Lugo: presentación de Intensa e quente é a túa humidade azul, de Xulio Pardo de Neyra

O venres 27 de xuño, ás 21:00 horas, n’O Carneiro Alado (Rúa Salvador de Madariaga, 8) de Lugo, preséntase Intensa e quente é a túa humidade azul, de Xulio Pardo de Neyra, publicada por Positivas. No acto, xunto ao autor, participa Francisco Macías.

Inma López Silva: “Hoxe en día queremos ‘crer’ no que lemos aínda que saibamos que é ficción”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Inma López Silva en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): En Maternosofía converte en libro a súa experiencia como embarazada. Como nace o proxecto. Foi paralelo á gravidez, tiña idea de facer un diario antes…?
– Inma López Silva (ILS): Nace no mesmo momento no que comezo a escribir, tal e como se conta no primeiro capítulo, cando xa sei que estou embarazada e asisto a un acto do meu partido político. E así continúa até o momento do parto. Evidentemente, hai unha revisión posterior, cando xa a editorial decidira a publicación do libro, mais foi só unha relectura esencialmente formal e unificadora. Coido que Maternosofía é o produto da miña pulsión literaria a modo de necesidade. Dun xeito ou doutro, creo que todas as escritoras e escritores posuímos ese impulso por indagar nas emocións, por compartilas cos lectores, por contar, por levantar acta literariamente daquilo que nos poboa o maxín. Neste caso, trátase dunha experiencia persoal aínda que quizais nos deberiamos preguntar se iso non ocorre en todos os libros, que nacen dun punto de vista propio.
– B: O libro acaba por ser unha crónica íntima, con moita información non só da súa propia evolución senón tamén sobre a familia. Como se xestiona o pudor nestes casos? Como reaccionaron os personaxes “secundarios” cando se viron no libro?
– ILS: Se digo a verdade, só pensei na posible reacción desas persoas convertidas en personaxe no momento no que tiven o libro fisicamente nas miñas mans. Ademais, non pensei directamente nos familiares senón na propia Sofía, a miña filla. Que pensará cando o lea? Como será saberse o produto literario das emocións da súa nai? Supoño que, como todas as mozas, hame castigar con iso nalgún momento como podería castigarme por outra cousa, pero confío en que nalgún momento saiba entender o que hai de legado ideolóxico para ela, e só para ela, neste libro. Os demais, obnubilados como están coa experiencia de ser pai, avós, avoas, tíos, tías e amigos… creo que relativizaron o exhibicionismo en virtude da fermosura da experiencia. Con todo, si hai unha xestión do pudor, un control, por así dicilo, que aparece por si só como forma de autocontrol no momento no que unha sabe que non escribe para si, e eu iso sóubeno desde o primeiro momento. Aínda que tamén é verdade que fun consciente desde moi cedo de que o interese que podería ter este libro era xustamente esa parte exhibicionista na que se fala de cousas das que non sempre se fala, e menos nun libro “literario”. (…)
– B: Nas súas novelas as personaxes históricas teñen gran relevancia, en especial as femininas.
– ILS: O punto de vista das mulleres é unha desas parcelas da historia ausentes do relato oficial. A literatura achega puntos de vista enriquecedores sobre feitos nos que a historia pula: as emocións, as relacións entre as persoas, os desexos, os impulsos e todas esas cousas que xamais sairán nos libros de historia pero que todos sabemos que moven as decisións históricas ou, simplemente, as vidas das persoas que aparecen na historia. As novelas si poden entrar niso, e mesmo deben! Iso é para min o fascinante de partir da historia para escribir novelas e, en definitiva, o que permite que nos definamos na actualidade desde a historia e que poidamos enxuiciar o pasado e, sobre todo, determinadas visións canónicas sobre o pasado que condicionan dun xeito terrible o noso presente. (…)”

Ourense: presentación de Chovida do ceo, de Alfredo Conde

O luns 30 de xuño, ás 20:15 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Rúa do Progreso, 30) de Ourense, o Foro La Región e Edicións Xerais organizan a presentación de Chovida do ceo, de Alfredo Conde. No acto, xunto ao autor, participan Gonzalo Iglesias Sueiro e Manuel Bragado.

Ordes: recital poético dentro da Festa da República Galega

O Carballiño: presentación de O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández

O xoves 26 de xuño, ás 20:00 horas, no Casino de Carballiño, preséntase O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández, publicado por Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Manuel Rodríguez e Fernando Fernández.

Arteixo: presentación de Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias

O venres 27 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3, baixo) de Arteixo, preséntase o poemario Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, publicado pola A. C. Caldeirón. No acto intervirán, ademais do autor, Xurxo Souto, Serafín Mourelle, Luís Dopico, o ilustrador do libro, Roberto Castro e Paco Souto. (A foto do autor é de François Davo).