O
sábado 19 de marzo chegou aos quioscos galegos o último número de ProTexta, a revista de libros de maior difusión de Galicia. A publicación distribuiuse gratuitamente cos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños. A partir do martes 22 de marzo, tamén se poderá conseguir coa revista Tempos.
ProTexta contará nas súas páxinas con Antonio Gamoneda, Premio Cervantes e Nacional de Poesía, nunha conversa de poeta a poeta con María do Cebreiro na que manifesta o seu aprecio pola literatura galega: “Se sacásemos a media cualitativa da literatura de Galicia e a doutras rexións de España, ou do resto de España na súa totalidade, sería máis alta en Galicia. E isto ten que ver coa vontade de vivificar a lingua”.
A poeta e xornalista Ana Romaní, responsábel do Diario Cultural da Radio Galega, afonda nas razóns de ser da súa última obra, Estremas, que supón un xiro consciente nas marcas da súa poética. “A poesía escrita por mulleres nos anos 90 tivo un efecto moi importante en canto a visibilización. Pero ao mesmo tempo foi excesivamente uniformizador, negou subxectividades e imposibilitou lecturas específicas e máis en profundidade”, manifesta. Ao longo dunha ampla entrevista, Romaní dialoga sobre a súa escrita e as súas influencias, racha coas etiquetas coas que foi catalogada, e aborda tamén o seu labor xornalístico e o seu compromiso feminista.
“Un grande escritor non o é só por razóns literarias”, sentencia para ProTexta Antón Figueroa. O filólogo, que adaptou para o caso galego a teoría dos campos literarios de Pierre Bourdieu, conversa ao redor do seu último estudo, Ideoloxía e autonomía no campo literario galego (Laiovento, 2010), que afonda nos mecanismos de poder ao redor da escrita.
Ademais, o amplo abano de colaboradoras e colaboradores de ProTexta, entre os que encontran destacados nomes da literatura e da crítica galega, analiza as novidades máis relevantes dos últimos meses en narrativa, poesía, ensaio, tradución, literatura infantil e xuvenil e banda deseñada.
Arquivo da categoría: Revistas
Santiago: presentación do monográfico sobre poesía galega contemporánea da Poetry Review
A revista Grial rende tributo a Francisco Fernández del Riego no seu último número
(Xornal)
Vigo: exposición O obxecto poético e a edición, no Verbum
Do
xoves 17 de febreiro ao domingo 1 de maio, no Verbum-Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo, e en horario de 10:00 a 19:00 h., pódese visitar a exposición O obxecto poético e a edición. Dúas achegas dende o surrealismo. Colección da Fundación Eugenio Granell, unha incursión no surrealismo mediante un proxecto expositivo creado ad hoc para o Verbum pola Fundación Eugenio Granell. A exposición está conformada por unha coidada selección de obxectos de artistas clásicos do surrealismo internacional como Eugenio Granell, Ludwig Zelller ou Susana Wald, e de artistas vinculados ao mesmo, da talla de Marcel Duchamp, así como doutros autores e autoras que continúan hoxe en día realizando novas contribucións ao movemento. A mostra achéganos asemade á complexidade e actualidade do movemento a través dunha selección das súas publicacións. A revista surrealista é unha ferramenta fundamental para os creadores plásticos e literarios, tanto como foro válido no que debater ideas éticas e estéticas, como a modo de escaparate e sistema de difusión das súas pezas, e ás veces, tamén como único medio de edición para as súas creacións. A inauguración terá lugar o xoves 17 de febreiro ás 20:00 h.
O Ateneo Ferrolán propón a participación cun relato na Revista Atenea
“O Ateneo
Ferrolán, volve a poñer á vosa disposición a Revista ATENEA para que enviedes un traballo en idioma galego (máximo 1 folio) baixo a temática: Para un museo imaxinario: cómo asasinar ás musas (Ideas e aportacións) e, de quedar seleccionado, publicarémolo na Atenea nº 41 de abril – maio – xuño 2011. De estar interesado/a, ponte en contacto con nós ou envíanos por correo electrónico o teu traballo facendo constar o teu nome, enderezo e contacto antes do 15 de marzo de 2011. A publicación da revista é trimestral dende 1999 e ten unha tirada de 1.000 exemplares distribuíndose de forma gratuíta a Centros de Ensino, Culturais, Bibliotecas e Centros de especial interese de Galiza e resto da península.”
Os enderezos son: e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: 981 357 970, fax: 981-354 098 | Enderezo postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402, Ferrol (A Coruña). Máis información nesta ligazón.
Nace A Cuarta Parede, a primeira revista de cine en galego na rede
Quiosco: Núa, 1
A Poetry Review achega a obra de vinte poetas galegos actuais chega aos lectores británicos
A RGT leva o I premio Fegatea
Porto do Son: entrega dos Premios Barbantia e presentación do Anuario de Estudos do Barbanza 2010
O
venres 3 de decembro, a partir das 20:30 h., na Casa da Cultura de Porto do Son, a Asociación Cultural Barbantia, a Deputación da Coruña e o Concello de Porto do Son organizan a presentación do Anuario de Estudos do Barbanza 2010 e a entrega dos Premios Barbantia da Cultura, actos que terán lugar na Casa da Cultura de Porto. No acto participan Manuel Cartea, Xesús Laíño, Ramón Quintáns, Xoán Pastor Santamaría e Caridad González. A entrada é libre e gratuíta para socios e non socios. Os premiados desta edición son:
– PREMIO BARBANTIA 2010 Á TRAXECTORIA CULTURAL NO BARBANZA: Pepe Romero (músico e gaiteiro).
– PREMIO BARBANTIA 2010 Á INICIATIVA CULTURAL NO BARBANZA: Coordinadora dos Equipos de Normalización Lingüística.
– PREMIO BARBANTIA DA CULTURA GALEGA 2010: Andrés Torres Queiruga (teólogo).
