A Coruña: dúas conferencias sobre lingua hoxe pola tarde

Casa Museo Casares Quiroga (Panaderas, 12), Ciclo REPRESIÓN E DEFENSA DOS DEREITOS LINGÜÍSTICOS EN GALIZA: HISTORIA DA REPRESIÓN LINGÜÍSTICA EN GALIZA, por María Pilar Freitas Juvino. Martes 13 ás 19:30. Entrada: libre até completar capacidade

Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande), CICLO: LINGUA, LITERATURA E NAZÓN: “LÍNGUA E TRANSFORMACIÓN SOCIAL”, por Francisco Rodríguez Sánchez, político e intelectual. Organiza Agrupación Cultural O Facho. Martes 13 ás 20:00. Entrada: libre até completar capacidade.

A Coruña: recital de Cesáreo Sánchez Iglesias

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda, informa que o vindeiro martes 13 de outubro, terá lugar un novo acto dentro do ciclo ‘Poetas coruñeses’, que se ven desenvolvendo ao longo do ano. Nesta ocasión recitará Cesáreo Sánchez Iglesias.

Cesáreo Sánchez Iglesias (Dadín-Irixo, 1951) é autor dunha ampla obra,principiada en 1978 con Silencios e conversas de inverno. Estudiou Arquitectura Técnica e Socioloxía e Ciencias Políticas en Madrid e foi un dos fundadores da Agrupación Cultural Lóstrego, que presidiu. Continuou a manter unha posición dinámica dentro da creación do movemento asociativo cultural durante a transición, colaborando na formación da Agrupación Cultural Avantar, do Carballiño, sendo posteriormente presidente da A. C. Alexandre Bóveda da Coruña. Foi director de Edicións A Nosa Terra e presidente do semanario do mesmo nome. Traballa na Oficina Técnica de Arquitectura da Xunta de Galicia. É tamén presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

A súa poesía, varias veces premiada, caracterízase por unha elaboración en chave simbolista e evocativa, realizada en versos breves. Está considerado un dos nomes máis relevantes da promoción poética da década de 80.

Será ás 20:30h. no salón de actos da asociación (R/ Olmos 16-18, 1º), con entrada libre.

A Coruña: Rober Bass&Leo no ciclo Escrita(s)

Mañá xoves 11 de xuño ás 20 horas haberá unha nova sesión do ciclo Escrita(s) na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56), a cargo de Rober Bass & Leo. Esta é a sinopse do acto de mañá:

Rober Bass e Leo atópanse nunha autovía -os dous están abandonados- e deciden comezar unha nova vida xuntos mais para elo deberán escribir o seu currículo para atopar traballo. Eles non saben vender a súa forza de traballo, son inútiles, superfluos e proletarios. Soamente pretenden conseguir cartos para facer o único, bailar. Bailar como lobas. Neste croquis vital (en plano secuencia) sobre un mesmo, -neste caso sobre elas mesmas, pois xa superaron o xénero e o número desde a súa desmateiralización-, farán un percorrido visual pola videodanza contemporanea, sen axiomas… porque lles peta, porque son proletarias e soamente lles queda eso da conciencia de clase.

A Coruña: Sabela Pato no ciclo Escrita(s)

Este xoves 4 de xuño ás 20 horas o ciclo Escrita(s) organizado pola Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) acollerá á escritora Sabela Pato. A súa sesión leva por título A domadora:

Imos partir dun elemento central na escrita da arte contemporánea,o artefacto. Polo camiño, perderemos a noción de obra en tanto que unidade ou complexo de sentido e caeremos no disparatado. Presentareivos á domadora e descenderemos das peanas da arte ao lugar dos obxectos comúns: alí onde nós habitamos, alí onde sempre acabamos por constatar o paradoxo, pois alén dos reclamos de claridade e de facilidade, as nosas vidas abísmanse en múltiples intersticios. Acompañarannos Alicia e a eiruga, a voz de Duras e mesmo pode que Quintana.