Un artigo de Míriam Ferradáns publicado en Nós Diario, Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego

Desde Nós Diario:
““De aquí ao nordés unha volta de pescozo leve para ver o bosquexo dunha illa que descansa. Xa está. Chegou a calma e a vida normal aos penedos de Ons”: Así comeza ‘Dalias’, o artigo de Miriam Ferradáns que vén de gañar o XVIII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego.
O artigo foi publicado o 10 de novembro de 2020 en Nós Diario, medio co que Ferradáns colabora habitulamente e xornal no que tamén colabora outra das 3 finalistas desta edición do premio, Cláudia Morán chegou a esta fase co seu artigo Un deserto, aparecido o 18 de novembro de 2020 en Nós Diario. A terceira finalista era a xornalista Patricia Hermida, por Historia de como Avó Antonio subiu ao ceo, publicado o 5 de maio de 2020 en El Correo Gallego.
Tres finalistas, tres mulleres, que foron elixidas após a deliberación do xurado, integrado por Víctor Freixanes, Carlos Valle, Fina Casalderrey, Gloria Rodríguez e Cristina Pato. (…)
Un total de 29 artigos optaban á XVIII edición do Premio Fernández del Riego. Podían presentarse artigos incluídos no xénero do xornalismo literario ou ben no xénero de artigo de opinión, coa única condición de que só se presentase un texto por autor que fose recollido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020 en calquera medio de comunicación, impreso ou dixital, de cabeceiras recoñecidas he escrito en lingua galega.”

Marta Veiga faise co Johán Carballeira de Xornalismo cunha reportaxe sobre a pandemia

Desde Nós Diario:
“Marta Veiga Izaguirre foi a gañadora do XVIII Premio Johán Carballeira de Xornalismo, convocado polo Concello de Bueu (Pontevedra), cunha reportaxe titulada Cantigas para despois dunha pandemia e publicado na Revista Luzes en xuño de 2020.
A resolución do xurado foi adoptada este domingo, segundo trasladou o Concello. O grupo que escolleu á galardoada estivo formado polo presidente da Asociación de Amigos Johán Carballeira, Manuel A. Mosteiro, o director de Praza Pública, David Lombao, e a gañadora da anterior edición e xornalista de El Progreso, Nieves Neira.
No acta, o xurado destacou que a reportaxe “ofrece un relato no que se tratan problemas previos á pandemia que continuarán despois desta e para os que se ofrecen solucións a través de fontes expertas e un tratamento que fuxe do conxuntural”.
Ademais, sinalou que o traballo premiado “destaca polo seu estilo e a estrutura a modo de conversa, cun humor acedo que non cae na frivolidade”, e “achega a cara social e política da pandemia, máis alá de datos e cifras”.
O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu até o seu asasinato, en 17 de abril de 1937, a mans dos golpistas durante a Guerra Civil española (1936-1939). Amais da de xornalismo, o certame conta cunha categoría de poesía, cuxo fallo se fará público a comezos do mes de maio.
Marta Veiga é profesora asociada da área de Xornalismo no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e xornalista freelance, ademais de investigadora e xestora do grupo de innovación docente Xuvenciencia. Licenciada en Ciencias da Información pola USC, ten traballado en medios de comunicación como Diario de Pontevedra e El Progreso.”

Paula Castro faise co IV Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rei

Desde Nós Diario:
“O xurado da cuarta edición do Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rei, que convoca o Concello de Fornelos, decidiu, por unanimidade, recoñecer o artigo da xornalista Paula Castro, titulado “Mulleres invisibles, mulleres desconfinadas”.
O xurado, reunido de maneira telemática o 25 de febreiro de 2021, e formado por Carme Vidal e Ramón Nicolás, coa presenza da coordinadora e secretaria do premio, Carmen Carreiro, con voz e sen voto, salientou a “solidez” do texto que trata sobre a estigmatización á que están sometidas as mulleres que exercen a prostitución.
“A autora articula, asemade, unha visión crítica e documentada sobre este negocio de explotación sexual e repara sobre o abandono que sofren estas mulleres sen dereitos”, expresa o xurado na acta do concurso.
Paula Castro pon rostro “a persoas abocadas á invisibilidade, ao desprezo social e a unha heroica subsistencia”.
Ademais, o xurado estimou a actualidade da súa temática, a mesura na exposición dos datos estatísticos recollidos e o acaído rexistro literario que abraza.
A entrega do premio, que está dotado de 1.000 euros, decorrerá en Fornelos cando a situación da pandemia o permita.
Paula Castro estudou Historia e Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela. Comezou a súa actividade profesional no xornalismo en A Nosa Terra e desde hai 17 anos traballa como xornalista no Gabinete de Comunicación da CIG. (…)”

Nieves Neira proclámase gañadora do XVII Premio Johán Carballeira de Xornalismo

Desde o Concello de Bueu:
“A xornalista luguesa Nieves Neira resultou gañadora do XVII Premio Johán Carballeira de Xornalismo convocado polo Concello de Bueu coa reportaxe titulada ‘A fotógrafa, revelada’, publicada no Diario de Pontevedra o 15 de marzo de 2019. O xurado reuniuse este domingo ao mediodía e estivo conformado por Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos Johán Carballeira, Alberte Mera, xornalista do Nós Diario, e Aser Álvarez, gañador do certame na pasada edición. Na acta, o xurado salienta “a presentación do tema desta reportaxe, a súa calidade lingüística, a precisión e o acompañamento das imaxes”. Así mesmo, o texto consegue retratar moi ben a vida de Maruja Roca, unha pioneira da fotografía galega, e o seu contexto.
O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas. (…)”

Inma López Silva recolle o premio Fernández del Riego

Desde Sermos Galiza:
“A terza feira 17 de decembro entregouse no Café Moderno de Pontevedra o premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego. Recibiuno nesta XVI edición Inma López Silva polo artigo “Terra rota”, publicado en La Voz de Galicia 10 de abril de 2018. O galardón, ao que se presentaron un total de 20 artigos, está dotado con 6.000 euros, cuota que aumentará até os 10.000 na vindeira edición.
Na entrega do premio, Silva defendeu o xornalismo libre e crítico, así como a lingua e a cultura galegas, recordando a figura de Fernández del Riego: “se non fose por xente coma el, non existiría a narrativa galega contemporánea nin o teatro galego, ao que me dedico”. Engadiu a galardoada que “sen xornalismo, sen escritura, sen a creación literaria, non sempre temos o detemento para pensar como queremos organizar a convivencia. Iso é imposíbel sen aquelas persoas que erguen a voz. Ese é o verdadeiro xornalismo”.”

Mario Regueira, gañador do III Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey

Desde Sermos Galiza:
“O escritor, crítico literario Mario Regueira, é o gañador da terceira edición do Premio de Xornalismo Lueiro Rey, convocado polo Concello de Fornelo de Montes. O artigo “Matar o recadeiro” foi o elixido polo xurado, que destaca como se aborda “con espíritu crítico unha realidade contemporánea laboral como é a das persoas que teñen que empregarse como ‘recadeiros’ – tamén chamados ‘riders’- baixo condicións absolutamente escravistas e vinculado coa aparición de novas formas de capitalismo”.
Eis o artigo:

Matar o recadeiro
Sería fermoso poder dicir que apareceron como unha bandada de paxaros amarelos. Pero non hai imaxe que os acolla con facilidade. Tampouco teñen un nome claro: algúns chámanlles riders, aínda que sempre lembro con ironía que a primeira que atopei na miña cidade non cabalgaba moto nin bicicleta nin cabalo. Subía pesadamente unha costa empinada cunha enorme mochila ás costas. Nela, estampado, o nome dun servizo de delivery, outro estranxeirismo que evidencia como a aparición desta nova forma de traballo colleunos, aparentemente, co pé cambiado, que nin nomes propios temos. Seguramente un acaido sexa recadeiros. No fondo, o que fan estes novos servizos é iso mesmo, facer recados que non teñen que limitarse, nin polo contido nin polo medio, a levar comida.
Os recadeiros están para calquera cousa, prestan un servizo que hai anos pensaríamos que é prohibitivo pero que agora mesmo parece ao alcance de calquera. Teño visto con moita sorpresa como, mesmo nunha pequena cidade galega, é cada vez máis frecuente cruzarse con eles e os seus logotipos. Ter unha hamburguesa do teu restaurante favorito, cervexa fría se chegan visitas, xeo para un combinado… é tan doado como chamar ou empregar a app e unha desas persoas con grandes mochilas aparecerá na nosa porta. E poderíamos pensar, como se repite moitas veces, que é a tecnoloxía a que permite isto, que antes de estar interconectados e ter aplicacións no móbil para todo isto non sería posíbel. Teño visto algún destes recadeiros sentado na rúa, tomando algo de comida rápida mentres mira ansiosamente o teléfono por se entra unha nova encomenda. Ser recadeiro implica tamén estar atento á demanda, sexa a hora que sexa e aínda que a túa propia hamburguesa quede a medio comer.
Hai anos unha amiga economista falábame dos indicios indirectos da situación económica. Seica en épocas de bonanza a xente é máis indulxente á hora de mercar doces e a moral admite prendas máis curtas que durante as crises. Os vellos economistas crían poder percibir a marcha das cousas cunha simple ollada superficial aos carros da compra ou ás saias das rapazas. Pregúntome que papel ten a irrupción dos recadeiros nas nosas vidas, que indicio económico espertan, e se son, como moita xente di, unha bandada de paxaros, un signo de bonanza económica.
A comezos da primavera deste ano, un deses riders (este si que levaba moto) morreu nun accidente de tráfico na cidade de Barcelona. Este feito trouxo á primeira plana varias cousas que sospeitabamos. Os recadeiros non son empregados de ningunha empresa, nin sequera a dese logotipo enorme que cargan ás costas, e que, en certo sentido, tamén os despersonaliza. A maior parte traballan baixo a figura de falso autónomo e a súa relación laboral coas plataformas de delivery segue a discutirse nos tribunais, con sentencias contraditorias. De ser recoñecida, aínda habería que repasar en que condicións desenvolven o seu traballo e se vulnera, por razón de salario ou horario, outros aspectos da lexislación laboral.
Pero non podemos enganarnos, non é a tecnoloxía e o mundo interconectado o que produce esa bandada polas rúas das nosas cidades. O que sostén o negocio dos recadeiros é a falta de regulación e a tolerancia a formas de negocio que hai anos entenderíamos que rozan o escravismo. Que algo sexa posíbel non quere dicir que sexa xusto, como non é xusto que a comodidade duns poucos e as miraxes de bonanza dos outros se baseen en matar o recadeiro.”

Anxo Quintela, Premio Nacional de Xornalismo Cultural do Ministerio

Desde Sermos Galiza:
“Despois do galardón do pasado ano a Ana Romaní, con quen Quintela compartiu durante anos o Diario Cultural da Radio Galega, este é o segundo premio consecutivo na categoría. O fallo menciona xustamente ese espazo radiofónico e o programa da TVG do que Anxo Quintela foi rostro ao longo de varias tempadas, O Agro. “Contribuíu á lexitimación da cultura rural, ás veces desatendidas, como parte da cultura en sentido amplo”, sinala.
Poeta autor de Á sombra dos pavillóns (1983) e O asasino estrábico (1996), formou parte do consello de redacción da revista Grial e, entre 2003 e 2008, dirixiu o desaparecido xornal dixital Vieiros. “Conta cunha extensa traxectoria na radio e na televisión galega, participando en programas cun amplo abano de manifestacións culturais”, engade o texto difundido polo Ministerio de Cultura e Deporte.
A decisión do premio, dotado con 20.000 euros, tomouna un xurado presidido por Olvido García Valdés, directora xeral do Libro do Goberno do Estado, vicepresidido por Begoña Cerro, e do que fixeron parte Ana Romaní, a membro da Real Academia Galega Marilar Aleixandre; Félix Ibargutxi Otermin da Real Academia da Lingua Vasca; Pilar Castro, da Asociación Española de Críticos Literarios; Luís Menéndez, da Federación de Asociacións de Xornalistas de España; de María Carmen Asenjo, da Asociación de Revistas Culturais Españolas; de Miguel Ors, da Conferencia de Rectores das Universidades Españolas; Manuel Castro, da Federación de Asociacións de Radio e Televisión de España, e Yanna Gutiérrez, do Instituto de Investigacións Feministas da Universidade Complutense de Madrid.”

Aser Álvarez González gaña o XVI Premio Johán Carballeira de Xornalismo do Concello de Bueu

Desde o Concello de Bueu:
Aser Álvarez González erixiuse gañador do XVI Premio Johán Carballeira de Xornalismo pola súa reportaxe titulada “Ferrín e a poesía do circo”, publicada no xornal dixital www.adiante.gal, polo que se fará con 1500 €. O xurado, conformado por Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johán Carballeira de Bueu, e as xornalistas Ana Cabaleiro e Montse Dopico, xustificou a súa decisión en que “como produto xornalístico destaca pola súa orixinalidade e estrutura, así como a relación que establece entre circo, teatro e literatura, ao mesmo tempo que destaca a combinación de xéneros periodísticos”. (…)
En canto á categoría de poesía, na que concorren cincuenta orixinais, o xurado reunirase nos próximos días.
Podedes ler aquí a reportaxe.”

Montse Fajardo gaña o II Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey

“O día 22 de outubro de 2018 ás 19:00 h, despois de deliberar no Café Moderno de Pontevedra, o xurado composto por Ramón Nicolás, Ramón Rozas, Carme Vidal e actuando como secretaria Carme Carreiro decidiu outorgar o II Premio de Xornalismo Lueiro Rei ao artigo “O universo de Carlos”, presentado baixo o pseudónimo de “Roque Pérez”.
Unha vez aberta a plica resultou ser da autoría da xornalista e investigadora Montse Fajardo autora de libros como Matriarcas, Un cesto de mazás e Invisibles, entre outros.
O xurado destaca do texto “a denuncia da discriminación que sofren as persoas con autismo e as súas familias”. A autora transmite dificultades que se lle presentan á nai dun neno con autismo e os atrancos que ten que superar día a día ademais de dar conta do pouco respaldo institucional que recibe para darlle ao fillo as atencións que necesita.
O artigo é quen de que as persoas lectoras empaticen coa angustia da situación da protagonista e reparen na falta de equidade con quen ten esta condición neurolóxica a través dun caso particular.”

A seguir publicamos o texto gañador (tamén dispoñíbel aquí):

O universo de Carlos
(Roque Pérez)

A profe Esther di que se tes autismo é como se che soasen na cabeza cincuenta emisoras á vez e por iso a Carlos lle custa moito concentrarse nunha cousa. Os movementos hipnóticos axúdanlle a fuxir dese balbordo, así que pode pasar horas mirando os peixiños, petando co lapis ou subido á randeeira. A profe Mónica sempre lle deixa un pouco máis que ao resto e ninguén protesta. Con el aprenderon que o trato xusto non é o igualitario, senón o equitativo: o que dá a cadaquén o que precisa.
Ás veces Carlos precisa dar voltas pola aula. Déixanlle dar dúas, tres e logo vai alguén da clase dicirlle que sente. Esther, que é a profesora terapeuta, ensinoulles trucos para captar a súa atención entre tanta emisión: “Xirádelle a cara, buscade o contacto visual…” pero fica abraiada cos códigos que argallaron para falarlle, coa capacidade innata que teñen para comunicarse con el. Aos cinco anos asumiron con naturalidade que era parte do grupo e había que entendelo.
Fóra do CEIP San Roque de Corón non é tan fácil. O autismo é un reto para unha sociedade que sabe ser solidaria cunha cadeira de rodas pero non actúa coa mesma normalidade ante as doenzas psíquicas.
Maika nota miradas que a xulgan cando o seu fillo ten unha das súas perrenchas e se tira polo chan do súper. Ás veces sente que non pode máis, e séntese culpábel por sentilo. Pero leva anos sen un respiro.
Os xemelgos tiñan dezaoito meses cando notou que Carlos non atendía aos estímulos igual que Miguel. A diagnose de autismo cambiouno todo. Para todos. Miguel converteuse no irmán maior e o universo empezou a xirar arredor de Carlos. Maika deixou atrás a súa individualidade e ata o seu matrimonio. É difícil manter algo que non sexa a atención sobre el. Ninguén se ofrece a axudarche. A avoa cóidao unhas horas pero non de noite nin na rúa por temor a non saber controlalo. Un neno con autismo non ten filtros e pode insultarte ou poñerse violento. Así que Maika opta por saír pouco da casa.
Viuse obrigada a renunciar á vida laboral, e a falta de soldo complicouno todo máis. Resúltalle imposíbel contratar a alguén que a axude, que lle dea un respiro que lle permita, polo menos, pasar máis tempo con Miguel e non abafar de culpa. Non hai achegas económicas. As discapacidades psíquicas non se cuantifican como as físicas e só recibe 1.800 euros anuais que lle obrigan a elixir entre a psicóloga ou a logopeda e aínda así só dan para unha hora de consulta semanal cando precisaría unha diaria. Levar a Carlos á terapia é outra odisea porque como non lle pasa nada nas pernas non lle dan tarxeta de aparcamento. Dá igual que a súa cabeza se negue a camiñar, que se tire polo chan e a obrigue a vivir un calvario camiño da logopeda. Se pode andar, non hai tarxeta.
Ante a falta de apoio do sector público, as familias agrúpanse en asociacións específicas e poñen en marcha servizos, pero son demasiado caros para Maika.
Tamén no cole escasean os recursos. Precisaríase máis profesorado terapeuta e contar con orzamento para material adaptado.
O suposto estado de benestar camiña moi por detrás da clase de Carlos, que xa non concibe mural sen pictogramas nin elixir una coreografía que lle resulte imposible a el. Esther ten claro que lle achega ao grupo moito máis do que recibe, porque é a súa mellor lección de empatía.
Quizais, se en cada aula houbese un Carlos, no futuro teríamos unha sociedade máis equitativa, que non deixe sobre os ombreiros de Maika todo o peso do universo.

Ana Romaní, Premio Nacional de Periodismo Cultural 2018

Desde o Ministerio de Cultura:
Ana Romaní Blanco foi galardoada co Premio Nacional de Periodismo Cultural, dotado con 20.000 euros. O xurado motivou a escolla de Romaní “pola súa longa traxectoria no xornalismo, o seu constante traballo de promoción da cultura e da radio con formatos propios”, así como pola “súa visión de feminismo crítico e compromiso social”. (…)
Actou como presidenta do xurado Olvido García Valdés e como vicepresidente David García Rivas. Formaron parte do mesmo as seguintes persoas como vogais: Blanca Berasátegui Garaizabal, Jaume Figueras Rabert, José Antonio Pascual Rodríguez; Luz Méndez Fernández; Iñaki Mendizabal Elordi; Rosa Franquet Calvet; Enrique Turpin Avilés; Carles Domènec Garcia Canals; Dolores Gallardo Ceballos; Ana González Lartitegui; María Emma Camarero Calandria; Ana Belén Roy Rodríguez de Gaspar; María Teresa Oñate Zubia e María Bernadette González Harbour.”