicos.
Finalmente, en novembro, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega renova o seu compromiso cos asociados non vinculados á escrita estrictamente creativa e celebrará unha Xornada de Ensaio e Pensamento na cidade da Coruña.
Crónica fotográfica da Gala das Letras e a entrega dos Premios AELG 2015 (II)
Dentro da Gala das Letras que tivo lugar o sábado 9 de maio no Círculo de las Artes do Concello de Lugo, déronse a coñecer as persoas e entidades gañadoras dos Premios AELG 2015. A continuación, publicamos parte das fotografías que recollen os diferentes momentos do acto, agradecendo a súa realización a Alfredo López, “Tokio”. Pódense ver todas aquí.
Crónica fotográfica da Gala das Letras e a entrega dos Premios AELG 2015 (I)
Dentro da Gala das Letras que tivo lugar o sábado 9 de maio no Círculo de las Artes do Concello de Lugo, déronse a coñecer as persoas e entidades gañadoras dos Premios AELG 2015. A continuación, publicamos parte das fotografías que recollen os diferentes momentos do acto, agradecendo a súa realización a Alfredo López, “Tokio”. Pódense ver todas aquí.
Crónica videográfica da Gala das Letras e a entrega dos Premios AELG 2015 (III)
Dentro da Gala das Letras que tivo lugar o sábado 9 de maio no Círculo de las Artes do Concello de Lugo, déronse a coñecer as persoas e entidades gañadoras dos Premios AELG 2015.
Esta é a crónica videográfica do acto, onde se recollen as seguintes intervencións:
– Premio de Poesía.
– Premio de Literatura infanto-xuvenil.
– Premio de Xornalismo Cultural.
– Vídeo das actividades do Día de Rosalía de Castro 2015.
Crónica videográfica da Gala das Letras e a entrega dos Premios AELG 2015 (II)
Dentro da Gala das Letras que tivo lugar o sábado 9 de maio no Círculo de las Artes do Concello de Lugo, déronse a coñecer as persoas e entidades gañadoras dos Premios AELG 2015.
Esta é a crónica videográfica do acto, onde se recollen as seguintes intervencións:
– Premio de Teatro.
– Premio Blog literario.
– Premio de Ensaio.
– Premio de Narrativa.
Crónica videográfica da Gala das Letras e a entrega dos Premios AELG 2015 (I)
Dentro da Gala das Letras que tivo lugar o sábado 9 de maio no Círculo de las Artes do Concello de Lugo, déronse a coñecer as persoas e entidades gañadoras dos Premios AELG 2015.
Esta é a crónica videográfica do acto, onde se recollen as seguintes intervencións:
– Presentación inicial, por María Solar.
– Discurso da presidencia da AELG, por Cesáreo Sánchez Iglesias.
– Introdución ao fallo dos Premios.
– Premio de Tradución.
Cesáreo Sánchez Iglesias: “O lugar de soberanía do idioma”
Artigo de Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
“Discurso pronunciado no acto de entrega dos premios da AELG que se desenvolveu o pasado 9 de maio en Lugo.
Vimos celebrar tamén ás institucións culturais e aos homes e mulleres que fixeron e fan da nosa cultura o centro de gravidade do seu labor. Sería impensábel a nosa cultura e a actividade da AELG sen a colaboración fértil destas institucións.
Tamén aquelas administracións públicas que teñen á súa fronte homes e mulleres que fan da cultura da nosa nación e o noso idioma o seu referente o seu eixo transversal vertebrador. Eles e elas saben que o que outorga e inviste de dignidade política a un cargo público é a defensa de valores coma os do noso idioma no que se constrúe a nosa cultura, en dialogo coas culturas que constrúen o noso tempo. É algo máis que a xestión do debe e o haber das contas públicas o desempeño dunha responsabilidade política de goberno en calquera das administracións.
O escritor e a escritora, na nosa cultura, crea e volve crear sen fin o borroso mapa da memoria individual e colectiva, a realidade que transcende a realidade do noso humano vivir.
O escritor é o posuidor dunha lingua creadora dun lugar dende o que pensarmos o mundo e explicármonos e nos lembrar a pertenza a un lugar para non sermos así a construción cultural de outras culturas por moi hexemónicas que sexan ou pretendan ser.
Dinos o escritor palestino Edward Said que o oriente e o orientalismo foron unha creación cultural do occidente dende unha posición hexemónica para se apropiar dunha suma de culturas que englobou na palabra Oriente e así convertelas en algo que non eran, para mellor as dominar e dominar así os seus países, política e economicamente. Non somos alleos a estas dinámicas históricas de desposesión cultural.
Corresponde aos galegos e galegas en xeral, e aos escritores e escritoras en particular, a construción da súa cultura que é a suma do pasado e presente da nosa intima biografía colectiva. É aprendermos a ler na tradición os mais antigos soños que dormen nos signos, cos que tallamos a pedra e amasamos os silencios da enmudecida Terra e do mar, coas súas secretas revelacións para que o escuro fose canto e alfaia en tantas arealongas.
Toda cultura precisa dos seus escritores escritoras e no caso da cultura galega o seu papel faise cada vez máis necesario nun tempo no que a suma do desleixo e a institucionalización da ignorancia sobre nosa cultura faise máis e mais requintada.
Non son o primeiro en dicir -creo que foi Auden- que toda cultura ten na súa literatura un lugar de soberanía do idioma no que se expresa. Un lugar de resistencia contra da usura con que é tratado o idioma, fronte ao efecto banalizador da globalización, polo que cada vez faise mais evidente que a vontade de escribir ben é unha ética.
Os galegos e galegas levamos máis da metade da nosa historia construíndo a nación sen clase dirixente, que si tivemos en períodos de normalidade histórica. Mais aínda así construímos unha das culturas mais florecentes da Europa que alimentamos e que, tamén, nos fixo a nós crecer. Fomos capaces de consumar na mais fermosa tradición oral os mais antigos ritos da conciencia de ser dunha terra e participar dos seus ciclos da vida.
Nas catro ultimas décadas construímos humildes institucións coma esta asociación, aproveitando aquela fraca descentralización autonómica. Conseguimos naquel tempo erguermos institucións públicas que, cada vez mais exsangües, hoxe están a se converter nun peso morto que non permite desenvolver as necesarias capacidades para as que foron creadas.
Hoxe, os escritores, os mediadores sociais, entre o que está o impagable traballo do profesorado, dos bibliotecarios, teimamos na construción dun sistema literario que puidera respirar cunha industria editorial hoxe cada vez mais feble.
Todos temos nestes momentos a necesidade dun plan estratéxico de apoio ao libro galego e dun inaprazábel Plan de Lectura, consensuado con todos os axentes partícipes, que continuamos a agardar desde o seu anuncio no Parlamento Galego hai xa máis de dous anos por parte dos responsables de Cultura, que coloque o libro e a lectura na cerna da formación humanística e da construción do pensamento crítico da sociedade galega e que sume valor económico engadido á sempre necesaria industria cultural.
Pola mesma razón que non fun coleccionista de números cero de revistas, nunca fun amante de informes dramáticos sobre a nosa lingua. Outra cousa é que temos que dotármonos das lexitimas alarmas diante dunha falsa normalidade, que está a levar nosa lingua a perigosos espazos de febleza sen retorno, mesmo nun momento no que se está a tentar lle tranferir a responsabilidade normalizadora á sociedade á que non se lle permite vivir en galego.
Vainos a vida en que non se rompa a transmisión oral do idioma na educación básica, precisamente cando hai tantos escritores e escritoras que dan o mellor do seu froito literario na literatura infantil e xuvenil -literatura con maiúsculas-, ademais de termos unha respectada e florecente calidade editora.
A escrita literaria coma un elemento normalizador. Este é o noso empeño esa é a razón de sermos.
Este ano tamén celebramos o día 24 de febreiro como o Día de Rosalía, que xa é unha realidade grazas á receptividade social da súa figura e da súa obra. Coma todos os anos reivindicamos que o Panteón de Galegos Ilustres sexa laico, de aceso publico e cun uso de propiedade publica. A situación na que se atopa o Panteón de Galegos Ilustres é a metáfora da situación do nosa a cultura e quizais tamén do noso país. Vainos a vida, en defendermos os nosos símbolos nacionais.
Rosalía non é unha elección estética ou é algo mais que unha elección estética entre os moitos escritores e escritoras que son a nosa fértil tradición literaria.
Na súa obra está depositado o espello da nosa inmensidade interior. Como dixen este 24 de Febreiro: A súa obra non só, e nada menos, fixa as inquedanzas dunha muller do seu tempo que vai mais ala do seu tempo. Por isto é tan actual. Porque soubo ler os mais íntimos segredos da alma humana, aquela que os Galegos e galegas soubemos aportar de noso coma singular ao conxunto da humanidade.
O feminismo que defende Rosalía é liberador do ser humano.
Grazas á súa obra, tamén os homes, poderemos facer cinza da historia do patriarcado que levara o vento
No outono pasado, no Galeusca de Barcelona reflexionamos sobre a situación profesional do escritor. Na nosa nación, son poucas as escritoras e escritores que poidan vivir da súa profesión. Noutras nacións do Estado descendeu de maneira alarmante. Aquí aínda non se chegou a uns mínimos necesarios. Aínda que é evidente que a profesionalidade sempre guiou aos escritores galegos. Non sería posíbel unha literatura que pode competir en calidade con calquera literatura doutras nacións se non se tivese unha entrega profesional. Haberá que comezar a aceitar que é imprescindíbel abrir os camiños da profesionalización tamén para as escritoras e escritores galegos.
Di un Clásico Taoísta Vietnamita moi querido por Ho Chi Ming e por quen isto escrebe: “Se as palabras non son as correctas, a linguaxe non di a verdade das cousas. Se a linguaxe non concorda coa verdade das cousas os asuntos non poderán chegar a bo fin”.
Este ano no consello directivo da AELG pensamos que era de xustiza recoñecermos publicamente que só con prensa galega en galego é posíbel dicirmos as nosas verdades no día a día. A que mostra como somos e como nos soñamos.
Decidimos premiar como Institucións Culturais ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, á Asociación de Medios en Galego e a aquelas e aqueles Os bos e xenerosos no eido do xornalismo en galego, Margarita Ledo, Manuel Lombao, Tereixa Navaza e Xose María Palmeiro en representación de todos e todas as profesionais do xornalismo, que puxeron os alicerces para termos uns medios de comunicación galegos e en lingua Galega nun tempo no que nacíamos a tantas cousas.
Esta cidade é o centro de gravidade da sección de literatura oral, a alfaia da AELG e o noso orgullo. Da mao de Antonio Reigosa, con Isidro Novo e toda a actual e recen estreada equipa, da súa mao ven o Premio Mestras-es da Memoria por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional.
Grazas, Josefa Arias e Emilio do Pando, por seren a memoria viva do noso idioma. Sen o idioma que vostedes conservaron e transmitiron pouco futuro tería o noso idioma. Grazas.
Grazas á equipa da secretaria técnica, Ana e Ernesto, e ao consello directivo, son moitos os proxectos a se desenvolver: A Escola de Escritores e Escritoras que segue o seu labor cos Obradoiros de creación literaria alí onde atopamos apoio institucional. Autor a autor imos construíndo o territorio do escritor da escritora trazando as xeometrías da alma ao longo das cidades e vilas do noso pais. Cos Roteiros literarios percorremos as pegadas físicas que habitan vida e a obra dun escritor e escritora. Lemos así a Nosa Terra coma se fose un libro.
A web da AELG que anda a cumprir dez anos vai polos dezasete millóns de entradas de máis de 27 países. Entre as seccións está a das palabras con memoria que recolle Isidro Novo, esas palabras sempre vivas aínda, despois de renaceren das súas incontábeis mortes, da luz dos seus outonos que teñen no seu centro toda a primavera
No novembro pasado os máis novos celebraron o seu VIII Encontro, anovando formatos da palabra audiovisual.
Para o outono deste ano celebraremos o noso sexto congreso de escritores na cidade de Pontevedra para tomarlle o pulso á fértil realidade actual da nosa literatura e lle interrogar ao futuro, tamén para buscar instrumentos para necesaria visibilidade social do noso Sistema Literario.
Do primeiro congreso de Poio celebrado hai 34 anos en Poio. Entrecollo algúns puntos daquel manifesto:
– Que o escritor se negue a que as súas declaracións sexan traducidas, en calquera dos medios de comunicación galegos.
– Escola galega e en galego a todos os niveis.
– Derrogación do decreto de bilingüismo.
É evidente que segue a ser necesario que nos reunamos para debater sobre o momento actual e o noso futuro.
Ao escritor brasileiro Luiz Ruffato distinguímolo coma o autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana e nomeámolo escritor Galego universal. O noso escritor dicía no 2007, cito: “O que nos une, portugueses, brasileiros, angolanos, moçambicanos, guineenses, timorenses, são tomenses, cabo-verdianos? Tal vez, concluíamos, unha língua comum, o que redunda num conceito, a Lusofonia. Mais aqui xa não há consenso: a língua e a cultura, foram impostas por médio da exploração e a repressão das populações autóctones, que deixaram profundas cicatrizes nas relacións entre colonizadores e colonizados. Por outro lado sabemos que a língua com que nos expressamos, antes de ser portuguesa, é galega -a Galiza é o berço do que se convencionou denominar, por inxuncions históricas, de língua portuguesa. Então na época (2005) propus que ao invés de levantarmos a bandeira da lusofonia, passarmos a falar de Galeguia. Que devolve o sentido original da raiz da Nossa língua, relativiza o peso do passado colonial e incorpora, com os devidos réditos, a Galiza a este universo comum”.
O proxecto literario de Luiz Ruffato foi o de “ficcionalizar a história da classe operária brasileira desde meados do século XX até o início do século XXI.” Fundamentalmente, o seu Proxecto de escrita é, cito, “os inmigrantes que foram expulsos pela fome e pela miséria do seu país natal. Porque o Brasil é um país formado por imigrantes europeus e asiáticos e mas também pelos imigrantes internos do Nordeste e Minas Gerais, deixando para trás não só suas raízes culturais, mas principalmente sua história”. Benvido a esta terra que sempre foi a súa.
E antes de comenzar este voso acto de celebración quixeramos desde o Consello directivo enviar un abrazo fraterno aos escritores que este ano nos deixaron para vivir na súa obra: o profesor Alfonso Magariños Sueiro e o profesor e Mestre Francisco Carballo: el axudou como poucos a que Galiza tivese medios de comunicación Galegos e en Galego.”
Montse Dopico: “Non temos medo. Non vamos calar. E imos moito máis alá da resistencia”
Foto de Alfredo López, “Tokio”.
Desde o Magazine Cultural Galego, de Montse Dopico:
“Esta é a versión completa do texto que lin, resumido tras unha interrupción por un problema co micro, na Gala das Letras. Fala da importancia de apoiarnos entre nós, como sociedade, sen agardar polo poder.
Primeiro, compartir o primeiro cos todos os meus compañeiros, e en especial con aqueles que pertencemos á especie en perigo de extinción dos xornalistas culturais. Eu non vou reivindicar a lingua e a cultura porque sería como reivindicar o dereito a respirar, algo que é parte de min de xeito natural, como ter mans ou ter voz. Mais si vou reivindicar o dereito a traballar, os nosos dereitos como traballadoras e traballadores. O dereito a traballar facéndoo, ademais, nunhas condicións dignas nun sector, o da cultura, que é o primeiro que se recorta coa escusa da crise-estafa.
Mais tampouco estou aquí para queixarme do mal que nos vai aos xornalistas. Senón para facer, por unha parte, unha denuncia. Pola outra, unha proposta. A denuncia ten que ver coa cada vez máis escasa presenza da cultura nos medios de comunicación, nos que a pouca información cultural que se mantén faise polo empeño persoal dalgúns profesionais. E non sei de ningún medio, público nin privado, no que non haxa polo menos algún traballador ou traballadora ao que a cultura lle guste e lle importe como para dedicarlle o tempo que merecen os lectores, moitas veces a costa do tempo propio, por moito que as empresas tenten desincentivalos.
As empresas tentan xustificar os poucos recursos dedicados á cultura co argumento de que non vende. E se cadra a literatura non “vende” tanto como os partidos de fútbol, mais tampouco incrementan as vendas as múltiples roldas de prensa de nulo contido informativo que se cobren para que quen reparte subvencións e asina convenios poida saír na fotografía. Subvencións que, en si, non terían por que ser un problema, pero que acaban conducindo á censura e á autocensura cando as empresas dependen delas para a súa sobrevivencia e o poder que as sustenta confunde información con propaganda.
Mais hai máis. Porque tomar en serio a cultura podería alterar a estrutura do ADN de parte dos medios do país, representantes das elites económicas e políticas, cando non das burguesías herdeiras do franquismo, para os que a cultura galega só pode entenderse como un apéndice subordinado e dependente da cultura en castelán e inglés sancionada polas televisións de maior audiencia ou como unha marca de clase a exhibir en certos espazos.
As mesmas burguesías que temen as palabras inconvenientes dos profesionais da cultura que lles restan a lexitimidade simbólica que a eles só lles dan as súas relacións co poder. Alén diso, adoptar unha liña crítica coa política lingüística e cultural da Xunta de Galicia pode ameazar a continuidade dunhas subvencións que, moitas veces, sustentan estruturas mediáticas fondamente desiguais nas que se producen despedimentos masivos para que as cúpulas poidan seguir cobrando como 10, 50 ou 100 xornalistas da base.
Mais eu teño detectado, por parte do poder, máis que medo a eses escritores e escritoras que non son controlables, desprezo. Desprezo á cultura. Por considerala superflua, molesta. E a miña proposta é que non permitamos ese desprezo. Que demostremos, entre todos e todas, que a cultura interesa. Que lles digamos, con feitos, aos que nos gobernan e aos que mandan nos medios de comunicación que si hai demanda. Porque a cultura lémola, escoitámola, compartímola, debatémola. Porque non esperamos dos medios só que promocionen o noso novo produto (o noso libro, a nosa obra de teatro), senón que nos axuden a pensar a cultura e a facela, sobre todo, máis forte e máis libre.
E eu creo que a sociedade foi neste, como en moitos outros contextos, por diante das empresas de comunicación e dos gobernos. (Diante, desde logo, da Xunta que recortou o apoio á creación e difusión cultural nun 60 por cento). Desaparecidas as seccións culturais de Vieiros, A Nosa Terra, Xornal de Galicia ou Galicia Hoxe, ou suplementos como o Luzes de El País, produciuse unha multiplicación crecente de blogs e webs culturais que se uniron á información cultural prestada por medios alternativos de estruturas máis modestas, pero tamén en xeral máis libres que as empresas de maior tamaño, e tal como está a situación non menos precarias.
Aínda que é certo que nos falta compartir, e non competir, para ser todos máis fortes. A sociedade é tamén a que impulsa os centos de proxectos culturais que se desenvolven cada día no país, contra vento e marea e sen tutela de ninguén. E teño claro tamén que, nese aspecto, témonos a nós mesmos. A nós mesmas. Non podemos agardar por ninguén. Temos que apoiarnos entre nós. Os da novela aos do teatro. As do cine ás da arte. Os da educación aos da lingua. As da música ás da poesía. Todos e todas aos demais. Creando unha masa crítica que demostre que si. Que tomamos en serio a nosa cultura. E, sobre todo, que non temos medo. Que non vamos calar. E que imos moito máis alá da resistencia.
Grazas aos socios e socias da AELG polo premio, á miña familia e amigos por aturar as miñas ausencias e, en especial, a miña nai, por terme ensinado que os libros son importantes para a vida.”