Santiago: presentación de TAZ (Zona Temporalmente Autónoma), de Hakim Bey e Chamamento

O xoves 16 de xuño, ás 19:30 horas, na Gentalha do Pichel (Rúa Santa Clara, 21) de Santiago de Compostela, preséntanse dous ensaios: TAZ (Zona Temporalmente Autónoma), de Hakim Bey e o anónimo Chamamento, os dous publicados en Axóuxere Editora. No acto intervirán Manu Cebral, Manuel del Río, Rafa Xaneiro e Roberto Abuín.

Barcelona: presentación de Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón

O mércores 15 de xuño, ás 19:30 horas, na Galería Sargadelos (Carrer Provença, 276) de Barcelona, preséntase o libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón, Premio Vicente Risco de Ensaio 2011, e publicado en Sotelo Blanco. No acto participan, acompañando ao autor, Olegario Sotelo Blanco e Helena González.

Pontevedra: presentación de A novísima dereita e nós, de Manuel M. Barreiro

O mércores 15 de xuño, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Oliva, 24) de Pontevedra, preséntase o ensaio A novísima dereita e nós. O bienio gris toupa, de Manuel M. Barreiro, publicado en 2.0 Editora. No acto, organizado pola editora e o Ateneo de Pontevedra, acompañan ao autor Xoán Hermida e Antón Baamonde.

Santiago: presentación de Cociñando ao pé da letra

O martes 14 de xuño, ás 20:00 horas, no Casino de Santiago, preséntase o libro Cociñando ao pé da letra, publicado en Galaxia. No acto participan as autoras, Yolanda Castaño e Andrea Costas, o editor, Francisco Castro, e dous dos escritores que participan no libro, Anxos Sumai e Xabier P. DoCampo.

Lugo: presentación de as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó

O martes 14 de xuño, ás 19:30 h., na Librería Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase o libro de poesía as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó, publicado en Edicións Morgante. A presentación incorpora un recital audiovisual dunha duración aproximada de vinte minutos. Os convidados son: Tareixa Campo e Antón Sampaio, do grupo Achádego Teatro.

Vigo: presentación de Un soño na bandexa, de Mariné Lorenzo

O sábado 11 de xuño, ás 11:00 horas, no local da Asociación de Persoas Xordas de Vigo (Rúa Romil 24), preséntase o libro Un soño na bandexa, de Mariné Lorenzo, publicado en Galaxia. O acto contará coa asistencia da autora e a representación dunha obra para nenos baseada no conto, ademais de xogos e outras actividades.

Ponteceso: Encontro fotográfico-literario na busca das fotos con cheiro

O sábado 18 de xuño en Ponteceso terá lugar un Encontro Fotográfico-Literario de miradas poéticas sobre o espazo (des)habitado coa consciencia de que detrás de ningures sempre hai algo que permanece. Entrar nese mundo baleiro é habitar Areaquente, o lugar das sombras ás que lles cazar a súa luz, o seu “cheiro” da man da escritora An Alfaya e da fotógrafa Olga Seoane Paulus. O programa é o seguinte:
– 10:00 a 10:15 h. Chegada a Ponteceso, recepción na Fundación Eduardo Pondal, (O Couto, 15110, teléfono 981-714000).
– 10:15 a 10:30 h. Visita á exposición Fundación Eduardo Pondal.
– 10:30 a 11:30 h. Presentación da novela Areaquente, publicado en Sotelo Blanco. Intervirán a autora, An Alfaya e Ánxela Gracián, directora da colección.
– 11:30 a 13:30 h. Primeira parte do Obradoiro fotográfico a cargo da fotógrafa Olga Seoane Paulus. Lugar: Fundación Eduardo Pondal. (O curso contará cunha explicación teórica dos principais elementos que interveñen nunha fotografía (tempo de obturación, profundidade de campo, luz…) e cunha explicación de como conseguir selo de autor ou mirada de artista, isto é, fotos con cheiro).
– 13:30 a 14:00 h. Chegada á Praia de Balarés, onde terá lugar o xantar (optativo): prezo 25 euros, previa reserva.
– 16:00 a 19:00 h. Fotografar o espazo. (Segunda parte do Obradoiro fotográfico a cargo da fotógrafa Olga Seoane Paulus. O curso contará cunha explicación práctica do encadre, texturas, espazos, luz… nos escenarios das aldeas do Roncudo e Candelago para fotografar a memoria, as casas baleiras, as portas vencidas e, tras delas, a vida doente das sombras, os amores furtivos e os pasos perdidos, nostalxias que atraparemos na lente da nosa cámara con ese instinto de cazador de fotos con cheiro. Importante levar calzado cómodo, cámara de fotos dixital ou analóxica e actualizada a lectura da novela Areaquente de An Alfaya).

O prezo é de 50 euros (incluindo xantar e obradoiro fotográfico) e 25 euros (incluindo só o obradoiro fotográfico). Comunicarase a inscrición a Sotelo Blanco Edicións no mail soteloblanco@soteloblancoedicions.com ou en horario de mañá no teléfono: 981-582571 indicando nome completo, correo electrónico e un número de teléfono de contacto e realizarase o ingreso na conta 2080 0155 13 0040015861 (Novacaixagalicia), indicando o nome completo e a actividade (xantar e obradorio fotográfico, ou obradoiro fotográfico). O prazo de inscrición remata o mércores 15 de xuño. Prégase levar o xustificante o día do Encontro Fotográfico-Literario Na busca das fotos con cheiro.
Hai un total de 50 prazas, até esgotar o número de prazas por orde rigorosa de inscrición e pagamento.
Organizan: Sotelo Blanco Edicións en colaboración da Fundación Eduardo Pondal e co asesoramento da sección de Turismo do Concello de Ponteceso.

A Coruña: presentación de Lidia Senra. Historia dun liderado entrañable, de Tareixa Ledo Regal

O venres 10 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panadeiras, 12) da Coruña, preséntase o libro Lidia Senra. Historia dun liderado entrañable, de Tareixa Ledo Regal, publicado en Laiovento. Participarán no acto, acompañando á autora, a propia Lidia Senra e Carme Freire.

Trintxerpe, Pasaia: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O mércores 8 de xuño, ás 20:30 h., na Tenencia de Alcaldía de Trintxerpe (Euskadi Etorbieda, s/n., Pasaia), preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. Participarán Filipe Domínguez, presidente do Fato Daniel Castelao e o propio autor.