Desde Xerais:
“A escritora Ledicia Costas gañou o Premio Zenda Infantil e Xuvenil 2023-2024 polo seu libro Sete dentes de león, ilustrado por David Sierra e publicado por Xerais (en castelán, Siete dientes de león, Nórdica). O xurado xustificou esta elección “pola imaxinación, talento e alegría que desprende cada páxina deste libro, destinado a lectorado de cinco anos”. Dedicado a descubrir a orixe das cores “pero sen moralizantes nin clichés, sen mensaxes ocultas politicamente correctas, é puro entretemento que fai máis pola lectura que calquera plan ministerial”.
O xurado dos Premios Zenda estivo composto por profesionais do sector do libro Guillermo Altares, Nuria Azancot, Laura Barrachina, Pepa Blanes, Jesús García Calero, Antonio Lucas, Alberto Olmos, Cristina Rivera Garza, Sergio Vila-Sanjuán e Santos Sanz Villanueva, ademais de Leandro Pérez e Álvaro Colomer (secretario do xurado), ambos en representación da revista Zenda.”
Arquivo da categoría: Premios ilustración: ditames
Sandra Lodi gaña o IV Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi
Desde Galaxia:
“Na Sala de Xuntas da Casa do Concello da Estrada, reúnese o xurado para escoller a obra gañadora desta III edición do Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi, formado por Luz Beloso, Sara Valcárcel Maceira, Luís Davila, Armando Requeixo Cuba, e Carlos Loureiro Rodríguez, exercendo como secretario.
Despois de valorar os orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza do día de hoxe, o xurado acordou, por unanimidade conceder o Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi á obra titulada Papóns, que se presentou baixo o pseudónimo “avoa”. Unha vez aberta a plica, esta resultou ser da autoría de Sandra López Díaz (Sandra Lodi).
O xurado quixo destacar neste álbum ilustrado que é unha obra moi atractiva visualmente cun uso dos planos e das cores impecable. Unha narrativa coherente e ben encetada; que pon en valor o mundo rural e os afectos entre avoa e neta. Un vínculo de transmisión cultural e familiar imprescindible que amosa de forma tenra e fermosa.
Tamén salientan como a autora representa os corpos, son mulleres reais, reproduce o noso pobo á perfección. A ilustración é orixinal e dinámica, cun estilo propio, cunha composición e perspectiva coidadas.
A relación que amosa co medio e cos animais é sensible e acertada. Forma parte da realidade das nenas e nenos que tiveron a sorte de criarse nese ambiente privilexiado no que imaxinar e crear as súas propias historias.
Un álbum que pon en valor a necesidade de preservar e protexer a natureza. De respectar os animais e darlles o seu propio lugar. Unha historia de xenerosidade que pon o foco no protagonismo que xogarán as novas xeracións como exemplo de conciencia. Un traballo colectivo que todas as persoas deben exercer en conxunto.
Será un deses libros que perduren no tempo.”
Laura Cid Rascado gaña o III Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi
Desde Cultura Galega:
“Laura Cid Rascado (Vigo, 1999), graduada da Facultade de Belas Artes de Pontevedra en 2022, resultou a gañadora da IIIª edición do Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi, convocado polo Concello da Estrada en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e a editorial Galaxia. De entre a vintena de traballos presentados, a obra titulada Maruchi e o gancho convenceu por maioría ao xurado, formado por Tamara Andrés, poeta, Armando Requeixo, crítico literario, Óscar Villán, ilustrador, Carlos Loureiro, exercendo de secretario, e Sara Valcárcel, responsable de Comunicación e Novos Proxectos de Editorial Galaxia.
Segundo se comunicou onte coa lectura do ditame na casa de Xuntas do Concello da Estrada, o xurado quixo destacar neste álbum ilustrado que “é unha historia que se entretece perfectamente a través de texto e imaxe, tecida con ritmo, claridade e ollada poética. Presenta un nó que a protagonista ten que desenredar o cal se vai enfiando de xeito equilibrado, tenro, humorístico, perspicaz. Trátase, ademais, dun álbum ilustrado perfectamente apto para todos os públicos”. A gañadora recibirá un premio en metálico de 4.000 euros.”
Blanca Millán e Ramiro J. Peralta gañan o II Premio Alberte Quiñoi
Desde Galaxia:
“O 22 de abril, na Casa do Concello da Estrada, reuniuse o xurado para escoller a obra gañadora desta II edición do Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi, formado por Andrea Jamardo Seijo, Sara Valcárcel, Rosa de Cabanas, Armando Requeixo, e Carlos Loureiro, como secretario.
Despois de valorar os orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza, o xurado acordou, por unanimidade conceder o II Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi á obra titulada As filloas de Manola, que se presentou baixo o pseudónimo “A saltarica mediaslongas”. Unha vez aberta a plica, esta resultou ser da autoría de Blanca Rodríguez Millán e Ramiro José Peralta Torres.
O xurado quixo destacar neste álbum ilustrado a impecable confección da súa aposta plástica e textual, que conforman un relato cheo de matices para soster unha historia que defende os valores da xenerosidade nas relacións interpersoais, ao tempo que nos introduce no mundo da nosa tradición actualizada.
Esta proposta, ganduxada con moita atención ao detalle, e asentada en estruturas narrativas de habelenciosa execución, logra transmitir unha mensaxe vitalista que nos reconcilia coa esperanza dun mundo máis solidario e afectivo.”
Gloria Gómez Pavía gaña o I Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi
Desde Galaxia:
“Reunido o xurado, no Concello da Estrada, formado pola poeta Yolanda Castaño Pereira, a ilustradora Rosa Cabanas, o crítico literario Armando Requeixo, Carlos Loureiro Rodríguez, como secretario, e Sara Valcárcel Maceira, responsable de Comunicación e coordinadora de novos proxectos de Editorial Galaxia, escolleu por unanimidade a obra gañadora.
Despois de valorar orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza, o xurado acordou conceder o I Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi á obra titulada Eva, a carteira espacial, de Gloria Gómez Pavía.
O xurado destacou desta novela que é unha proposta moi expresiva con ilustracións orixinais e cunha linguaxe propia, que nos adentra nun mundo evocador cunha paleta de cores impactante e atractiva. Vertebra cuestións de ciencia nun relato integrador que apunta valores comunitarios, ben equilibrados coa vontade individual, autonomía persoal e a posta en valor dos oficios de sempre, da importancia dos procesos e das súas necesarias esperas. A acollida do pequeno, do diferente, no seo dunha comunidade plural e que teña en conta os coidados; a interconexión, a comunicación, a socialización máis humana son outros dos acertos a xuízo dun xurado que puxo en alta estima a numerosa participación e abraiante nivel creativo das propostas.”
A ilustradora ourensá María Villarino acadou o XV premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración
Desde Fervenzas Literarias:
“A ilustradora ourensá María Villarino López foi a gañadora do XV premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez na modalidade de Ilustración, que convoca a Deputación de Ourense. O xurado destacou da obra premiada a orixinalidade das creacións artísticas, debuxadas a man pola ilustradora. Os traballos presentados foron obras inéditas e orixinais baseadas no texto gañador do premio de narración desta edición da escritora Ánxela Gracián, titulado As historias da ogra Pinta.
O xurado estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández, Carlos Rodríguez, Mario González e Xosé Manuel Cid, actuando como secretaria Ana Malingre.”
A coruñesa María Díaz Serantes gaña o XIV Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración
Desde a Deputación de Ourense:
“A ilustradora coruñesa María Díaz Serantes (Ferrol, 1994) foi a gañadora do XIV premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez na modalidade de Ilustración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense.
O xurado asegurou do traballo galardoado que as ilustracións “denotan un profundo traballo de debuxo e transmiten a sensación de que detrás delas, hai unha grande artista con moita orixinalidade”. Asemade o xurado puxo de manifesto que “os personaxes teñen moita expresión e adáptanse moi ben ao público ao que vai dirixida a obra”.
Das obras presentadas ao certame na modalidade de Ilustración nesta edición, o xurado destacou o “inmenso traballo que hai detrás de todas elas e o seu alto nivel”.
Os traballos presentados ao certame nesta modalidade de ilustración foron obras inéditas e orixinais baseadas no texto gañador do premio de narración desta edición do escritor Antonio Yáñez Casal, titulado Do meu nome e outras trapalladas.
O xurado da XIV edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández López, Carlos Rodríguez Calvo, Mario González Sánchez e Xosé Manuel Cid Fernández, actuando como secretaria Ana María Malingre Rodríguez. (…)”
Cambre: entrega de premios do Concurso Adopta un animal de conto
O coruñés Francisco Pérez Villanueva gaña o XIII Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración
Desde a Deputación de Ourense:
“O ilustrador coruñés Francisco Pérez Villanueva “Quico” (Noia, 1975) foi o gañador do XIII premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez na modalidade de Ilustración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense.
O xurado reunido o 27 de abril no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” asegurou do traballo galardoado que as ilustracións “reflicten unha orixinalidade e creatividade especiais”. Asemade o xurado puxo de manifesto que “denotan unha grande imaxinación do autor e ademais teñen unha grande calidade artística, cunhas tonalidades moi agradables á vista e que combinan moi ben coa historia que ilustra”.
Das obras presentadas ao certame na modalidade de Ilustración nesta edición, o xurado destacou o inmenso traballo que hai detrás de todas as obras presentadas, “o nivel é moi alto e custou moito traballo a decisión pero ao final o fixaron por unanimidade”.
Os traballos presentados ao certame nesta modalidade de ilustración foron obras inéditas e orixinais baseadas no texto gañador do premio de narración desta edición da escritora compostelá Montserrat Pis Marcos, titulado Dos estraños ollos de Damaluar e das aventuras que lle sucederon o día que desapareceron as súas zapatillas.
O xurado da XIII edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández López, Carlos Rodríguez Calvo, Mario González Sánchez e Xosé Manuel Cid Fernández, actuando como secretaria Ana María Malingre Rodríguez. (…)”
Patricia Román gaña o Pura e Dora Vázquez de ilustración
Desde Fervenzas Literarias:
“A ilustradora cidaderrealeña Patricia Román Ortega foi o gañadora da XII edición do premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración Infantil e Xuvenil, que convoca a Deputación de Ourense co obxectivo de recoñecer a calidade literaria e artística de traballos creados para nenos e xente nova, fomentar a lectura entre este público e poñer en valor a figura das escritoras ourensás Pura e Dora Vázquez.
O xurado recoñeceu da obra premiada “a orixinalidade das ilustracións, que se adaptan moi ben ao texto premiado na modalidade literaria e axudan a narrar a historia”, ademais de destacar a técnica empregada para a realización das ilustracións e a calidade do conxunto da obra.
O xurado -que adoptou por unanimidade a súa decisión-, estivo presidido polo deputado de Cultura da Deputación de Ourense, Avelino García Ferradal, e integrado polos vogais: María Rosa González Méndez, Luis Gulín Iglesias, José Manuel Fernández López e Xosé Manuel Cid Fernández. Como secretaria actuou Ana María Malingre Rodríguez.
Os traballos de ilustración presentados ao certame, de diferentes estilos e temáticas, baseáronse no texto gañador do premio de narración, Bicha, da escritora coruñesa Eli Ríos, unha obra da que o xurado destacou “o atractivo que teñen para o lector os personaxes e a importancia que o relato da á amizade entre nenos e animais, ademais de axeitarse perfectamente para ser ilustrada dentro do espírito do premio”.