Este é o vídeo do recital de poesía, música e pintura, I Encontro en Milpedras, acontecido o 23 de xullo deste ano na Coruña:
Desde O Levantador de minas.
Este é o vídeo do recital de poesía, música e pintura, I Encontro en Milpedras, acontecido o 23 de xullo deste ano na Coruña:
Desde O Levantador de minas.
O
domingo 29 de agosto varios poetas das Redes Escarlata, entre os que figuran Claudio Pato, Alberto Lema e Elvira Riveiro, Rafa Balado, Xabier Xil Xardón, Brais González, Aitor Rivas, Xosé Antón Laxe Martiñán, Oriana Méndez e Silvia Penas, desenvolverán a súa Acción de ferreiro, acto que coincide coas celebracións de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro que cada ano teñen lugar en Celanova, a súa vila natal. Con esta acción pretenden manifestar as posibilidades dos individuos como unidades dun proxecto común. Durante o percorrido dos membros da asociación pola vila, que manteñen en segredo para manter o efecto sorpresa, recitarán textos de Celso Emilio ou doutros poetas que os participantes seleccionen. Todos eles confluirán nun punto predeterminado no que recitarán, “en efusión polifónica”, o poema do poeta celenovés Lingua proletaria.
Ese mesmo domingo 29, a partir das 11:00 h., no cemiterio de San Breixo de Celanova, onde está enterrado o autor de Longa noite de pedra, organizouse unha homenaxe colectiva ao poeta, impulsada pola Fundación Celso Emilio Ferreiro, o Colectivo Arraianos e as propias Redes Escarlata. No transcurso do acto, presentarase a nova entrega da revista Arraianos, un número especial titulado Vivir na raia, co que a publicación, segundo os seus impulsores, pecha un ciclo comezado hai seis anos nese mesmo espazo e como homenaxe tamén ao poeta. A continuación haberá un recital poético e musical onde intervirán Anxo Angueira ou Xosé Luís Méndez Ferrín, e músicos como MC García -da formación Dios Ke Te Crew-, Leo e Arremecághona ou os Labregos no tempo dos Sputniks, que interpretarán cancións con letras de Celso Emilio en clave contemporánea. O acto pecharase co gaiteiro de Lobeira, Daniel Romero.
O sábado 21 de agosto, ás 19:30 horas, desenvólvese o recital de poesía galega contemporánea Camiño de Oz, con Emma Pedreira, Dores Tembrás, Begoña Regueiro, Xurxo Fernández Martíns e Ana Cibeira. O acto, presentado por Teresa Seara, celébrase na Praza de Cervantes, de Santiago, sendo organizado pola Libraría Couceiro.
O 28 de xullo, ás 22:00 h., no Auditorio Municipal de Cangas, Inversa Teatro presenta A illa das mulleres loucas, dirixida por Vanesa Sotelo, un recital dramático baseado na obra homónima de Alfonso Pexegueiro. Esta representación une á calidade da proposta textual e interpretativa a música a cargo de dous dos compoñentes de Berrogüetto, Anxo Pintos e Quico Comesaña.
Na Galería das Letras do Festigal 2010, que se celebrará no Campus Universitario Sul, desenvolveranse os seguintes
actos culturais o domingo 25 de xullo:
Ás 15:30 h., presentación de Galiza en Suíza. 50 anos de presenza galega na Suíza, de Xurxo Martínez Crespo, editado pola CIG. No acto participarán Luís Manuel Calvo Salgado e o propio autor.
Ás 16:00 h., Carlos G. Figueiras presenta Quero saber onde se agacham as cores, publicado en Galiza Editora.
Ás 16:30 h., Pepe Cáccamo presenta Un home impuntual, publicado en Galaxia, acompañado por Francisco Castro.
Ás 17:00 h., Carlos Taibo presenta Parecia não pisar o chão, publicado en Avante Editora, da AGAL, acompañado por Valentim R. Fagim.
Ás 17:45 h., María Pilar García Negro presenta O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro, ensaio e feminismo, publicado en Sotelo Blanco, acompañada de Diego Pardo Amado.
Ás 18:30 h., Marilar Aleixandre presenta O coitelo en novembro, publicado en Xerais. No acto participan coa autora Manuel Bragado e Dolores Vilavedra.
Ás 19:15 h. haberá un recital de poesía con textos de Uxío Novoneyra e Rosalía de Castro.
Ás 20:00 h., Teresa Moure presenta A Intervención, publicado en Xerais, acompañada por Manuel Bragado. No acto proxectarase unha videointervención creada pola propia autora.
Ás 20:45h., Francisco Castro presenta O segredo de Marco Polo, publicado en Galaxia, acompañado por Víctor F. Freixanes e Montse Penas Presas.
E, por último, ás 21:30 h., preséntase a primeira versión en galego-portugués do Sempre en Galiza, publicado en Avante Editora, da AGAL, onde intervirán Fernando V. Corredoira, Camilo Nogueira e Miguel R. Penas.
Este venres 23 de xullo, ás 20:30 h., desenvolverase no Taller de Litografía Milpedras, na rúa Brasil, nº 3, baixo, da Coruña, a primeira edición de Encontros en Milpedras, unha proposta para unir en diálogo libre, ao vivo e en directo, poesía, música e artes plásticas. Actuarán recitando poemas Xoán Abeleira, Pedro Casteleiro, François Davó e Ramiro Torres, co músico Dúbi Baamonde e o artista plástico sirio Ali Ali.
O domingo 18 de xullo, desde as 14:00 h., no marco da “2ª Festa Nacionalista da Costa da Morte” que se celebra en Fisterra (Paseo marítimo da praia da Langosteira), terá lugar un recital poético a cargo de Rafa Villar, María Lado, Alexandre Nerium, Mónica Góñez e Modesto Fraga. O acto enmárcase na xornada de confraternidade organizada pola asemblea local do BNG de Fisterra. Haberá, amais do recital de poesía, distintas actividades culturais e un xantar de irmandade.
Hoxe, 12 de xullo, a partir das 21:00 h., no Teatro Principal de Santiago, Casahamlet realizará unha homenaxe a Rosalía de Castro polo 125 aniversario do seu falecemento.
Foi un empeño de Casahamlet, desde os seus inicios en 1998, o facer unha triloxía escénica sobre os tres grandes poetas do Rexurdimento. E así estreou Escuro enigma eu son (Pondal, 2002), Quen pudera convosco voar (Curros, 2008) e agora presenta Ao raso coas lebres (Rosalía, 2010), un recital-concerto que tenta mostrar a lucidez e a rebeldía dunha muller que, adiantándose ao seu tempo, desvela a situación do pobo e da cultura galega, comezando pola lingua, que ten nela a primeira usuaria con forza suficiente para inaugurar un tempo novo marcado pola consciencia e polo orgullo, así como pola contundencia fronte ás agresións. Con esta homenaxe ábrese a semana do 125 aniversario da morte de Rosalía, que se celebra este xoves 15 de xullo.
O sábado 10 de xullo, ás 21:30 h., en La Galería Jazz (Ronda de Don Bosco, 21) de Vigo, celébrase un recital poético acompañado de música e pintura en directo baixo o nome de Poesía Alimentaria, con Lucía Aldao, Ledicia Costas e María Lado, entre os participantes. Máis información aquí.
No marco da Feira do Libro de Vigo, este domingo 4 de xullo, a partir das 20:00 horas, Fran Alonso asinará exemplares do libro A araña e máis eu, publicado en Kalandraka.
Desde as 20:30 horas levarase a cabo un recital poético do grupo Brétema, de Vigo, coa participación de Carmen Darriba, José Tizado, Rosa Mª Morales, José Á. Carvajal, Candela Fernández, José M. Oliveira, Esmeralda Muíños, Mariano M. Abalo, Gelu García, Isabel González, Anselmo Prada, Isabel Ruíz, Margarita Agulló, Sergio López, Mª Luisa López, Rafael Gómez, Mª Rosario Sabín, Miguel Correa, Rosa Mª González, Félix Loira, Teresa Cariño, Bernardo Quiñones, Mª Carmen Duro, Fernando Campos, Telvi Dasilva e Alonso Rodríguez.