Ferrol: presentación de libros na Galería Sargadelos

Mañá xoves 11 de marzo na Galería Sargadelos de Ferrol terá lugar a presentación dos libros de Edicións Embora titulados O país dos mandóns, A urna dos desexos e O segredo de flora. No acto participarán Paloma Rodríguez e Cristina Justo (autoras) e Spela Trobec (ilustradora).

O Carballiño: Cesáreo Sánchez presenta O paraíso das sombras

Mañá xoves 11 de marzo, ás 20,15 horas, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, vai presentar na Casa da Cultura de O Carballiño (Praza Lousada Diéguez s/n) o seu último libro O paraíso das sombras. Acompañarán ao autor no acto de presentación o técnico cultural Felipe-Senén López e o editor do libro, Tucho Calvo.

Santiago: presentación do libro-DVD Bailabén

Este xoves, día 11 de marzo, ás 19:00 horas terá lugar no salón de actos do Consello da Cultura Galega (no pazo de Raxoi) a presentación ao público do método de aprendizaxe do baile galego Bailabén, un libro con DVD elaborado por Edith Cotilla e Gustavo Couto que Edicións do Cumio vén de sacar do prelo. Ambos autores estarán presentes no acto acompañados de Cándido Meixide, que acudirá en representación da editorial.

Vigo: presentación dun libro de Ana Pérez Cerviño

A escritora Ana Pérez Cerviño presenta mañá xoves 11 de marzo ás 19:30 horas o seu libro Elucubracións dunha mente en proceso de sé-lo, “un profundo diálogo sobre o sentido da vida, o significado de nós mesmos/as e os nosos pensamentos no devir dos días”. Será en Vigo, na Rúa López de Neira número 27.

Santiago: presentación dun libro de David Otero

O libro de David Otero Nun bambán de non virar baldo preséntase este venres 12 de marzo ás oito da tarde na Libraría Couceiro de Santiago (Praza de Cervantes, 6). No acto intervirán Avelino Pousa Antelo –mestre galeguista e presidente da Fundación Castelao–, Xoán Xosé Fernández Abella –mestre e poeta–, Mini e Mero –mestres, do grupo musical A Quenlla–, X. Amancio Liñares Giraut –director editorial de 3C3– e o propio autor.

Ferrol: presentación da carpeta-homenaxe a Uxío Novoneyra

O próximo venres 12 de marzo terá lugar a presentación no Ateneo Ferrolán, da reedición especial da Carpeta “Homenaxe a Uxío Novoneyra” con poemas, fotografías e estampas de pintura que fixeron os creadores na homenaxe de hai dez anos. Esta reedición da carpeta foi promovida por Rei Zentolo con motivo do Día das Letras Galegas 2010. No acto contará coa participación de Uxio Novoneyra Rei.

Santiago: presentación dun poemario de Raúl Gómez Pato

Este xoves 11 de marzo ás 20,00 na libraría Couceiro de Santiago de Compostela presentarase o libro TRATADO DE ZOOLOXÍA PARA CORAZÓNS MANCADOS, de Raúl Gómez Pato. En dito acto participarán o autor, Raúl Gómez Pato, o escritor Carlos Negro, o editor Francisco Macías (Positivas), así como o músico Héctor Lorenzo, que interpretará algunhas cancións relacionadas co poemario presentado.

A Coruña: presentación dun poemario de Rosalía Fernández Rial

O venres 5 de marzo ás 20:00 no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) preséntase o poemario musical En clave de sol de Rosalía Fernández Rial. A autora estará acompañada por Olga Patiño Nogueira e Emma Pedreira; o recital contará ademais coa participación do músico Brais Morán.