Concesión dos premios Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde

A Feira Galega das Artes Escénicas botou a andar en Santiago coa concesión dos premios de escrita dramática: o Álvaro Cunqueiro, o Barriga Verde (nas dúas modalidades) e o Manuel María, todos eles dotados con 6.000 euros e a posibilidade da súa publicación. Dolores Vilavedra, presidenta do xurado desta edición, fíxolles un chamamento ás editoriais para que continúen colaborando coa Agadic na edición destes textos que permitan “crear un corpus de literatura dramática”. Despois, pasou a ler o fallo do xurado que lle concedeu, por maioría, o premio Álvaro Cunqueiro a Raúl Dans pola súa obra Chegamos despois a unha terra gris. Canda el Xavier Lama gañou o Manuel María por Os reloxos preguiceiros de Néboa, mentres que Xose Antón Neira Cruz e Inacio Vilariño fixéronse cos premios Barriga Verde para adultos e infantil, respectivamente.
Raúl Dans agradeceu o seu premio Álvaro Cunqueiro, recoñecendo que a súa obra fala dos medos e das frustacións. “O meu teatro peneira das zonas escuras do ser humano” apuntou ao tempo que denunciou que “un premio é a única forma de publicar e de chegar aos escenarios”. O xurado recoñeceu da súa obra a súa “singular xenealoxía das mulleres”, a sobriedade do seu texto e o tratamento non oportunista dun tema de actualidade. Xavier Lama, gañador do premio Manuel María apuntou que a súa obra, pensada para público infantil, fala “do concepto do tempo, dunha autoestrada infinita cada o nunca máis”. O xurado recoñeceu a “orixinalidade do tema, a fantasía na concepción dos personaxes e a singularidade ontolóxica do mundo creado”. A modalidade de adultos do Barriga Verde (teatro para monicreques) foi para Xosé Antón Neira Cruz (un autor que xa resultou premiado en numerosas ocasións nos certames convocados por Agadic) quen fixo un alegato do Mestre Mateo e que lle dedicou o galardón ao seu pai, finado recentemente. O xurado recoñeceu “a capacidade para demostrar que un motivo artístico tradicional, como é o Pórtico da Gloria, pode ser susceptible de tratamentos novidosos”. Non estaba para recoller o seu premio Inacio Vilariño, de cuxa obra o xurado destacou “a frescura e a axilidade dos diálogos”. A entrega dos galardóns rematou coa intervención de Juan Carlos Fasero, director de Agadic, desexando que os textos “cheguen pronto aos escenarios”. Recollido tamén en Xornal, La Voz de Galicia e Galicia Hoxe.

María Canosa gaña a oitava edición do premio Pura e Dora Vázquez

O galardón desta edición era especial despois de que hai unhas semanas finara Dora Vázquez. A oitava edición do certame literario convocado pola Deputación de Ourense de literatura infantil recaeu este ano na escritora María Canosa, pola obra O papaventos de Laura por ser “unha historia imaxinativa, alegre e fresca, nun entorno familiar cheo de tenrura”, segundo o fallo do xurado. Agora, a Deputación convocará o premio de ilustración para acompañar a obra seleccionada. Ambos os dous galardóns están dotados con 3.000 euros cada un. A nova foi recollida tamén en: Xornal, Galicia Hoxe e Faro de Vigo.

Andrea Maceiras gaña o Meiga Moira de literatura infantoxuvenil

A coruñesa Andrea Maceiras Lafuente vén de gañar o cuarto Premio Meiga Moira 2010 de literatura infantoxuvenil convocado por Baía Edicións. O xurado, formado polas escritoras Marica Campo e Conchi Regueiro, o ensaísta e profesor da UDC Carlos–Paulo Martínez Pereiro, que actuou de presidente, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, resolveu hoxe conceder por unanimidade o galardón á obra presentada baixo o lema Arquipélago. Abertas as plicas, a gañadora resultou ser unha obra da escritora coruñesa que leva como título Violeta tamurana e proposta para o tramo de idade de 12 a 16 anos. O xurado valorou a excelente historia, contada cunha narración limpa e enriquecida por un estilo poético, que desenvolve a novela nunha trepidante mestura de trama amorosa e aventura no ámbito do fantástico e na que consegue crear un clima convincente entre as dúas realidades en que habitan os seus protagonistas. A obra propón unha mensaxe non racista, poñendo en valor a tolerancia, sabedoría ancestral e a fusión coa natureza, ao tempo que significa a importancia relativa da verdade e o coñecemento para loitar contra a tiranía e o imperialismo, quen sustentan o seu dominio sobre os pobos a través do mantemento da ignorancia e do temor ao descoñecido e ao diferente.A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e a autora recibirá 2.500 euros, cantidade coa que está dotado o Premio. Vía Xornal.

Vigo: presentación de O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro

Dentro das actividades da Feira do Libro, este mércores 7 de xullo ás 20:30 horas, Marcos Calveiro presenta o seu libro O pintor do sombreiro de malvas, Premio Lazarillo 2009, publicado en Xerais. No acto participan Ramón Trigo, Manuel Bragado e o propio autor.

Ditame do I Certame de Poesía sobre os Penedos de Pasarela e Traba

“O xurado estivo composto polo poeta fisterrán ALEXANDRE NERIUM, o poeta de Cee MIRO VILLAR e o investigador literario de Vimianzo XOSÉ Mª REI LEMA.
Na 1ª categoría (nenos e nenas de ata 12 anos) presentáronse un total de 27 poemas. O xurado salientou a capacidade creativa destes traballos escolares e a dificultade de establecer gañadores dada a súa uniformidade. Con todo, logo de varias lecturas e atendendo á procura da orixinalidade decidiu por unanimidade outorgar os tres primeiros premios desta maneira:
– 1º premio (vale por un importe de 75 euros) para ALBA COSTA SANTOS, 11 anos, do C.E.I.P. Labarta Pose de Baio.
– 2º premio (vale por un importe de 50 euros) para ESTEFAN GONZÁLEZ ROJO, 11 anos, do C.E.I.P. Labarta Pose de Baio.
– 3º premio (vale por un importe de 25 euros) para SERGIO CAAMAÑO MAROÑAS, 10 anos, do C.P.I. As Revoltas de Cabana de Bergantiños.
Na 2ª categoría (de 13 a 16 anos) os premios foron declarados desertos.
Na 3ª categoría (maiores de 16 anos) o xurado salientou a calidade de sete composicións finalistas entre as 17 presentadas. Logo dun debate decidiuse outorgar por unanimidade os tres premios da categoría. Unha vez abertas as plicas os premios corresponderon a:
– 1º premio (dotado con 600 euros) para MARCOS RODRÍGUEZ REGUEIRA, de Castrelo-Vimianzo, polo poema “Triste epopea”, presentado baixo o lema “Heirinsinho”.
– 2º premio (dotado con 400 euros) para ALBA CID FERNÁNDEZ, de Ourense, polo poema “Códice da inmensidade”, presentado baixo o lema “Barlovento”.
– 3º premio (dotado con 200 euros) para ROSA PIÑEIRO FARIÑA, de Santiago de Compostela, polo poema “Rochas onda nós”, presentado baixo o lema “Catarina”.” (Seminario de Estudios Comarcais da Costa da Morte)

Blogaliza.tv transmitirá ao vivo dos Premios Xerais desde San Simón

O sábado, 12 de xuño, a partir das 19:00 horas, Blogaliza.tv transmitirá en directo a cerimonia de entrega dos Premios Xerais 2010 que dende hai seis anos se celebran na illa de San Simón. No acto, que durará arredor dunha hora, intervirá a escritora Fina Casalderrey como mantedora literaria e os «Alegres da Buraca» no apartado musical. Esta entrega coincide, ademais, coa celebración do 25 aniversario dos Premios Merlín de Literatura Infantil que serán os grandes protagonistas da velada, que será presentada por Celia Torres, directora de promoción de Xerais.