Lugo: presentación da obra poética completa de Xosé Lois García

O venres 14 de outubro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntanse Por ninguén aloumiñada e No sangue dos bardos, os dous tomos que conforman a obra poética completa de Xosé Lois García, publicados en Toxosoutos. No acto, acompañando ao autor, participa Camilo Gómez Torres.

Santiago: presentación de Un mundo de mulleres, de Carmen Blanco

O xoves 13 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro da profesora e escritora Carmen Blanco Un mundo de mulleres, publicado en Biblos Clube de Lectores. No acto intervirán, coa autora, María Xosé Agra e Tucho Calvo.

A Coruña: presentación do libro-disco Haberá primavera, de César Morán, no programa de radio Recendo

O martes 11 de outubro, entre as 19:00 e as 20:00 horas, dentro do programa de radio Recendo, que a A. C. Alexandre Bóveda organiza dentro da emisora CUAC FM, César Morán presentará o seu libro-disco Haberá primavera, en homenaxe a Álvaro Cunqueiro, publicado en Galaxia en breve. Esta emisora pode escoitarse na comarca da Coruña no 103.4 FM.

Cultura levará a Fráncfort edicións en inglés de Pereiro e Cunqueiro

“O mércores comeza a Feira do Libro de Fráncfort e Galicia estará presente a través do traballo de 19 das súas editoras. Ademais, a Xunta presentará a súa colección Galician Classics, e dará a coñecer dúas novidades recentes, como son as traducións ao inglés da poesía de Lois Pereiro, homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas, e de Xente de aquí e de acolá, de Álvaro Cunqueiro, baixo o título de Folks from Here and There. O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, presentará estas dúas novidades o vindeiro venres.” Vía La Voz de Galicia.
A relación de editoriais que forman parte do expositor institucional son: Edicións Tambre, Edicións Xerais de Galicia, Biblos, Ir Indo Edicións, Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións, Editorial Galaxia, Hércules de Ediciones, Editorial Everest, Espiral Maior, Editorial Toxosoutos, Baía Edicións, Ideaspropias Editorial, OQO Editora, Ediciones Linteo, Edicións Embora, Andavira Editora, Rinoceronte Editora e Alvarellos Editora. (Vía Galaxia).

Santiago: presentación da obra poética completa de Xosé Lois García

O martes 11 de outubro, ás 19:45 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntanse Por ninguén aloumiñada e No sangue dos bardos, os dous tomos que conforman a obra poética completa de Xosé Lois García, publicados en Toxosoutos. No acto, acompañando ao autor, participan Héitor Picallo, Uxío Novoneyra Rei e David González Couso.

Muxía: presentación de O noso amor será eterno, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón

O sábado 8 de outubro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do Voluntariado de Muxía, preséntase a novela O noso amor será eterno, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Félix Porto, Viki Rivadulla, Miro Villar e Manuel Bragado. O acto está organizado pola editorial e a Fundación Gonzalo López Abente.

Ponteceso: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O venres 7 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría A Tenda dos Libros (Avenida de Anllóns, 2, baixo) na Trabe (Ponteceso), preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participan, co autor, Silvana Castro e Pepe Alborés.

Marín: presentación de Loita e clases e represión franquista no mar, de Dionísio Pereira

O venres 7 de outubro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Marín (Rúa Ourense, 8), preséntase o libro Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), Dionísio Pereira, publicado en Xerais. No acto participan, co autor, Carlos Velasco e Xosé Manuel García Crego.

Santiago: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O mércores 5 de outubro, ás 20:30 horas, no Restaurante O Dezaseis (Rúa de San Pedro, 16) de Santiago de Compostela, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, participan, co autor, Francisco Rodríguez, Ramón Mariño Paz, Noelia Fernández Sánchez e Manuel Bragado.