Betanzos: presentación de No balouçar do vento, de Antom Laia

O xoves 22 de agosto, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, preséntase o poemario No balouçar do vento, de Antom Laia. No acto o autor estará acompañado por Xurxo Souto e a violonchelista Mabel Carro.
O venres 23, ás 20:00 horas, a obra presentada será Ardalén, de Miguelanxo Prado, publicado por El Patito Editorial.

Foz: actos destacados da fin de semana na Feira do Libro

O sábado 17 de agosto inaugúrase a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde de Fontao, con horario de 17:30 a 22:00 horas). Dentro dos actos literarios previstos para o sábado 17 e domingo 18 destacamos os seguintes:

Sábado 17
20:00 h. Pregón a cargo de Manuel Lourenzo.
21:00 h. Presentación de Bágoa de Lúa, de Sabela González, publicado en Galaxia, coa presenza da autora, acompañada por Bernardo Penabade.

Domingo 18
20:30 h. Recital poético.

Cee: actividades destacadas do sábado 17 e domingo 18 na Feira do Libro

Chega á súa fin a Feira do Libro de Cee, que se celebra na Praza da Constitución (con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas). Destacamos destes derradeiros días as seguintes actividades literarias:

Sábado 17
12:30 h. Diante do Museo Fernando Blanco, presentación da obra A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, editada por Xerais, que estará acompañado por Víctor Manuel Castiñeira Castro.

Domingo 18
12:30 h. Na Praza da Constitución, Un anaquiño de contos con Beatriz Maceda: Man. O alemán de Camelle, e obradoiro de materiais creativos.

Viveiro: actos do xoves 15 na Feira do Libro do 2013

O xoves 15 de agosto continúa a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, con horario de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas). Dentro dos actos para ese día, destacan a asinatura de libros, a partir das 19:00 horas, de Olalla Cociña, e a presentación, a partir das 20:30 horas, de Bágoa de Lúa, de Sabela González, publicado en Galaxia, coa presenza da autora, acompañada por Bernardo Penabade. Finaliza a xornada coa presentación de Podería falar de nubes, de Francisco Castiñeira, publicado por Redelibros.
Previamente, o mércores 14, ás 19:30 horas, preséntase o libro-DVD Morreu o demo, acabouse a peseta, publicado por Urco Editora, coa participación de Comba Campoy e Anxo García.

Betanzos: apertura da Libraría Biblos

O xoves 15 de agosto abre as súas portas a Libraría Biblos en Betanzos (Rúa Santiago, 4), con este programa de actividades:
De 11:30 a 13:00 h. Os ilustradores Xosé Tomás, Xoti de Luís, Suso Cubeiro, Xoán G. e Manel Cráneo asinarán as súas obras. Haberá globos para todos os nenos. Cinco grandes ilustradores galegos dedicarán os seus libros infantís e de adultos na libraría e na praza de Lanzós.
13:00 h. Presentación Café con Biblos e a obra En Betanzos, de Alfredo Erias, guía escrita e ilustrada para botar unha ollada á cidade e os seus barrios.
18:00, 20:00 e 20:30 h. Tapa dura, de Antón Coucheiro. Tres funcións de microteatro: entrada, 3 euros.

Viveiro: o martes 13 inaugúrase a Feira do Libro do 2013

O martes 13 de agosto inaugúrase a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, con horario de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas). Dentro dos actos literarios destacados para ese día, destaca a presentación, a partir das 21:00 horas, do poemario de Xaime Oroza, Dende mañá, con ilustracións de Otero Regal, libro editado por Regal Xunqueira.

Cee: actividades destacadas do mércores 14 na Feira do Libro

Dentro dos actos da Feira do Libro de Cee, que se celebra na Praza da Constitución (con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas), destacamos as seguintes actividades para o mércores 14:

11:30 h. Na Praza da Constitución, Un anaquiño de contos con Rocío Leira, autora da obra Universo Pitágoras, editada por Biblos, que realizará un obradoiro matemático para nenos.
12:30 h. Diante do Museo Fernando Blanco, presentación da obra Contos de soños e sombras, de César Ariza Piñeiro, editada por Urco Editora, que estará acompañado por David Cortizo.

Manuel Portas na Feira do Libro da Coruña

Desde o blog de Manuel Bragado, Brétemas:
“(…) Acompañamos a Manuel Portas na presentación de Faneca Brava, a súa novela máis recente. Iniciou o seu discurso Portas expresando «o papel complicado do autor nos actos de presentación xa que todo o que un pode dicir pode ir na súa contra; a fin de contas o que un quixo facer xa o fixo ao escribir o texto; hai, pois, un perigo de transgredir a proposición inicial que un fixo na súa cabeza.» «Ademais, o ideal sería valorar o texto só, superando os preconceptos sobre o autor, que arrastra das súas obras anteriores.»
Confesou Portas que considera Faneca Brava unha novela diferentes ás anteriores. «A diferenza de Denso recendo a salgado ou Un dedo manchado de tinta, que tiñan un protagonismo colectivo, onde non existían protagonismos destacados, un froito literario do realismo colectivo de despois dos anos cincuenta e sesenta, aquí a atención concéntrase no protagonismo da prima Concha.» «Concha é o foco de atención polo seu carácter rebelde e polo seu comportamento a contracorrente. Concha representa a represión sobre as mulleres do seu tempo. Ela é capaz de rebelarse contra todas aquelas pexas para afirmar a súa personalidade.» No obstante, Portas recoñeceu que na novela tamén ten o seu protagonismo todo o entorno familiar de Concha, «moi preocupado “polo que dirán” na súa sociedade rural e mariñeira; un comportamento hipócrita que oculta os abusos sexuais padecidos por esta rapaza.» Para Portas o esencial da novela «é que constitúe unha reflexión sobre como muda a percepción dunha muller, estereotipada como “ovella negra”, para o que foi necesario introducir na segunda parte a mudanza do punto de vista, por medio dun segundo narrador omnisciente.» Para o autor «a novela é en certa medida triste, a pesar de que Concha é unha loitadora, mesmo que acaba triunfando, que consigue finalmente algo que ten importancia nunha vida frustrada. Porén, o seu amor vaise deformando, é un amor insatisfeito, xa que se acostumou a vivir cos pés envoltos.»
Rematou a súa intervención salientando Portas a necesidade da polifonía artística da narrativa galega actual. «Aeste teor en Faneca Brava hai dous aspectos a salientar. Primeiro, a presenza da música. Aquí hai cancións de Fausto, Amancio Prada, Carlos Gardel e Vinicius de Morais. Segundo, as referencias  a algúns poemas de Rosalía de Castro.» «Creo que o futuro da literatura está en confabularse con outras expresións artísticas do noso tempo, a música, o cómic e o cinema. Os produtos culturais actuais deben ser redondos. Ademais, existen precedentes. Eis a nosa literatura que naceu da man da música. Non o esquezamos, a música, a danza e a literatura ía da man na nosa cultura medieval.»”

Cee: actividades destacadas do martes 13 na Feira do Libro

Dentro dos actos da Feira do Libro de Cee, que se celebra na Praza da Constitución (con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas), destacamos as seguintes actividades para o martes 13:

19:30 h. Diante do Museo Fernando Blanco, presentación da obra Viaxe ao interior da fenda, de Serxio Iglesias, editado por Sotelo Blanco. O autor estará acompañado por Marcos Giralt Torrente.
20:15 h., no mesmo lugar, presentación da obra Fadita fosca, de Miguel Vázquez Freire editado por Baía Edicións, coa presenza, xunto ao autor, de Xosé Tomás e Belén López Vázquez.
22:30 h. Noite de terraza literaria na rúa da Pena (zona bares Marigel e Recunquiño): recital a cargo de varios poetas e presentación da obra Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega, editado por Toxosoutos, coa presenza de Xilberto Caamaño e Miro Villar, coordinador da obra.