A Coruña: presentación dun poemario de Rosalía Fernández Rial

O venres 5 de marzo ás 20:00 no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) preséntase o poemario musical En clave de sol de Rosalía Fernández Rial. A autora estará acompañada por Olga Patiño Nogueira e Emma Pedreira; o recital contará ademais coa participación do músico Brais Morán.

A Coruña: presentación de Moncho Reboiras e o nacionalismo dos anos 70

Mañá mércores 3 de marzo preséntase o libro Moncho Reboiras e o nacionalismo dos anos 70, editado pola Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas. O acto terá lugar ás 8 da tarde na Casa Museo Casares Quiroga (rúa Panadeiras 12), e contará coa presenza de Lois Diéguez Vázquez, director de Programación de Cursos e Publicacións da Fundación Bautista Álvarez; e Francisco Rodríguez Sánchez, doutor en Filoloxía Románica e autor dunha ampla obra investigadora e de ensaio en temas culturais e políticos.

Escairón: Xabier Quiroga presenta O cabo do mundo

O vindeiro sábado, 6 de marzo, ás 20:00 horas presentarase nas instalacións do Círculo Saviñao (rúa Pardo Bazán 17 de Escairón) O Cabo do Mundo, a cuarta novela de Xabier Quiroga. No acto acompañarán ao autor Enrique Sampil e Manuel Bragado. O Cabo do Mundo é unha das finalistas dos premios AELG na categoría de Narrativa.

Gondomar: encontro con Begoña Caamaño

Hoxe martes 2 de marzo celébrase unha nova sesión do club Sete Vidas centrada na lectura da novela da escritora viguesa Begoña Caamaño Circe ou o pracer azul (Galaxia, 2009). A cita será, coma sempre, a partir das 20.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar. O encontro coa escritora terá lugar no mesmo espazo ás 21 horas.

Ourense: Jorge Emilio Bóveda presenta libro

O escritor ourensán e membro da AELG Jorge Emilio Bóveda tira adiante o libro SERES ESTARES PARECERES. VOCES COPULATIVAS, coa editora Liberlibro. Unha escolma de artigos publicados nos xornais mundourense.com e Ourense por Barrios, entre os anos 2007 e 2009. O libro, prologado por Javier González Róiz e José Antonio Santos, será presentado en Ourense o vindeiro 10 de marzo do 2010 no Centro Cívico da Rúa Colón de Ourense.

A Coruña: presentación do poemario Deconstruçom

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que hoxe venres 26 de febreiro terá lugar a presentación do poemario Deconstruçom de Susana Sánchez Aríns. Nesta presentación participará ademais da propria autora, o editor Miguel Anxo Fernán-Vello e Roberto Catoira. Será ás 20:00 h. no salón de actos da asociación, con entrada libre. Deconstruçom, editado por Espiral Maior, foi premiado co XXI premio nacional de poesia Xosé María Pérez Paralle.

Maside: Cesáreo Sánchez presenta o seu último libro

Mañá venres día 26 de febreiro, ás 15,30 horas, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, vai presentar no C.P.I. de Maside (Ourense) o seu último libro O paraíso das sombras, nun encontro cos alumnos e alumnas do centro de ensinanza de secundaria. O autor aproveitará o acto para facer unha doazón de parte da súa biblioteca persoal á biblioteca do centro.