A Coruña: Gala Verbas pola Igualdade

O xoves 17 de marzo, ás 20:30 h., no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos) da Coruña, con motivo do Día Internacional das Mulleres terá lugar a celebración da Gala Verbas pola Igualdade, organizada pola Comisión da Muller da A. C. Alexandre Bóveda. Na mesma participaran nun recitado poético Olga Patiño e Emma Pedreira, ademais da realización a cargo da actriz Lía Pichel do espectáculo Melmeniñas.

Vilaboa, Culleredo: Moita poesía pouca diversión, con Lucía Aldao e María Lado

O mércores 16 de marzo ás 19:30 h., na Biblioteca “Uxio Novoneyra” de Vila Melania (Vilaboa, Culleredo), terá lugar o espectáculo poético-musical Moita poesía pouca diversión, coa actuación conxunta de Lucía Aldao e María Lado, un recital de poesía ameno, dotado de ritmo e comunicación aberta co espectador, no que este adquire ademais un papel activo; un espectáculo con música en directo, xogos, historias que rodean os poemas, momentos de reflexión…, pero sobre hai comunicación poética directa.

Santiago: II Jornadas Galego-portuguesas de Ediçom Independente

Despois dunha semana de actividades no Porto, continúan na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela as II Jornadas Galego-portuguesas de Ediçom Independente organizadas por Estaleiro Editora, Corsárias, Gato Vadio, Casa Viva e Colectivo Hipátia. As mesas redondas vanse desenvolver de 14 a 17 de marzo, ás 19:00 h., e o venres 18 finalizarán cun recital poético-musical que se celebrará no Bar As Duas (Praza da Oliveira) ás 22:00 h. Aquí deixamos o programa: II Jornadas galego-portuguesas de ediçom independente 2011.

Vigo: nova edición do Círculo Poético Aberto

O sábado 12 de marzo, a partir das 21:00 h., no Café Uf “Negra Sombra” (rúa Pracer, 19) de Vigo, haberá un novo recital do Círculo Poético Aberto, promovido polo Grupo de Acción Poética Penúltimo Acto. A convocatoria está aberta a todo o público que queira participar. Para inscribirse pódense dirixir a este correo electrónico: penultimoacto@gmail.com.

A Coruña: recital de poesía e música con Roberto Reséndiz Carmona

O xoves zz410 de marzo, ás 20:15 h., na Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar o recital do poeta de Zamora de Michoacan (México) Roberto Reséndiz Carmona. No acto participan Eva Veiga, Francisco X. Fernández Naval, Olga Patiño e o propio autor mexicano, coa compaña dos músicos César Morán e Xosé Taboada.

A Coruña: presentación de Animal Abismo, de Diana Varela Puñal

O venres 4 de marzo, ás 20:00 h., en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo) da Coruña, preséntase o libro de poemas Animal Abismo, de Diana Varela Puñal, publicado en Espiral Maior. O acto, presentado por Dores Tembrás e Miguel Anxo Fernán Vello, consistirá nun espectáculo poético-musical a cargo do clarinetista Xocas Meijide, de Xulio López Valcárcel, dos propios presentadores e da autora.

A Coruña: VI Encontros Milpedras, recital simultáneo con poesía, música e fotografía

O venres 4 de marzo, a partir das 21:00 h., no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, 3, baixo) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, desenvólvese a VI edición de Encontros en Milpedras, unha proposta de unión en diálogo libre, ao vivo, de poesía, música e fotografía. Actuarán recitando poemas Lucía Aldao, Olalla Cociña e Rosa Enríquez, en paralelo ás intervencións musicais de Alberto Laso e a propia Lucía Aldao, e a proxección de fotográfica por parte de Xiana de la Peña.

Moaña: presentación de De Castro e recital poético rosaliano

O venres 4 de marzo, ás 21:00 h., na Biblioteca Pública de Quintela (Moaña), presentación do libro De Castro, de Alberte Momán e Alba Méndez, promovido por A Porta Verde do Sétimo Andar. Ademais, recital poético rosaliano no que participarán: Asun Estévez, Lucía Novas, Daniel Costas, Alfonso Láuzara, Miguel A. Alonso, Neves Soutelo, Manolo Pipas e Anxo Ratel, e representando á Asociación de Mulleres de Moaña: Ana Blanco, Dora, Concha Trigo e Elisa.

A Coruña: representación de A illa das mulleres loucas, de Alfonso Pexegueiro

O xoves 3 de marzo, ás 20:30 h., no Teatro Colón da Coruña, representarase a peza que a Compañía Inversa Teatro preparou a partir do libro A illa das mulleres loucas de Alfonso Pexegueiro. A obra é unha peza poética de gran plasticidade na que as fronteiras entre o pasado, o presente e o futuro se esvaen para desvelar un tempo suspendido onde unha muller libra a súa propia batalla por definir os límites entre cordura e loucura. Vanesa Sotelo dirixe esta montaxe, con escenografía de Inversa Teatro, deseño de son de Berrogüetto e música de Anxo Pintos (zanfona) e Quico Comesaña (harpa) e coreografía de Vanesa Sotelo e María Caparrini.

Vigo: recital de poesía e música Vigo en verso

O martes 1 de marzo, entre as 20:00 e as 21:30 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa) de Vigo, terá lugar o recital de poesía e música Vigo en verso. A cidade como factoría poética, presentado por Marta Dacosta, e coa presenza das poetas Ledicia Costas, Cruz Martínez e María Lado, acompañadas pola actuación musical de Maica Álvarez. O acto está organizado pola Asociación Cultural O Castro.