A Plataforma ProLingua anunciou hoxe a listaxe provisional de localidades nas que se presentará o próximo venres 5 de febreiro o libro 55 mentiras sobre a lingua galega. Son máis de sesenta as vilas e cidades de todo o mundo que acollerán o acto, un fito histórico para o sistema literario galego: A Coruña, A Estrada, Allariz, Baiona, Barcelona, Bethelem, Bos Aires, Bruxelas, Cacheiras, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Carballo, Carnota, Celanova, Cerceda, Chantada, Copenhague, Corcaigh/Cork, Cotobade, Cuntis, Ferrol, Gondomar, Guitiriz, Lalín, Lisboa, Londres, Lugo, Madison – Wisconsin, Madrid, Marín, Melide, Moaña, Monforte, Nablús, New York, Nigrán, O Barco, O Grove, Ourense, Padrón, París, Pobra de Trives, Ponferrada, Ponteareas, Pontevedra, Ribadavia, Ribadeo, Ribeira, Salceda de Caselas, San Martiño de Trebello (Val do Ellas), Santiago, Saraievo, Trintxerpe, Tübingen, Tui, Verín, Viana do Bolo, Vigo, Vilafranca do Bierzo, Vilagarcía, Vilalba e Vitoria/Gasteiz. Tedes máis información no blog de ProLingua.
Arquivo da categoría: Presentacións de libros
Gondomar: Agustín Fernández Paz presenta Valados
O vindeiro sábado, 30 de xaneiro de 2010, ás 12:00 horas, na Biblioteca Pública de Gondomar, o Club de lectura compartida Lendo Contigo celebrará o Día Escolar da Non Violencia e pola Paz con diferentes actividades que xirarán arredor do libro Valados, do escritor, premio nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, Agustín Fernández Paz.
Valados, publicado pola editorial Xerais en 2009, é un libro que nos fala de todos eses valados, visibles ou invisibles, que se erguen para separar e illar unhas persoas doutras. Segundo o propio Fernández Paz, con Valados quixo «narrar as consecuencias que pode ter nas vidas das persoas a existencia destes muros que afondan na desigualdade. Eu quería unha historia como un alegato contra todos os muros. Creei unha sociedade nunha vila, na que están primeiro os muros invisibles que propician a división. Estes, despois, acaban cristalizando nun muro de arame e de cemento. É un texto que ten a súa dureza, pero que está escrito coa delicadeza posible e que deixa un asomo esperanza.»
Vigo: presentación do poemario Incivil
O venres 29 de xaneiro ás 19:30 na Casa do Libro de Vigo (r/ Velázquez Moreno, 27) preséntase o poemario Incivil, de Xoán Carlos Domínguez Alberte. O acto contará coa participación do autor acompañado por Xesús Alonso Montero, autor do prólogo, e David González Couso, director de publicacións de Toxosoutos. A entrada é libre.
A Plataforma ProLingua presenta a súa primeira publicación en máis de cincuenta localidades de todo o mundo
A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua presentará o venres 5 de febreiro a súa primeira publicación titulada 55 mentiras sobre a lingua galega, coordinada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas.
Esta publicación pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.
Nos próximos días a Plataforma ProLingua dará a coñecer no seu blogue máis detalles da multipresentación que deste libro se fará simultaneamente en máis de medio cento de localidades espalladas polo noso país –todas as cidades e principais vilas-, polo Estado español –Ponferrada, Madrid, Barcelona, Vitoria/Gasteiz e Trintxerpe- e no estranxeiro –Tübingen, Buenos Aires, Lisboa, Tel Aviv, Nova York, Bethelem, Nablús, París, Saraievo, Londres, Bruxelas e Copenhague.
Rianxo: presentación de Sete palabras
O libro de Suso de Toro Sete palabras será presentado este venres 29 de xaneiro ás 20:30 no auditorio de Rianxo. No acto estarán presentes o autor; o secretario de Barbantia, Xosé Ricardo Losada; o académico, investigador e Premio Barbantia da Cultura Galega 2009, Xosé Luís Axeitos; o director de Xerais, Manuel Bragado; e mais o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro.
Teo: presentación dun libro de Humberto Busto
C3 Editores presenta este venres 29 de xaneiro o libro Achegas do alén Miño: Pascoaes, Coimbra e Machado na Galiza de Humberto Busto. No acto intervirán Anxo González Fernández –catedrático de Filosofía da USC e prologuista da obra–, Martiño Noriega –alcalde de Teo–, Antonio Puentes Chao –director editorial de 3C3– e o propio autor. Será a partir das 20:15 na Librería O trasno viaxeiro (Cacheiras, Teo).
Culleredo: presentación dun poemario de Xabier Correa Corredoira
O escritor Xabier Correa Corredoira presenta o seu libro de poemas Os días adiados na Biblioteca da Poesía “Uxío Novoneyra” de Vilamelania-Vilaboa o mércores 27 ás 20 horas, acompañado polo seu editor Miguel Anxo Fernán-Vello e a guitarra eléctrica de Pocho Taxes.
A Coruña: Lourenzo Fernández Prieto presenta o seu novo libro
O próximo mércores 20 de xaneiro ás oito do serán preséntase na sala de prensa da Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande, 21-24) o libro Facendo Historia con memoria de Lourenzo Fernández Prieto. No acto intervirán Ernesto Sánchez Pombo –xornalista–, Manolo Martínez Barreiro –analista político e autor do limiar–, X. Amancio Liñares Giraut –director editorial de 3C3– e o propio autor.
Culleredo: presentación dun libro de Luz Campello
O vindeiro mercores 20 de xaneiro ás 20 horas na biblioteca “Uxío Novoneyra”
de Vilamelania-Vilaboa preséntase o libro Do corazón da terra de Luz Campello, veciña de Culleredo. Estará acompañada do seu editor, Alfonso Blanco Torrado, e polo concelleiro de cultura de Culleredo, Celestino Poza.
Ferrol: presentación de libro na Galería Sargadelos
Mañá martes 19 ás 20.00 horas na Galería Sargadelos de Ferrol presentarase o libro da editorial Embora titulado A formación da axenda política galega de acuicultura mariña, de Manuel Guillermo Antón Villamil. Presenta o escritor e Pablo Villamar.