Xosé Vázquez Pintor lerá o pregón na Feira do Libro en Cangas o día 23 de xullo ás 20:00. A continuación, ás 21:00, terá lugar a presentación da súa novela Para dicir abril (Sotelo Blanco).
Arquivo da categoría: Presentacións de libros
A Coruña: preséntase A trenza, de Marcelino Fernández Mallo
A Editorial Ézaro estrea a súa colección de literatura galega coa presentación da novela A trenza (ver blogue), de Marcelino L. Fernández Mallo. Será este martes 15 ás 20.00 horas no Centro Fonseca da Coruña (Rúa Fonseca, 8). Intervirán no acto Yolanda Castaño (poetisa), Alejandro Dieguez (editor) e o autor.
Vigo: preséntase Estúrdiga materia, de Luis González Tosar
O mércores 16 de xullo, ás 20:00, terá lugar no Centro Social Caixanova de Vigo (R/ Policarpo Sanz, 24-26) a presentación do libro Estúrdiga materia, de Luis González Tosar. Participarán no acto Guillermo Brea (director da Obra Social), Víctor F. Freixanes (editor) Xosé Luis Méndez Ferrín (escritor e autor do limiar), Manuel Quintana Martelo (pintor e autor das ilustracións), así como o autor do poemario.
Perigosamente normais, de Anxos Sumai, será presentada en Cuntis
A obra Perigosamente normais, de Anxos Sumai (VIII Premio Roberto Blanco Torres de Xornalismo Literario e de Opinión), será presentada o sábado 28 ás 21:00 no Centro Patelas de Cuntis. Conduce o acto Ana Romaní, directora do Diario Cultural da Radio Galega.
Presentarase en Vigo a novela Os nomes do traidor, de Xurxo Sierra Veloso
A presentación da novela Os nomes do traidor, de Xurxo Sierra Veloso, terá lugar o venres 4 de xullo ás 20:00, na Feira do Libro de Vigo.
Preséntase na mesma cidade o libro Ferrol, de Miguel Fernández Fernández
O día 19 na Central Librera (Rúa Real), a partir das 18:00, Miguel Fernández Fernández asinará exemplares do seu libro Ferrol antes de presentalo na Fundación Caixa Galicia (20:00). No acto de presentación desta obra acompañarán a Miguel Fernández o coautor do libro, o escritor e xornalista Ramón Loureiro, ademais de Hermenegildo Franco Suances e Tucho Calvo.
Preséntase en Maceda o libro de Santiago Prol Benigno Álvarez, un comunista na Galiza dos anos 30
«O vindeiro venres, 13 de xuño de 2008 terá lugar a presentación do libro de Santiago Prol Benigno Álvarez, un comunista na Galiza dos anos 30, presentado conxuntamente polo concello de Maceda e Edicións A Nosa Terra.No acto intervirán Xabier Oviedo (Alcalde de Maceda), Afonso Eiré (Conselleiro Delegado de Promocións Culturais Galegas), Bieito Seara (Director Xeral de Acción Social da Vicepresidencia da Xunta), Francisco Carballo (historiador) e Santiago Prol (autor do libro).
A cita será ás 20:00 h. na Torre da Homenaxe do Castelo de Maceda. Tamén se inaugurará unha exposición baixo o título “Benigno Álvarez: A mirada de transparencias cordiais” que estará aberta o público dende ó 13 ao 20 de xuño de 2008 no Castelo de Maceda.»
Preséntanse en Compostela O tempo do revés e Boa sorte, de María Solar
O venres 13 de xuño ás 18:00, na Fundación Caixa Galicia de Santiago de Compostela (Rúa do Vilar, 19), terá lugar a presentación das obras O tempo do revés e Boa sorte (Baía Edicións), de María Solar, con ilustracións de Xosé Tomás e actividades de Arturo Iglesias e Xosé Tomás. No acto intervirán Jorge Mira, Santiago Pemán e Vítor Fábregas.
Presentación dos libros de X. Amancio Liñares Giraut en Santa Comba
O venres 30 de maio, ás 20:30 na Librería LER de Santa Comba, terá lugar a presentación dos libros de X. Amancio Liñares Giraut: Ramón Martínez López; Prensa e comarca. Medios de comunicación en Negreira. A Baña e Brión no século XX; Son para a «Unión Barcalesa de La Habana» (1907-2007); Ciudadanos españoles en el mundo. Situación actual y recorrido histórico.
No acto intervirán Xosé Deira Triñanes (alcalde de Boiro), Emilio Grandío Seoane (profesor de Hª Contemporánea na Universidade de Santiago), Xosé Manuel López Tuñas (presidente da Asociación «Alén Mar»), Ramón Villares Paz (presidente do Consello da Cultura Galega), Antonio Puentes Chao (director editorial de tresCtres), e o propio autor.
Preséntase en Boiro a novela de Xosé Carlos Caneiro A vida nova de Madame Bovary
A editorial Galaxia, a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia e o Proxecto Leñaverde, convídano/a á presentación da novela de Xosé Carlos Caneiro A vida nova de Madame Bovary, así como á saída do nº 35 do suplemento cultural “A voz de Barbantia”.
Acompañarán o autor do libro Xerardo Piñeiro (Concelleiro de Cultura), Carlos Lema (editor de Galaxia) e Antón Riveiro Coello, presidente de
Barbantia, que manterán unha conversa co escritor verinense. O acto terá lugar o vindeiro venres 30 de maio, na Estación Leñaverde (Centro Social) de Boiro, ás 20:30.