Vigo: actos destacados do sábado 29 e domingo 30 na Feira do Libro

O sábado 29 e domingo 30 de xuño prosegue a súa andadura a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 29
18:00 h. Contacontos: O Cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz, actividade organizada por Nova Galicia Edicións.
19:00 h. Alfonso Eiré presenta o seu libro Infiltrados, publicado por Biblos Clube de Lectores.
19:30 h. O escritor Miguel Ángel Alonso asinará na caseta de Andel do Libro Galego e Portugués.
19:30 h. O escritor Pedro Feijóo, asinará exemplares do seu libro Os fillos do mar, publicado por Edicións Xerais de Galicia.
20:00 h. Presentación do libro A cociña dos Cunqueiro, con prólogo de César Cunqueiro e receitas da dona do escritor, Elvira González-Seco Seoane, editado por Galaxia. Participan no acto Carmen Freire, Miguel Vila, César Cunqueiro e Víctor Freixanes.

Domingo 30
19:30 h. O escritor Moncho Iglesias presenta o seu libro Pedras de plastilina, publicado pola editorial Toxosoutos.
20:00 h. Presentación do poemario Viaxe sen cancelas, de Xesús Bermúdez Tellado, publicado pola editorial Redelibros.
21:15 h. Presentación do libro Nada se esquece, de Puri Ameixide, publicado pola editorial Redelibros
– A partires das 19:00 horas, os autores asinarán exemplares dos seus libros na caseta da Libraría Cartabón.

Armando Requeixo: As palabras e as xentes de Victoriano Taibo

Artigo de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Na tarde do martes 25 de xuño, nos locais que o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) ten en Gondomar, tivo lugar a presentación do volume facsimilar Lembranza da tecedeira, un poema autógrafo e inédito de Victoriano Taibo escrito en 1947 e que foi recuperado para esta edición dende o orixinal que conservaba a familia de Juan Novás Guillán, no seu día inspector de Educación e grande amigo do poeta.
O volume acompáñase de moi valiosos prólogos e estudos introdutorios de Antonio Valverde, Marta Dacosta e Miguel Anxo Mouriño e complétase cun cd no que o longo poema é recitado pola poderosa voz de Anxo Angueira sobre unha fermosa base musical ideada por Antón Seoane.
A poética de Taibo fica así incrementada con este achado, que trae ao seu corpus coñecido ata o de agora unha nova alfaia, confirmándoo como unha das voces senlleiras do Tempo das Irmandades e, por extensión, de toda a nosa lírica do pasado século. (…)”.

Vigo: comeza a Feira do Libro 2013

O venres 28 de xuño bota a andar a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), cos seguintes actos literarios destacados neste día:

Venres 28
18:00 h. O escritor Xurxo Mariño asinará na caseta de Martin Códax Libraría Universitaria.
19:00 h. Inauguración. Pregón a cargo de Manuel F. Vieites, director da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
20:30 h. Escribir en galego para que nos lean en todo o mundo. Coloquio cos escritores Francisco Castro, Xabier López López e Álex Oviedo, escritor e editor de Libros de Pizarra). Presenta o acto Ramón Nicolás.

Arteixo: lanzamento da Obra Seleta de Johán Vicente Viqueira

A sexta-feira 28 de xuño, ás 20:30 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3) de Arteixo, terá lugar o lanzamento da Obra Seleta de Johán Vicente Viqueira, publicada pola Academia Galega da Língua Portuguesa. No acto participan António Gil Hernández, César Morán, José António Lozano e Maria Castelo.

Cambados: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O xoves 27 de xuño, ás 20:30 horas, nas instalacións de Exposalnés de Cambados (Praza da Calzada), preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, coorganizado coa Libraría Ramón Cabanillas, participa, xunto ao autor, Francisco Fernández Rei.

Ourense: presentación de As vidas de Nito, de Xabier Paz

O xoves 27 de xuño, ás 20:00 horas, na Livraria Torga (Rúa da Paz, 12) de Ourense, preséntase As vidas de Nito, de Xabier Paz, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Mercedes Suárez e Manuel Bragado.