O
venres 14 de decembro, ás 19:00 horas, na Casa Galega da Cultura de Vigo (Praza da Princesa, 2), preséntase o número 72 da Revista Galega de Teatro, correspondente ao número de outono. O acto contará coa lectura dramatizada da obra Ritos de sangue, de María Xosé Queizán e coa presenza da propia autora. A Revista Galega de Teatro é unha publicación editada pola Asociación Cultural Entre Bambalinas, de carácter trimestral e adicada á difusión das artes escénicas. Xunto coas seccións habituais da revista que van desde a crítica teatral, á crónica de festivais, pasando por entrevistas de actualidade e artigos en profundidade sobre problemáticas do ámbito escénico, a RGT inclúe en cada un dos seus números unha peza teatral. Nesta ocasión, a peza escollida foi Ritos de sangue que será presentada da man da súa propia autora, acompañada na lectura por Afonso Becerra, Mónica Bar e Ledicia Costas.
O mesmo día, ás 21:00 horas, na Biblioteca de Quintela de Moaña, a RGT organiza en colaboración coa Lonxa Literaria de Moaña unha tertulia co dramaturgo Santiago Cortegoso arredor da súa obra Casa O’Rei, publicada por Morgante, da que tamén se realizará unha lectura dramatizada de varias escenas.
Arquivo da categoría: Revistas
Convocatoria de dramaturxias en galego para a Revista NÚA
A revista NÚA adicará o números 9 á publicación de dramaturxias en galego cun carácter experimental e de vangarda.
– Máximo 10 páxinas.
– Times Roman 12, interlineado 1,5.
– (Admítese material gráfico ou de outro tipo).
Como participar?
Envía os teus traballos antes do 7 de xaneiro a nua.escena@gmail.com
Escribe no “asunto”: Para NÚA 9
No corpo da mensaxe pon os teus datos.
Adxunta o arquivo sen firma.
Un equipo nomeado por NÚA fará a selección dos traballos recibidos. Cos textos seleccionados, NÚA editará unha antoloxía no ano 2013. Os autores responderán da orixinalidade e autoría das obras enviadas, que serán inéditas ata o momento da súa publicación en NÚA.
Terceiro número de Revista de Poesía
“Desde
xa pode lerse e baixarse en pdf o número 3 completo da Revista de Poesía, proxecto semestral do Grupo Alea de Análise Poética dirixido a investigadores/as e público en xeral. Inclúe artigos, reseñas e traducións sobre poesía galega e internacional.
poesiagalega.org pon a disposición pública o terceiro número da súa Revista de Poesía, cuxo comité de redacción está formado por Arturo Casas, Margarita García Candeira, María López Sández, Montse Pena Presas e María do Cebreiro Rábade Villar.
Esta será a última entrega da xeira que se inaugurou hai un ano. Vén coincidir coa finalización das actividades programadas para o trienio 2010-2012 polo GAAP e o equipo do proxecto de investigación poesiagalega.org.”
Santiago: presentación do número 5 da revista Roteiros. Arumes de pensamento crítico
O
mércores 7 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o número 5 da Revista-Anuario de Filosofía Roteiros. Arumes de pensamento crítico, editada por 3C3 Editores e a Asociación Cultural de Pensamento Filosófico. No acto intervirán os profesores e membros do Comité de Redacción Manuel Rivas García e Moisés Lozano Paz, Manuel Dios Diz e X. Amancio Liñares Giraut. O volume con artigos de Manuel Dios Diz, Miguel Á. Martínez Quintanar, Luís G. Soto, Moisés Lozano Paz, Manuel Rivas García, X. Luís Martínez Costas, Gonzalo Navaza e María Bascuas.
Quiosco: Grial 195
“Chega
aos quioscos a entrega 195 de Grial. A revista de Galaxia centra boa parte dos seus contidos en Diálogos O2, encontro no que antigos bolseiros da Fundación Barrié reflexionaron sobre a ordenación do territorio no noso país e o proceso global de urbanización acelerada. Canda a isto, a publicación aborda temas como a relación de Celso Emilio Ferreiro coa censura, recuperando un conto inédito do autor, ou o Conto galego de Rosalía de Castro, entre outras cuestións.” Desde Cultura Galega.
Quiosco: Revista Galega de Teatro, 72
“A
Asociación Cultural Entre Bambalinas presentou o seu último número da Revista Galega de Teatro. Nesta ocasión acaparado por outras citas escénicas como o Festival de Avignon, o de Almada, o FITEI de Porto ou o Gil Vicente de Guimarães. Canda el, este traballo, que fai o número 72 da súa serie inclue o texto Ritos de sangue, de María Xosé Queizán, no marco do proxecto de difundir a dramaturxia galega. Críticas (Galicia Caníbal, A función do tequila, Paus de cego e A terapia exposta) completan un número que dedica un artigo a Wajdi Mouawad (Líbano, 1968), un dos creadores escénicos máis relevantes do momento.” Desde Cultura Galega.
Noia: presentación de Trampa de luz, de Agustín Agra
O
venres 28 de setembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultural Avilés de Taramancos de Noia (Rúa Luís Cadarso, s/n), a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, Edicións Xerais, e o Concello de Noia presentan o número 77 do suplemento cultural A Voz de Barbantia, e a obra Trampa de luz, de Agustín Agra. No acto, xunto ao autor, participan Xesús Laíño, Milagros Torrado e Rafael García Guerrero.
Lugo: edición nº 30 da revista oral O pazo das musas
O
xoves 27 de setembro, a partir das 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, terá lugar unha nova edición, a número 30, da Revista oral O pazo das musas, de periodicidade trimestral, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), coordinado por Antonio Reigosa, e que estará dedicado ao Barroco, termo (do francés baroque) que dá nome ao movemento cultural e estilo artístico que se desenvolveu desde o século XVII ata mediados do XVIII na arquitectura, pintura, música, literatura … e outras moitas disciplinas. O sumario é o seguinte:
– Portada musical. Sonata nona per due soprani e fagotto (D. Castello), por Il Combattimento (Músicas e instrumentos do barroco) (5 minutos).
– A pegada do barroco na cidade de Lugo. Lugo barroco, por Fernando Arribas (10 minutos).
– Música. La Bataglia (F. Biber), por Il Combattimento (Músicas e instrumentos do barroco) (5 minutos).
– Letras do barroco (I). Fermoso Tejo meu e Vilancete (textos de Francisco Rodrigues Lobo), por Isidro Novo (5 minutos).
– Música. Les voix humaines (M. Marais), por Il Combattimento (Músicas e instrumentos do barroco) (5 minutos).
– A memoria do barroco no Museo Provincial de Lugo. Obra do barroco no Museo Provincial de Lugo, por María Quiroga (10 minutos).
– Música. Concerto in La minore per fagotto (A. Vivaldi), por Il Combattimento (Músicas e instrumentos do barroco) (5 minutos).
– Letras do barroco (II). En dia de cinza, sobre as palabras -quia pulvis es e Antes da confissậo (textos de Francisco M. de Melo), por Isidro Novo (5 minutos).
– Música. Suitte en Mi menor (J. Hotteterre) (Le Romain), por Il Combattimento (Músicas e instrumentos do barroco) (5 minutos).
– Letras do barroco (e III). Coloquio en 1201 coplas galegas (selección) (texto Fr. Martin Sarmiento), por Isidro Novo (5 minutos).
– Música. Música acuática (G. F. Haendel), por Il Combattimento (Músicas e instrumentos do barroco) (15 minutos).
– Opinión. Intervención do público (5 minutos).
– Epílogo. Por Encarna Lago, xerente da Rede Museística (3 mnutos).
– Contraportada musical. Taffelmusik (G. P. Telemann), por Il Combattimento (Músicas e instrumentos do barroco) (5 minutos).
Xabier Cordal, Antón Lopo, Anxo Rei Ballesteros e Manuel Rivas serán traducidos na revista norteamericana Absinthe
“Catro
autores galegos publicarán textos da súa autoría no próximo número da revista norteamericana Absinthe, que o anuncia na súa web. A obra de Xabier Cordal, Antón Lopo, Anxo Rei Ballesteros e Manuel Rivas terá presenza nos Estados Unidos a través da vontade da revista de facer unha incursión na literatura galega.” Desde Xerais.
Publicado o Revista de Poesía nº 2 en Poesía Galega
“Pode
lerse e baixarse en pdf o número 2 completo da Revista de Poesía, proxecto semestral do Grupo Alea de Análise Poética dirixido a investigadores/as e público en xeral que inclúe artigos, entrevistas, reseñas, obra gráfica e traducións sobre poesía galega e internacional. Poesiagalega.org pon a disposición pública o segundo número da súa Revista de Poesía, cuxo comité de redacción está formado por Arturo Casas, Margarita García Candeira, María López Sández, Montse Pena Presas e María do Cebreiro Rábade Villar. (…)” Vía Poesiagalega.