Vigo: presentación de A punta de pistola, de Fran Alonso

O xoves 28 de febreiro, ás 10:30 horas, no IES de Teis (Vigo), preséntase A punta de pistola, de Fran Alonso, publicada en Xerais. Na presentación, que está dirixida aos alumnos e alumnas da ESO do devandito centro e busca unha interlocución directa entre o escritor, a súa novela e os lectores e lectoras xuvenís, participan o director do centro, Fernando Carrasco, o editor Manuel Bragado, e o propio autor, cun grupo de 15 estudantes coordinados pola profesora Encarna Osorio (responsable do proxecto lector do centro) que entrevistará ao autor mantendo un coloquio áxil entre o escritor e os lectores e lectoras.

Pontevedra: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O xoves 28 de febreiro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás de Pontevedra (Rúa Don Filiberto, 9-11, a carón do Teatro Principal), preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto, onde participan, xunto ao autor, Ramón Caride, Antón Sobral e Manuel Bragado, haberá tamén unha intervención musical a cargo de Abdoulaye Bilal Traoré. Organizan a editora e o Ateneo de Pontevedra.

A Pobra de Trives: V Congreso Manuel Luís Acuña. Nos tempos en que Acuña era bacharel, os 1 e 2 de marzo

O venres 1 e sábado 2 de marzo celébrase na Casa da Cultura da Pobra de Trives o V Congreso Manuel Luís Acuña, baixo o lema Nos tempos en que Acuña era bacharel, organizado polo Concello da Pobra de Trives, a Universidade de Vigo, a Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense e Nova Escola Galega, baixo a coordinación de Xoán Carlos Domínguez Alberte.
A inscrición pode realizarse aquí.

PROGRAMA

Venres, 1 de marzo
16:45-17:00 h. Reparto de material. Presentación da exposición de libros.
17:00-17:15 h. Inauguración oficial.
17:15 h.
* Narciso de Gabriel: Historia dos diferentes modelos educativos do ensino en Galiza.
* Xoán Carlos Domínguez Alberte: Terra de Trives, 37 – Valentín Paz‑Andrade, 39: coordenadas do nacemento dun poeta.
* Francisco García Sánchez: Anos dez en Trives. Música d’Os Trintas.
* Rosa Cid Galante: Breve revisión á situación educativa do primeiro terzo de século XX no partido xudicial da Pobra de Trives e as primeiras mulleres que acceden aos estudos superiores.
* José Luis Fernández Díaz: A música e o ensino da música en tempos de Manuel Luís Acuña.
* José Fernández Fernández: Solpor escolar na terra do ilustre mestre Manuel Luís Acuña: situación escolar actual na Pobra de Trives, introducindo elementos evolutivos de reflexión dende o pasado; relatorio da experiencia da escola de Trives.
* Gregorio Ferreiro Fente: A obra poética en galego de Valentín Paz-Andrade.
* Mercedes Queixas Zas: O feito lingüístico diferencial. Apuntamentos ao redor da galeguización do ensino galego na Revista Nós.
* José Manuel Vázquez López: “La Gota de leche” en Lugo e o papel da muller.
* Marília Julieta Rodrigues Gomes Ruivo: O professorado em tempos de Salazar.
* Carlos Callón: Continuidade e innovación na concepción lingüística de Valentín Paz-Andrade.
* Delfín Caseiro Nogueiras: O papel dos inspectores na conformación da norma culta do galego.
20:30 h. Concerto de música blues e rock do grupo Triblues (Praza do Reloxo).
21:30 h. Representación d’A natureza no reino da escuridade (inspirada nos tempos en que Manuel Luís Acuña era estudante en Trives), de Xoán Carlos Domínguez Alberte. Grupo de teatro A Illa, do IES da Pobra de Trives.

Sábado, 2 de marzo
10:00 h. Xosé Manuel Cid Fernández: Os mortos do 36. 75 cabo de ano do asasinato de Antonio Caneda, mestre de San Xoán de Río.
10:30 h. Ramón Nicolás Rodríguez: Manuel Luís Acuña. Poeta de culto, figura popular.
11:00 h. Ana Cebreiros Iglesias: A incorporación da muller ao ensino secundario e superior.
11:30 h. Debate.
12:30 h. A Voz da experiencia: ex-alumnos de Acuña na Academia Bóveda e ex-alumnos de Bacharelato de Trives (anos do franquismo).
16:00 h. Documental As Silenciadas (de Pablo Ces), baseado na experiencia das mulleres na guerrilla antifranquista.
17:15-18:00 h. Aurora Marco López: As mulleres na guerrilla antifranquista.
18:15-19:15 h. Xesús Alonso Montero: Lingua e Literatura galegas entre dous séculos.
20:00 h. Clausura e concerto de voz-percusión a cargo de Xiana Lastra e Juan Collazo.

Ferrol: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O martes 26 de febreiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina Rúa María), preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Nicolás Vidal, Bernardo Máiz e Manuel Bragado.

Allariz, Silleda, Ponteareas e Mondariz-Balneario: homenaxes a Rosalía de Castro

O domingo 24, en Aira das Letras (Rúa Emilia Pardo Bazán, 5), catro poetas (Concha Rousia, Iolanda Aldrei, Luz Fandiño e Artur Alonso) recitarán versos na honra de Rosalía acompañados polo trío de música medieval “Ars Anterga”. A lectura de poemas está aberta a quen queira participar.
Por outra banda, todas as persoas que merquen un libro en galego o 23 e 24 levarán de agasallo unha flor.

O Concello de Silleda, nun acto previsto para ás 16:30 horas, descubrirá un mural na rúa Santa Olaia para despois continuar coa lectura de poemas de Cantares Gallegos coa colaboración de Queremos Galego Deza. Están convocadas as asociacións culturais e locais, así como a comunidade educativa. Nos próximos días repartiranse poemas da escritora pola vila.

O mesmo domingo 24, ás 12:30 horas, na Rúa Rosalía de Castro de Ponteareas, a Asociación de Mulleres Floralba efectuará unha ofrenda floral a Rosalía, acompañando a lectura pública das súas obras. Ás 18:30 horas, realizarán a mesma acción na Praza da Auga de Mondariz-Balneario.

Sarria: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O venres 22 de febreiro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Sarria (Rúa Marqués de Ugena, s/n), preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, María Casar, presidenta da A. C. Ergueitos. Intervirán os músicos Miguel Pita Rodríguez, piano; Olg Dzevelo, clarinete; Vadim Yukhnevich, acordeón e Hugo Rodríguez Rey, violín, profesores do Conservatorio Cantiga de Sarria.

Vigo: tertulia-presentación de O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas

O venres 22 de febreiro, ás 20:00 horas, na Asociación de Veciños de Bouzas (Rúa do Pazo) en Vigo, terá lugar unha tertulia-presentación arredor da novela O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, publicada por Xerais. No acto, a artista plástica e escritora Paula Mariño e a autora do libro falarán sobre diferentes aspectos do texto e da creación literaria.

Cacheiras, Teo: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O venres 22 de febreiro, ás 20:30 horas, na Mediateca do Grilo (Travesía de Cacheiras, 18), en Cacheiras-Teo, a Concellaría de Cultura de Teo e Edicións Xerais convidan ao público interesado á presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez. No acto, xunto ao autor, participan Francisco Fernández Rei e Manuel Bragado.

Vigo: presentación de Un home do pobo e Elias Portolu

O xoves 21 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntanse as novelas Un home do pobo, de Chinua Achebe, e Elias Portolu, publicadas por Hugin e Munin. No acto participan Alejandro Tobar, Begoña R. Outeiro e Isabel Soto.