O día 16 de abril, ás 19:30 no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela terá lugar a presentación do número 31 da revista Dorna (2006/2007). A presentación consistirá nun recital poético-musical coa participación de Anxo Angueira, María do Cebreiro, Xiana Arias, Alberto Lema, Andrea Núñez, Lía Santiso e Manu Clavijo.
Con este número recupérase a traxectoria dunha das revistas máis importantes do panorama literario galego, que leva dende 1981 ofrecendo un lugar para a expresión de voces emerxentes xunto con outras longamente consagradas.
O presente número conta, entre outras, coas colaboracións de Anxo Angueira, Chus Pato, Darío Xohán Cabana, Elvira Riveiro, Fran Alonso, María do Cebreiro, María Lado, Marilar Aleixandre, Marta Dacosta ou Miro Villar, xunto con poetas que veñen de debutar hai pouco como Alberto Lema, Andrea Núñez, Rosa Enríquez ou Xiana Arias.
O número inclúe tamén unha antoloxía bilingüe do poeta vasco Kirmen Uribe e está ilustrado con obra fotográfica da artista Carmen Chacón.
Arquivo da categoría: Recitais
Presentación na Coruña de Amor deshabitado, de Ánxeles Penas
O día 13 de marzo, ás 20:00 horas na Fundación Caixa Galicia da Coruña (Cantón Grande, 21-24), terá lugar a presentación do poemario Amor deshabitado, de Ánxeles Penas. No acto intervirán Xavier Seoane, Teresa Seara, Miguel Anxo Fernán Vello e a autora. Tamén se ofrecerán unha lectura-recital a cargo da actriz Ánxela G. Abalo e unha actuación musical do violinista Mijail Moriatov.
César Antonio Molina na Aula de Poesía de Culleredo
Inaugurado no Pazo de Vila Melania en Vilaboa (Culleredo, A Coruña) a única biblioteca temática sobre poesía que existe na Galiza, o próximo 25 de febreiro ás 17:30 o poeta César Antonio Molina fará a lectura de poemas dos seus poemarios Eume e Soños nos cantís. O acto será presentado por Miguel Anxo Fernán Vello.
Xulio López Valcárcel na Galería Sargadelos da Coruña
O martes 26 de febreiro, ás 20:00 horas, a Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) contará coa presenza de Xulio López Valcárcel nunha nova edición do ciclo quincenal “Martes Literarios”.
Claudio Pato na Galería Sargadelos da Coruña
O martes 22 de xaneiro, ás 20:00 horas, a Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) contará coa presenza de Claudio Pato nunha nova edición do ciclo quincenal “Martes Literarios”.
Preséntase en Gondomar Gondomar de Pablo, de Miguel Anxo Mouriño
O Instituto de Estudos Miñoranos organiza o recital poético e a presentación do libro Gondomar de Pablo, de Miguel Anxo Mouriño, que terá lugar o sábado 19 de xaneiro no Auditorio Municipal “Lois Tobío” de Gondomar. Será ás 19:00 horas e participarán no evento, xunto co autor, Rahel García, Aldán López, Marta Dacosta, Emilio García, Maricarmen Sestelo e Encarna Sestelo.
Tati Mancebo na Galería Sargadelos da Coruña
O martes 8 de xaneiro, ás 20:00 horas, a Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) contará coa presenza de Tati Mancebo nunha nova edición do ciclo quincenal “Martes Literarios”.
O sexto sentido, espectáculo poético-musical con Eva Veiga
O sexto sentido, espectáculo poético-musical do grupo Ouriol, será ofrecido no salón de actos da Biblioteca Pública “Miguel González Garcés” da Coruña o mércores 19 de decembro ás 20:30 horas.
O espectáculo conxuga poesía e música nun diálogo suxestivo que procura a comunicación de sensacións, emocións e sentimentos. O recital, que ten como fío conductor a propia experiencia poética, traslada ao noso idioma versos de autores estranxeiros ,tales como Blake, Michaux, Kavafis, Wallace Stevens, Sylvia Plath, Pizarnik, Cirlot, Gamoneda ou Celan; asemade, estará presente a poesía de poetas galegos como Miguel González Garcés, Manuel María ou Luísa Villalta.
O grupo Ouriol está formado polos músicos Fito Ares -instrumentos de vento- e Bernardo Martínez –percusión e clarinete-; a voz recitadora é a da poeta Eva Veiga.
Este evento pertence ao programa de actividades de animación á lectura que vén desenvolvendo a Biblioteca “Miguel González Garcés”.
Emma Pedreira na Galería Sargadelos d’ A Coruña
O martes 11 de decembro, ás 20:00 horas, a Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) contará coa presenza de Emma Pedreira Lombardía nunha nova edición do ciclo quincenal “Martes Literarios”.
Ano María Mariño: un balance
«Para que serviu o ano de María Mariño? Remocicaron as Letras nas sombras do Courel e da autoría? Que fica tras os pasos á procura do mundo dos furados? É Noia distinta? Crebar a lingua, tensar o idioma, abríronse os portóns? Que vento escoitamos agora na fosa de altura? Cóase Palabra no tempo e Verba que comenza polas fendas do canon? Independizouse María Mariño dos adxectivos? Lémola? Lerémola outra? Doce meses despois, que sabemos?, que queremos saber?» (Consello da Cultura Galega)
Este evento, organizado pola Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega e que terá lugar no Salón de Actos do Consello o 12 de decembro ás 16: 30 horas, proponnos unha mesa redonda sobre o tema e un recital poético. Ver folleto en PDF.